miércoles, 27 de junio de 2012

A casa fidalga do Rosal, por Xoán Miguel González Fernández, Xosé Carlos Villaverde Román e Manuel Pérez Rúa







AS ORIXES DO VÍNCULO: OS ROMAI





Os máis remotos antedecentes do que se coñecerá como Casa do Rosal abarcan un período que se extende pola segunda metade do século XVI e primeiro tercio da centuria seguinte. Esta etapa caracterízase por unha sucesión de completas herencias familiares que van decantando as propiedades moañesas hacia unha liña da estirpe fidalga dos Romai. 0 proceso remata na sua concentración en mans de Catalina López de Romai e de seu esposo, Alvaro Suárez de Deza, os cales establecerán sobre elas un vínculo e morgado que por carecer de descendencia e tendo como base 0 Rosal, logo vai ser enseñoreado durante longo tempo pola linaxe dos Saavedra.





A primeira referencia sobre as "casas e lugar" do Rosal aparecen na partixa dos bens do poderoso rexedor pontevedrés Alonso García de Raxó (1) -fillo de Ares García de Raxó e de María do Río- e da súa dona Constanza López de Romai, primeira dese nome. Os bens familiares repartíronse entre Jácome García de Raxó, quen como primogénito foi "millorado" nun tercio e quinto da herencia, Pedro Vázquez de Abreu e o licenciado Alonso Pérez de Pagos, Correxedor de Ponferrada, esposo de Dª María de Junqueras, veciños da vila de Cangas.





Boa proba do seu poderío económico e aboengo social é a propiedade de tres casas grandes na cidade do Lérez, nas que abondaban os ricos tecidos e os obxectos de prata e ouro, estando taxados eses axoares nun valor de 1.000 ducados. Pero a base da economía familiar descansaba na posesión de moitas terras, entre elas o lugar do Rosal, que andaba valorado nada menos que en 2.290 dcs., deixando cada ano como proveito 500 celemíns de pan mediado, "mijo", e centeo, e ademáis 30 dcs. de liño, froita, madeira e outros productos.




En 1571 ten lugar outra partixa, esta vez de certos bens na Fraga e Berducedo, que levaba a devandita Constanza López de Romai, contra os que reclamaban seus irmáns Fernando de Romai e Pedro Falcón Romai. Este último xa tiña presentado recurso ante a Xusticia de Cangas no 1559, esixindo o inventario e reconto da terceira parte da herencia que lle correspondía por morte de seus país, Juan de Romai e Urraca Falcón, nos que estaba intruso o citado Fernando de Romai, dono das casas e terras do Rosal.


Hacia o ano 1600 lévase adiante un pleito ante a Real Audiencia de Galicia presentado polo capitán Alvaro Suárez de Deza e a sua dona, tamén chamada Constanza López de Romai, veciños da vila de Vigo, contra dos outros tres fillos que fincaran de Fernando de Romai e Catalina Álvarez Saavedra, residentes que foran en Cangas. Deste matrimonio naceran Álvaro de Romai, casado con Elvira Prego de Montaos, a quen sucedeu Francisco Prego de Montaos, entrando os outros irmáns nos conventos de monxas de Redondela e nos franciscanos de Pontevedra. Outro vástago, Francisco de Romai, casou con Beatriz Suárez de Avalle, e tiveron a Francisco de Romai "o mogo". Finalmente, Pedro de Romai, matrimoniará con Inés Rodríguez Troncoso, procreando a Urraca Falcoa Romai, quen casará con Nicolás de Pazos, sendo estes os progenitores de D. Gonzalo Saavedra, primeiro señor do Rosal.



0 matrimonio formado polo capitán Alvaro Suárez de Deza e Constanza López de Romai foi adquirindo pouco a pouco moitas das propiedades familiares situadas en Moaña, mediante unha política de compras continuadas. En 1602 mercaban a Francisco de Romai por 24 dcs. a parte de herencia que lle tiña correspondido, o mesmo que fixeron co cupo de Nicolás de Pazos e Urraca Falcón.



A súa morte vincularon tódalas súas propiedades, tanto o capital aportado no dote de casamento, como as terras que foron agregando en compañía ou matrimonio. O conxunto englobaba ademáis de varias casas na vila de Vigo, inclusive súa residencia na Praga, máis de 54 fincas espaliadas sobre todo polo Fragoso e o Morrazo, así como tamén algúns eidos na zona de Redondela. De entre estes, o núcleo máis importante atopábase no moañés lugar do Rosal, onde ficaban as leiras de Chan do Agro de Gatos, Subriego, Estripeiro, Rapadouro, Xunto á lgrexa, Campo e Sande. Sobre elas vaise levantar axiña a pronto coñecida como Casa do Rosal, que pasou a mans de seu sobriño Gonzálo Saavedra, ó non ter descendencia directa.


