viernes, 16 de marzo de 2018

A PRIMEIRA TALLA DO CRISTO DAS BOAS AUGAS CHEGOU A TIRÁN POR MAR, EN 1702, NO DÍA DA BATALLA DE RANDE.



Así se recolle no seguinte descargo para o culto do ano 1702, rexistrado no 2º. libro de contas da fábrica da igrexa de San Xoán:

Veinticuatro reales que costaron a hacer y pintar los brazos de la imagen de un Santo Cristo, que apareció sin ellos junto a esta Iglesia al dicho día que se quemó la flota de España en la Baja de Redondela; también salió otro de mayor bulto que mudó algo de su cuerpo, este se puso y está en la capilla de Nuestra Sra. del Castro

Apuntamento do 2º libro de contas de fábrica para o culto da igrexa de Tirán; nel relacionase a dous crucifixos coa batalla de Rande. O libro atópase no Arquivo Diocesano de Santiago.

A través do anterior apuntamento, coñécese que os dous crucifixos chegaron aos arredores do templo de Tirán o 23 de outubro de 1702, data en que se queimaron os galeóns de Rande; o primeiro deles, que apareceu sen brazos, despois de restauralo por 24 reais, entronizouse na propia igrexa e, sobre o segundo, sinala o texto que saíra co corpo “algo” mudado dun lugar, que non podía ser outro, que o recuncho da praia situado debaixo do templo, á altura da que aínda se chama, Fonte das Boas Augas; fonte desaparecida como tal, polo desprendemento do muro onde estaba incrustada; na actualidade, a auga do seu manancial verte directamente á ribeira do mar.

Tendo en conta que este segundo Cristo trasladouse cara a capela dos Remedios onde estivo exposta, de cotío, durante máis de 150 anos, era a propia confraría da Virxe a encargada do seu culto e mantemento; non obstante, como entre 1688 e 1726 non se apuntaron contas no libro dela, descoñecesen os cartos empregados na súa restauración; tampouco constan cargos nin descargos posteriores, ata 1855, ano en que se rexistraron os seguintes:

Ítem doscientos cincuenta y un reales y catorce maravedíes de limosna de caja (peto) en todo el año, incluso la del Santo Cristo y San Mauro que se veneran en la Capilla.

Ítem doscientos sesenta y un reales y ocho maravedíes importe de las promesas que se vendieron en pública subasta, incluso una del Sto. Cristo.

Ítem doscientos reales, importe de pintar la Imagen de santo Cristo de buenas Aguas, hechura de su Cruz nueva, incluso clavos, corona de espinas y más correspondiente, más el Dosel y su pintura, excepto las cortinas que se dieron de limosna.



Neste último parágrafo sublíñase, pola primeira vez, que se coñecía como santo Cristo de buenas Aguas, a imaxe do crucificado que estaba depositada na capela do monte do Castro. No que concirne ao ano 1876, no libro, contabilizouse a seguinte doazón:

Vaca que le dieron al Smo. Cristo de las Buenas aguas y a la Santísima Virgen de los Remedios y se vendió en pública subasta por 392 reales y 17 maravedíes.



Ao remate dun apuntamento do libro de contas da confraría dos Remedios, ano 1882, anótase que íase a:

… celebrar la misa de la función de el Santísimo Cristo el día Martes de Pascua y vuelta de la Procesión a la Iglesia …


Trátase da primeira constancia documental de que, tal e como sucede na actualidade, o Cristo que xa se veneraba diariamente na igrexa, o domingo de Pascua dese ano levouse en procesión, xunto coa Virxe dos Remedios, ata a capela para festexalo o seguinte martes e, deseguido, volveron xuntas as dúas imaxes cara ao templo de Tirán. Como contrapartida, tívose que trasladar a festa de San Amaro, honrado tradicionalmente nesa data, ao seu día propio, o 15 de xaneiro. Así o demostra un descargo do libro de contas que se corresponde co devandito ano 1882:

Ítem de una Misa Cantada que se celebró al Glorioso San Mauro en su día, importe con todos los gastos, veinticuatro reales.

San Mauro ou San Amaro era avogado dos reumáticos polo que, a partir do seguinte ano, seguiuse celebrando a súa festa na ermida do monte do Castro no día posterior ao da Virxe; tradición continuada ata despois de 1912 en que desapareceu por completo; tanto é así que, na actualidade, nin sequera se conserva a pequena imaxe do santo.

Para darlle fin aos documentos sobre a talla histórica do Cristo das Boas Augas, sinalar que segundo se constata no libro de culto parroquial, en 1969 mercouse outra imaxe moderna que a substituíu; ao mesmo tempo adquiriuse un segundo crucifixo, de maior tamaño, para penduralo no muro do altar maior, onde se atopaba un retablo do ano 1610 derrubado nesa época. Despois da recente reparación da igrexa, cambiouse ao muro norte da nave románica.

Tendo en conta o que foi descrito, cumpre resaltar o valor histórico que representa para Tirán descubrir que na parroquia coexistiron, desde o ano 1702, dúas imaxes do Crucificado chegadas, sen dúbida, flotando pola ría de Vigo no propio día da batalla de Rande; por elo, é moi posible que fosen arroxadas pola borda de galeóns españois antes de ser queimados en presenza dos barcos de guerra da flota anglo – holandesa. Sobre a primeira que se descubriu, descoñécense fotos e datos diferentes aos sinalados; con respecto á segunda, existe polo menos unha fotografía anterior a 1969, onde é trasladado en procesión cara ao monte do Castro, nun domingo de Pascua.

Nas fotos impresas nesta páxina, pódense comprobar as diferenzas existentes entre a imaxe barroca do Cristo que chegou a Tirán por mar desde Rande, ata encallar na praia á altura da fonte das Boas Augas, no ano 1702, e a moderna que se continúa festexando, cada martes de Pascua, no castro dos Remedios,

Dúas imaxes do Cristo das Boas Augas; a primeira, barroca, e a segunda, moderna, mercada no ano 1969. Arquivo da A. C. Nós e do autor.