Xunto con este morgado, o capitán Alvaro Suárez de Deza polo seu testamento de 1627 deixaba unha fundación pía composta por unha misa semanaria e tres cantadas, as que no 1631 por codicilo de Dª Constanza pasarán a duas cada semana, aumentándosela tamén as rendas para o seu sustento, e deixando como primeiro patrono ó consavido Gonzalo Saavedra. Tal obra pía estaba dotada cun conxunto de rendas sobre catro lugares de Meira e Moaña, que sumaban cada ano 37 ferrados de pan de trigo, 76 de "mijo", 60 de centeo, 5 galiñas e un marrau ou por él 2 dcs.; unha congrua sen dúbida abondosa.


Ademais os señores do Rosal heredarán asimesmo outros dereitos adquiridos nesta época, como por exemplo, a presentación do cura párroco de S. Bartolomeu de fozara (Ponteareas), ó través dunha doazón que no 1550 fixera Pedro Falcón a súa cuñada Catalina Álvarez Saavedra das duas tercias partes do dito curato, debendo pagarlle os cregos nomeados cada ano unha pensión de duas fanegas de trigo (2). Parece tamén que por vía de D. Pedro de Romai levaban alo menos parte do dereito de presentación do curato de Meira, despois dunha avinza á que chegara no 1585 co capitán Alonso Rodríguez de Ald







A LINAXE NOBILIAR DOS SAAVEDRA




Dende que Gonzalo de Saavedra recibe o morgado e vínculo establecidos por D. Alvaro Suárez de Deza e doña Constanza López de Romai, os seus sucesores enseñorearán ininterrumpidamente e sen fisuras a Casa do Rosal durante douscentos cincoenta anos. Da xenealoxía desta distinguida familia, máis que unha mera sucesión de nomes, merecen destacarse varios aspectos: o carácter endogámico dos matrimonio, sempre dentro da sua mesma crase social; o acrecentamento ó través deles do patrimonio familiar, incorporando outros señoríos; o destino que se lles reservaba ós vástagos segundóns; e, para rematar, o proceso de abandono do pazo e a marcha á cidade, paso moi común na Galicia do XIX.


As orixes da linaxe dos Saavedra son algo confusas, e as sucesións establecidas ás veces resultan dubidosas. Parece remontarse a un tal Gonzalo Saavedra, casado con doña Cecilia Bazán y Vivero, vástaga dunha nobre casa da que sairán logo os Vizcondes de Altamira (3), máis tarde Condes de Fuensaldaña, dos Grandes de España. Deste tronco derivarán duas pólas, xunto con outro fillo crego; dunha delas descenderá outro Gonzalo Saavedra, emparentado despois cos Patiño; a outra ven de doña Francisca González Saavedra, que por vía de doña Cecilia, no seu matrimonio con D. Jácome López de Deza, enlazará cos Quiroga, Mariño e Briones, e nunhas segundas nupcias con D. Gonzalo Saco de Quiroga, continuando a liña sucesorio nos Torres e Bazán. Outro descendente de doña Francisca, asimesmo chamado D. Gonzalo Saavedra, casará con doña María Álvarez de Pazos, nacendo o capitán D. Nicolás Saavedra, que coa sua dona doña Urraca Falcón Romai Sotomayor, son os progenitores da liña xenealóxica dos señores do Rosal.


Cremos que foi o propio D. Gonzalo Saavedra quen mandou edifica-la primeira mansión solariega do Rosal hacia a década de 1640, posto que é o primeiro que se intitula Señor da Casa do Rosal e tamén por ter fixado sua residencia nese lugar da parroquia de Moaña (4). Este primeiro representante da linaxe casa con doña Beatriz Suárez de Deza, sobriña dos fundadores do morgado. Heredará os bens dun parente crego, entre os que se incluían as propiedades coñecidas como "Facenda de Sanxenxo". No 1646, xunto cos seus irmáns o párroco de Moaña D. José de Pazos, e con D. Esteban de Pazos, abade de Sta. Cristina de Pazos, entregaban en dote á súa irmá doña Catalina Saavedra 2.000 dcs. para casarse co nobre D. Juan de Oia Ozores Sotomayor, fillo do capitán vigués Pascual de Oia e de doña Inés Zeta de Lobeira. D. Gonzalo, como case tódolos seus sucesores, detentará o grao ou rango de "capitán", polo que comandaba as milicias populares formadas por paisanos que entraban en acción en caso de perigo bélico, e que por ende enchía de distinción social ó portador (5); ademais, en ocasións, a este engádeselle o cargo de Sarxento Maior.


D. Gonzalo tivo por descendentes a doña Urraca, que casa con D. Francisco Pimentel; a doña Josefa, matrimoniada con D. Luis de Zúñiga; e tamén ó capitán D. Nicolás Saavedra Romai y Figueroa, primoxénito heredeiro da Casa do Rosal, quen enlaza con doña Mariana Valcarce y Sotomayor, fanecendo hacia o 1690. Este ventajoso vínculo reportoulle o señorío dos coutos de Vilalpape, Marzán e Santa Baia de tuiriz, en Bóveda e Pantán, Lugo; a sua potestade limitaríase á percepción de certas rendas da terra ou como moito dereitos de carácter xurisdiccional, xa que nos dous primeiros casos o dominio político sobre o conxunto da parroquia de S. Bartolomeu de vilalpape estaba en mans do poderoso Conde de Lemos, e a última freguesía, integrada dentro da Xurisdicción de Moreda, pertencía ó mesmo nobre; o que realmente deberían ser importantes eran as propiedades territoriais que neses lugares posuían os Valcarce (6).


A D. Nicolás sucedeulle na Casa do Rosal o asimesmo capitán D. Antonio Jacinto Saavedra Romai, quen tivo que pleitear con sua nai polas diferencias que reclamaba de cando ela, durante a minoría de idade, exercera como titora e curadora. Casará con doña María Antonia Micaela Maeda del Hoyo y Velasco, quizais emparentado co Oidor da Real Audiencia de Galicia D. Juan Maeda del Hoyo. Parece que sacou ejecutoria de fidalguía no ano de 1705.

Estes exgendraron por fillo ó capitán de cabalería, intitulado Comandante da Península do Morrazo, D. José Antonio Saavedra, que matrimonio con doña María Vicenta Fernández Boán Noguerol. Tiveron prolífica descendencia: doña Catalina e doña Ángela profesaron a clausura en Vigo; D. Vicente foi párroco de Moaña e D. Francisco abade de Fozara; doña Teresa morreu célibe; doña Clara uniuse en Portugal con D. José Pinto Acuña, e doña Josefa Francisca con D. Manuel Antonio de Oía Miranda y Saavedra, con sucesión por vía dos Méndez; o varón maior, D. Antonio, sucedeulles no señorío do Rosal. A privilegiada posición social e económica de que gozaba D. José Antonio Saavedra, queda de manifesto na comparación con outros fidalgos rurais do Morrazo nos anos centrais do século XVIII, podendo medirse a diferencia no número de criados de servicio con que contaba a casa, e, menos, no tamaño e renda do pazo familiar. 

D. Antonio Saavedra naceu en Vigo no 1727 e matrimoniará con doña Jacinta de Yebra Oca y Pimentel, da Casa de Láncara. Tiveron descendencia en D. Pedro, abade de Moaña, e D. Antonio, cura de Domaio; D. Manuel morrerá célibe sen sucesión; doña Agustina, que casa en 1770 con D. Manuel Olavarrieta, Señor do Troncal, procrea a D. Ramón Olavarrieta, Comandante da Milicia Nacional e alcalde do efémero Concello Constitucional de S. Salvador de Teis no 1822 (7); o primoxénito, D. José, heredará o morgado familiar do Rosal.

Antes de pecha-lo século XVIII entra a encabeza-la linaxe D. José Saavedra Yebra, nacido en Moaña no 1765, quen se une en 1782 con doña María de la Exclavitud Bermúdez Saco (8), pasando a residir no lugar de A Gándara (Lavadores). Era esta noble dama filla de D. Antonio Bermúdéz de Sotomayor, Señor da Xurisdicción e Casa de Tebra, e de doña María del Carmen Saco y Abraldés. Nacéronlle dous vástagos: D. Gregorio, que ingresou no elitista corpo de Garda-Marinas hacia 1805, e D. Manuel, que se fará cargo do vínculo do Rosal. Este ventaxoso casamento leva ós Saavedra ó inicio dunha curta época de máximo explendor, xa que por unha banda pasan a encargarse da administración dos bens de Tebra (en 1799 andaban taxados en 9.329 rs.), pois o sogro, titular desa linaxe, estaba residindo en México, na Nueva España (9); por outra, D.ª María Esclavitud, coa morte do primoxénito D. Andrés, e impoñéndose sobre as outras irmás, heredou de seus pais, D. Luis Antonio Saco e doña María Josefa Abraldés de Vega, o montaraz señorío de Cedrón (Láncara, Lugo), que parece integraba importantes bens en Villafranca del Bierzo e Bóveda. A expansión da Casa do Rosal estaba a piques de chegar ó punto máis alto, se ben, pola contra, os Saavedra xa comenzan a desvencellarse do pazo solar moañés.

D. Manuel Saavedra sucedeu a seu pai cando este morre, hacia 1824. Había nacido 35 anos antes, e casará axiña con doña María de la Concepción Costas y Arce, polo que recibiron en herencia o patrimonio da Raposeira (Sárdoma, Vigo), ó se-la única sucesora da linaxe dos Arce (10). Este matrimonio tivo fecunda descendencia, dacal, doña Josefa, doña María del Socorro e D. Manuel, permanecerán sen tomar estado; doña Anuncia enlaza con D. Ramón García Blames; doña María del Pilar matrimonio con D. Siro Montenegro; doña Purificación con D. Nestor Pardo Saavedra; e doña María de los Dolores entronca con D. Ildefonso López Hedigar, de quen descenden os actuais donos do pazo, quedándose co morgado o último posuidor antes da división patrimonial: D. José Saavedra Costas. 

O petrucio, D. Manuel Saavedra, distinguiuse por ser un dos membros da nobreza rural galega que defendeu o novo Réxime Liberal encarnado por Isabel II, fronte as ameazas do carlismo militante, que con tantos apoios contaba en Galicia. O señor do Rosal será nomeado en 1837 Comandante da Milicia Nacional do Distrito de Meira (antigo nome do Concello de Moaña), levando baixo o seu mando un batallón de 6 compañías formadas por 710 paisanos, que tiña como lugar de reunión os mesmos arredores do pazo. D. Manuel Saavedra xa dende ben cedo debía de pasar longas temporadas en Vigo, deixando suas posesións moañesas, inclusive a mansión familiar, a cargo de diferentes administradores (11), dando nacemento a un éxodo que non coñecerá volta a atrás.

O último señor do morgado do Rosal, o primoxénito D. José Saavedra Costas, naceu en 1827 e deixará de existir sen descendencia no 1883. Este heredou de seus pais hacia 1862 un patrimonio que entre a metade do vínculo e dos bens adquiridos (que lle deixaron como "millora") e maila lexítima, estaba valorado en 884.400 rs. da época. Este persoeiro marcou o débalo definitivo da Casa do Rosal, residindo de seguido na cidade olívica, e deixando o patrimonio fraccionado entre as distintas pólas da familia, co que rachaba un morgado secular, sustento de seu prestixio e poderio 




OS RECURSOS ECONÓMICOS: A POSESIÓN DA TERRA





A fidalguía ou pequena nobreza rural galega, ó longo da Epoca Moderna ou Antigo Réxime ten na posesión da terra o seu principal e case exclusivo xenerador de ingresos económicos, é dicir, a base da sua fortuna e prosperidade (12). Os bens inmobles, pero en especial o agro, vai ser considerado como a única riqueza que nunca perde valor, un investimento sólido que aporta estabilidade, e que ademáis cando se acumula e ainda acrecenta, dotará ó seu posuidor dun indiscutible prestixio social. As grandes casas fidalgas comenzan a facerse cos fundos xa no século XVI, conseguindo sobre todo das institucións eclesiásticas e da nobreza titulada unhas terras que logo cederán ó campesinado en troques dunha renda máis elevada mediante un contrato de subforo. A transmisión do patrimonio familiar case completo a un só vástago, polo xeral o primoxénito -sistema do morgado-, permitirá manter case sen fisuras o poderío da linaxe durante varios séculos, que ainda pode verse incrementado por medio de ventajosos matrimonios endogámicos, moi comúns neste nivel social.



Seguindo un mecanismo xeralizado en toda Galicia, vai ser nos últimos decenios do século XVI e nos comenzos do XVII cando o capitán Álvaro Suárez de Deza e sua dona Constanza López de Romai, unindo os bens heredados cos que adquiren durante a compañía matrimonial, case sempre por compra a outros parentes, consiguen tras un longo proceso facerse cun importante patrimonio, que "avinculado" en forma de morgado legarán a seu sobriño Gonzalo Saavedra, poñendo así os cementos do que será a Casa do Rosal. Estes deixaban algúns inmobles sitos na vila de Vigo (O Berbés, A PraÇa, A Lama ... ), pero sobre todo un numeroso conxunto de fincas que a causa das vías de posesión espallábanse por tres zonas: a maior parte das rendas percibíanse nas parroquias occidentais da Península do Morrazo -cunha grande concentración en Moaña-, outro monto importante correspondíalle ó Val do Fragoso, e finalmente, en Redondela parecen predomina-los eidos pequenos. O conxunto do que recadaban cada ano deixaba uns ingresos máis que respetables: pocas terras recollen 294 ferrados de trigo, 270 de "pan mediado", 334 de "pan terceado", 88 de centeo e 34 de "mijo" miudo, ademáis de 64 galiñas, 10 porcos, 3 carneiros, un pouco viño, un feixe de "polvos de testa", 9 días de servicio ou traballo -resíduo da época medieval- e 263 rs. en cartos, procedentes todos estes de Redondela; como complemento, as casas de vigo, rendianlle 377 rs. e os réditos de “censos" ou hipotecas outros 139 rs. máis.



Co paso do tempo, e xa cos Saavedra enseñoreando a Casa, este patrimonio en maior ou menor medida debeuse ir incrementando, ata chegar as cantidades que aparecen recollidas no inventario post-mortem de D. Nicolás Saavedra, ejecutado en 1703, onde se suman as rendas de tódalas propiedades familiares. O resultado, que vai exposto na táboa, permítenos indicar que por esas datas a Casa do Rosal era unha das máis ricas e poderosas do Morrazo e quizais ainda dambalas duas bandas da ría de Vigo. 



O volume dos grans esprésase en ferrados, agás o trigo de Cedrán que vai en fanegas



Agora ben, a todo isto habería que engadirlle unha certa proporción de viño que os señores do Rosal explotaban directamente a base de xornaleiros e criados, producto moi cobizado, que en parte se destinaba para o consumo doméstico e o resto adicábase á venda. Nos anos anteriores ó xa citado de 1703, obtíñase un promedio anual de 10 pipas, as cales valerían aproximadamente uns 1.780 rs. O Viño representaba en 1828 a quinta parte dos 19.189 rs. de ingresos que se obtiñan no Morrazo. Nembargantes, sen coñece-lo motivo deste cambio tan radical, na data serodia de 1874 o importe do viño supera ó resto da producción, acadando un 56% do percibido neses mesmos dominios.

A chamada "Facenda de Sanxenxo", unha das primeiras en engrosa-lo morgado dos Saavedra, era de seguro a menos importante deste hetereoxeneo señorío, pois no devandito ano de 1874 tan só rendaba 1.383 rs. Non acontecía o mesmo cos bens sitos en Vigo e no inmediato Val do Fragoso, que deixaban ó cabo do ano uns ingresos nada despreciables; en esencia, coincidía co que xa se avincu-lara a comenzos do século XVII, espaciándose sobre todo pola beira do litoral e pola depresión media; ainda que algúns se perderán, como os de Chapela, outros se incorporan en duas parroquias do limítrofe Val da Louriña; comparativamente, en 1803 detectase unha maior concentración de propiedades na parroquia de Lavadores, quizais por ter incorporado os dominios dos Bermúdez. Descoñécese a situación e os beneficios que lles reportaban as propiedades sitas na zona de Redondela.


Sobre as posesións da linaxe nas lonxanas terras lucenses, pode sinalarse como o señorío de Cedrón, que ficaba nas montañas do Cebrero, presentaba dificultades para a sua conservación, requerindo a presencia dun administrador e de dous criados, mentres que o número de veciños nos mediados do XIX reducíase a tan só 96. As propiedades, que os Saco tomaran do mosterior de Penamaior, producían sobre todo centeo, algún trigo e castañas, pero a sua rendabilidade era baixa, dahí que case a metade dos ingresos se entregasen en moeda corrente. Dos dominios de Vilalpape e Tuiriz nada se pode dicir en concreto.

O réxime da propiedade da terra presentaba tres variantes. Cando detentaban a propiedade plena, cedían as fincas por medio dun contrato de foro ós campesinos, quen a cambio estaban obrigados a entregarlle cada ano unha renda fixa ou proporcional á colleita, en especies ou en cartos, non demasiado grabosa, beneficiándose os paisanos da seguridade que daba a longa duración que se estipulaba. Nembargantes, a fidalguía rural caracterizarase pola sua posición de intermediaria, tomando as terras das institucións eclesiásticas, dos grandes nobles titulados ou inclusive doutra casa señorial moi poderosa, e ó tempo deixabanllas ós paisanos por unha renda bastante máis elevada ó través dun contrato subforal.

Parte das compras que realiza a Casa do Rosal no período 1807-1831 tiñan como propietario ou directo dominio os conventos de monxas de Redondela e Vigo, os prioratos de Rande e de Ermelo (dependentes dos mosteiros de Armenteira e Poio respectivamente), os Condes de San Román e Maceda, o Marqués de Castelar, o Duque de Sotomayor, ademáis das casas de boán -coa que estaban emparentados- e a de orixe asturiana dos Acevedo (13). No prorrateo ou reparto de rendas do Foral de Paradela e Río Alboura (Meira), dominio directo dos citados Acevedo, efectuado en 1851, ponse de manifesto que D. Manuel Saavedra levaba o 8% do valor total, tendo o cupo máis grande, composto por 11 pezas de terra que lle traballaban 7 colonos

A última modalidade era o arrendamento a curto plazo, con cuotas rentuais elevadas ó poder irse actualizando. Sobre a sua representatividade cómpre referirse xa á data serodia de 1874, cando absorvía o 82% do millo recadado (especie americana que se impuso no rural costeiro dende comenzos do XVII) e un 3% dos cartos, manténdose os demais cultivos baixo o vello réxime foral.

Dende a sua residencia pacega do Rosal os Saavedra unicamente levaban un control directo sobre os bens do Morrazo, sobre todo no que se refire á cobranza das rendas, emporiso cada ano polo tempo da colleita daban poder a un home de confianza ou ás veces de modo estable para que se fixese cargo desa tarefa. No 1752, D. José Ato. Saavedra designaba para Vilalpape e Tuiriz a D. Bartolomé Saco y Quiroga, e para as xurisdiccións de Redondela, Vigo, Bouzas e O Porriño, a D. Francisco Sequeiros. Nos primeiros anos do século XIX D. José Saavedra tiña como cobrador permanente para seus dominios no Val do Fragoso a D. Domingo Antonio Pereira de Castro.

Entre os bens inmobles de que disfrutaba a Casa do Rosal, xunto cos abrumadoramente maioritarios en forma de terras de cultivo -inclusive as apreciadas viñas- e de montes particulares (en Moaña levaba, por exemplo, o Monte da Maceira, de 1.350 f. de extensión, lindante con Meira e Piñeiro), tamén posuía algunhas vivendas: 6 na vila de Vigo no 1807 e máis hacia o 1816 outras 5 en Cangas xunto con algunha en Quintela. As rendas que deixaban eran cativas ó lado das que obtiña polas fincas, comprendendo unha porcentaxe case insignificante no conxunto dos seus ingresos.

Tamén investían na compra de muiños, sobre todo para dar avío a seu propio autoconsumo. Así aparecen descritos os do chamado río do Rosal no Catastro de Ensenada:

", Dn. Joseph Saavedra tiene dos molinos, uno de piedra blanca de moler trigo de una Rueda, que trae al tercío Jacínto Pousada, y por moler quasí para el Dueño los díez meses del año, y por serpocas las personas que a él ban a moler, Regulan a su dueño de utílídad Doscientos y cínquenta reales de vellón al año; y por otro negrero que trae también en arríendo el mencionado Jacinto Pousada, Cíen reales de vellóN".

Esta política de adquisicións vaina mante-la Casa ó longo do tempo, pois entre 1805 e 1807 D. José Saavedra faise con varias partes do muiño de Gandón, e no 1818 mercaba tres turnos no muiño da Miranda. Pasado un tempo, no 1875, os Saavedra estaban en posesión do muiños das Barxas, Carrachal e Sequeiros, así como tamén dos da Granxa e da Riveira.

Resulta curioso sinalar como en toda a documentación consultada, que abarca un extenso período cronolóxico e unha amplia variedade tipoióxica, non se atopan referencias á extendida práctica de explotación gandeira mediante contratos de apacería, á que tan dados eran os fidalgos rurais como pequeno investimento. Quizais a clave sexa o feito de que se estipulaban convenios personáis que non deixaban pegadas na escrita, ou tamén é posible que a Casa do Rosal non tivese interés nesta actividade que ó ser "a pedra e ganancia" representaba unha operación arriscada.
Finalmente, cómpre indicar que, como outros moitos podentes, practicaban o empréstimo ós campesinos que se veían necesitados, de xeito que no 1819 D. José Saavedra tíñase entregado en anos anteriores a tres veciños de Moaña cantidades que sumaban os 1.327 rs. Estes empréstimos, así como o impago de rendas (14) en moitas ocasións eran o paso previo para adquirir certas propiedades dos debedores, como acontecen en 1839 e 1842 con José Paredes, quen para compensar ó acredor, D. Manuel Saavedra, vese na obriga de venderlle catro fincas no Río Alboura por valor de 1.303 rs., sendo a operación económica máis importante realizada polos señores do Rosal no período de 1826 


0 PAZO E A VIDA COTIÁN

O pazo é un microcosmos, un mundo en si mesmo. Herdeiro directo das torres medievais, son mandados levantar por unha pequena nobreza ou fidalguía rural que gracias á sua posición de intermediaria na propiedade da terra, vai cobrando auxe dende o século XVI. O pazo revélase en primeiro lugar como unha residencia suntuaria de carácter civil, no fondo ven sendo un signo externo do poderío social da crase máis privilexiada do campo galego na Época Moderna. Pero, por outra banda, foi tamén un importante centro de producción agraria, sobre o que xirán as relacións económicas propias do réxime señorial. O éxodo ás cidades, que xa se albiscaba dende o século XVIII rachará o familiar, ainda que xerarquizado, vencello cos colonos, se ben quizais estes tivesen unha visión menos idílica das ataduras que os unían ós seus señores.

A mansión pacega de O Rosal sitúase estratexicamente case no cumio dun outeiro de 57 m. de altitude, dominando claramente o entorno e fundíndose coa paisaxe polo predominio do granito e da vexetación. As suas beiras deslízanse os fértiles vales que forman os ríos chamados do lnferno e da Fraga, unha illa de ricas terras pechada por un rexo cinturón montañoso. Finalmente, un camiño comunicaba ó pazo coa beiramar, enlazando á vez coa estrada de Cangas, vieiro de comunicación máis importante, case o único, co resto da península do Morrazo.

A edificación pacega (15) levantada, como xa se indicou, moi posiblemente hacia 1640, cando se establece no lugar a linaxe dos Saavedra, queda sucintamente reseñada no Catastro de 1752 como unha casa dun sobrado (as dos paisanos eran todas terreñas), cun fronte de 24 baras de lonxitude e un fondo de 12. Nos arredores extendíase unha grande finca, que é descrita nestes termos:

"Unha pieza de tierra, llamada Granja del Rosal, Aldea de este nombre, Cabída quatro cientos ferrados; los ciento y sesenta sembradora de regadío, y de ésta los Treinta de 1.ª Calidady los Cíento Treinta de 3.ª quatro ferrados de Hortaliza, quatro de Frutales, tres de Límones, y tres de Naranjos, uno y otro de 1.ª C. = Sesenta ferrados de Viña de 2.!ª = Dos ferrados de Trepial, de Castaños,- Sesenta y Cinco de Robles,-quarenta y Cinco de Pastos regadíos y los Cinquenta y quatro restantes de 3.ª C. todo, y está cercada ".


O edificio actual, unha sucesión de engadidos e reformas, parece que recolle duas épocas constructivas ben definidas, unha da segunda metade do século XVIII, en estilo Barroco serodio, e outra dos cincoenta últimos anos do XIX (16). A base en forma de "L", consta de planta baixa e piso. Na fachada Norde apreciase unha galería baixa montada sobre arcos de medio punto e pilares; por riba, o corredor exterior de acceso que arrinca con duas figuras de leóns, (o parecer procedentes de A Raposeira) mostra un balaustre típicamente barroco. Na parte superior, unha fermosa cheminea e catro grandes gárgolas rematan as esquinas

A muralla de peche ten case desaparecido e só resta o solitario e destartalado portalón de entrada. O conxunto completase cun pombal circular e dous bós canastros de 7 ocos e 16 pilares ou pés cada un.

A capela, de traza sobria e planta cuadrangular, presidida por unha inscripción de 1869, quizais indicativa dunha reforma, estaba adicada a San Gregorio. A mediados do XVIII seguíase a cumpli-lo legado pío que fundaran Alvaro Suárez de Deza e Catalina López de Romai, posiblemente con algunha agregación posterior, pois a Casa pagaba cada ano ó presbítero moañés D. Ignacio Lorenzo 302 rs. por dous sufragios semanarios, e ó cura párroco 32 rs. en esmolas polo mesmo, ademáis de 16 dcs. ó convento de San Francisco de Vigo (17). Ainda nos inicios do presente século a capela mantiña unha certa devoción popular, pois os paisanos seguían encargando misas nela. Hacia o 1820 a dita ermida percibía as rendas de catro foros sitos en Meira.

Non é posible coñece-lo cúmulo de arranxos, ampliacións e milloras que se sucederon durante estes máis de dous séculos de historia pacega, nembargantes os señores do Rosal deixarán senti-la sua preocupación por todo o referido á residencia familiar. Como mostra, no 1830 D. Manuel Saavedra, adquiriu por troco no lugar de Dogarro (?), unha peza de terra onde nacía o manatío que levaba o auga polo patio da mansión, o cal fixera para "evitar pleitos que xamais se deberían enxendrar".

O xa citado inventario de bens de D. Nicolás Saavedra ejecutado no 1703 recolle o ambiente de certo luxo e mailo aire rural que se respiraba dentro das paredes do pazo nesa época. No mobiliario estaban presentes un escritorio, bufetes, taburetes e sillas, unha delas de Moscovia; as paredes cubríanse con 24 cadros e un espello. Como indicativos do nivel cultura que posuían, aparecerán un clavicordio e unha arpa faltosa de cordas. Contaba a casa con varias camas de campo cos seus xergóns de lan ou estopa, por riba sabas e almofada de lenzo, e logo un cobertor de lan castellana; ata tiñan un peinte. 0 señor vestía casaca de pano de Londres con botonaduras de ouro e prata, un calzón de pano, zapatos con pequenas fibelas de prata sobredourada, e cubríase cun distinguido sombreiro de castor negro. Comíase ó redor dunha mesa de pedra guarnecida de madeira, sobre a que se extendían manteis de alamanisco, dispoñendo de 30 panos de mesa e 12 pratos de estaño. Na vaixela de luxo non entraba o ouro, compoñendose de dous vasos de prata sobredourada de 16 onzas, un salgueiro de 12 onzas e tres culleres dunha onza cada unha. Na cociña, ahondaban os caldeiros de cobre, 4 asadores, tixolas e grenllas redondas, mentres que as frasqueiras de vidros repartíanse pola casa.

Nas bodegas do pazo encontrábanse fustes, embudes, xerras grandes, barricas carreteiras, pipas e un lagar de pedra, así como tamén foles, arcas para garda- lo gran e unha para salga-lo porco, e catro tullas (algunha todavía pode apreciarse) con cabidas de entre 81 e 244 ferrados. No cocho mantiñan sete leitóns. Ademáis, según o Catastro, médio século despois posuían 8 colmeas, sendo o segundo maior propietario da parroquia, as cales vanse ata principios do éxodo

Os efectivos da despensa da casa no tempo intermedio entre duas colleitas, estaban compostos por 6 ferrados de trigo, 58 de millo, 2 de centeo misturado con miudo e millo (no XIX parte do pan facíase agregándole centeo), e máis 83 cañados de viño, todo destinado ó autoconsumo familiar, agás quizáis unha parte do millo que se reservaba en espera dos millores precios da época de "soldadura".

Nembargantes, os recursos eminentemente agropecuarios e forestais do Rosal non cubrían ó completo as necesidades da casa tendo que importarse manufacturas e outros productos faltosos. Así, por exemplo, nas contas feitas en Vigo no 1807, aparecen compras de sebo, cravos, pintura, cal, aceite e queixo

A relación presentada polos administradores na década de 1870, a pesares da ausencia do señor titular e do serodio da data, permítenos coñece-ias principais ocupacións e obrigas cotiáns da vida pacega. Un aspecto de capital importancia eran tódolos labores relacionados co traballo das viñas e logo da vendimia, que se facían sobre as terras directamente explotadas por medio de xornaleiros: dende prepara-las estacas, da-lo xofre e cavalas, ata compoñe-la caldeira do augardente, amaña-las cubas, retoca-lo lagar e fabrica-las cestas (18). Despois viñan os necesarios arranxos e milloras doutros medios de producción, caso dos muiños, o carro, os canastros, os arados, as "arcaces" ou a compra da xugada de bois para o caseiro. Tamén habería que sinala-las obras e adquisicións destinadas ós edificios pacegos, comprendendo actividades moi variadas, como a limpeza do xardín ou a xeral cando o señor viña de visita, poñer cristaleiras, retoca-los frisos do comedor e portal, renovaras cristaleiras, retellar e pintar e, como non, os ornamentos e vestiduras da capela


Mención aparte merecen os criados de servicio, que como xa se indicou, sumaban nove no ano 1752, dando prestigio social sobre todo o contar con mulieres, pois estas adicábanse preferentemente ós trabarlos domésticos. Algo máis dun século despois quedaban unha parella que percibían 740 rs. de sol-dadas e gastabanse con eles 1.824 na sua manu-tención. Xuro co caseiro, tamén se contrataba a unha pranchadora. 0 administrador percibía duas retribucións: a décima parte das rendas ingresadas e outro tanto do viño producido.


Os gastos derivados da Casa do Rosal na década de 1870, oscilaban entre os 12 e os 14.000 rs. (19), levándose o señor para seu peto ó redor dos 20.000 rs.; con isto orixinábase un deficit en anos de malas colleitas e polo mesmo de poucos ingresos, de entre 7 e 9.000 rs. O administrador xa sinalaba que no consumo da Casa, da de Vigo, xornaleiros e criados, fóranse 65 ferrados, e que o ano pasado se acabara todo o que tiña producido a granxa do Rosal. Dende outra perspectiva, en 1828 os gastos do señor e da casa (inclusive os xornaleiros e misas de aniversario), representaban tan só o 11 % do total dos ingresos, os cales por esas datas sumaban entre rendas dos colonos e viño vendido, a cantidade de 19.270 rs.



NOTAS: 1.- Alonso García de Raxó tivo unha activa vida pública no Concello de Pontevedra, sendo elexido como un dos Alcaldes Ordinarios alo menos no 1558 (GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, J.M.-Los caracteres socioprofesionales de los Alcaldes Ordinarios de Pontevedra en el Antiguo Régimen. En Revista Pontevedra, 8 -en prensa-). 2.- Este, como outros privilegios, seguíronse exercendo polos seus sucesores; así, no 1752 D. José Antonio Saavedra presentaba como candidatos a D. Ramón Tavarés Saavedra, prior da Colexiata de Cangas, a D. Lorenzo Almuiña, presbítero da mesma vila e oriundo de S. Lorenzo de Oliveira, a D. Antonio Gestido, presbítero tamén de Cangas, e finalmente a D. Matías Rodríguez, presbítero Racionero da Colexiata de Vigo. 3.- Sobre esta linaxe vide: TABOADA ROCA, A.- "Aitamira, Vizcondado de". En, Gran Enciclopedia Gallega, 2, p. 5. 4.- Outros autores consideran, quizais deixándose levar por unha lectura sesgada e superficial da documentación, que o pazo do Rosal xa existía no 1525. Vide: LOPEZ-CHAVES, J.M. e AMOR MORENO, G.E.- Inventario de Pazos y Torres de la Provincia de Pontevedra. Pontevedra, 1988, p. 199. 5.- Sobre o artellamento das milicias populares na Provincia de Tui: FERNÁNDEZ VILLAMIL, E.- Caudillatos de la Provincia de Tuy. En, El Museo de Pontevedra, VI. Pontevedra, 1951, pp. 83-96. 6.- Outro tanto sucederá logo coa Casa de Cedrón, aínda que aquí según o Nomenclator de Floridablanca (1784), a potestade política esta dividida entre o Conde de Maceda e D. Luis Saco. Sobre estas cuestións vide: RIO BARJA, F.X.- Cartografía xurisdiccional de Galicia no século XVIII. A Coruña, 1990. 7.- VAZQUEZ XIL, B.M. e GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, X.M.-Os Alcaldes e os Concellos de Vigo. Vigo, 1990, pp. 181-190. 8.- ALONSO GREGORIO-ESPINO; J.- Notas genealógicas viguesas, I. Madrid, 1984, pp. 76-77. 9.- Parece que D. Antonio Bermúdez de Sotomayor adicábase ó comercio entre Filipinas e México; tivo por irmán ó ilustre xeneral D. José Antonio Bermúdez, Gobernador que fora do Marquesado e Estado del Valle, en Nuevo México. 10.- ESPINOSA RODRÍGUEZ, J.- Tierra del Fragoso. Vigo, 1945, p. 413. A finca da Raposeira, inclusive a mansión, era valorada en 1906 polo perito de Domaio, D. Benito Rosales, na elevada suma de 85.727 ptas. da época. 11.- Entre os moitos administradores do Rosal, pódese citar en 1826-31 a D. Francisco García; logo máis tarde, baixo seu fillo e sucesor D. José Saavedra, atopamos en 1875 a D. Juan Rodríguez y Román e no período de 1876-80 a D. Francisco Alonso Gómez. 12.- EIRAS ROEL, A.- "Régimen subforal e hidalguía intermediaria", prólogo a QUINTÁNS VÁZOUEZ, M.C.- El dominio de San Martín Pinario ante la Desamortización. Santiago, 1972; RODRÍGUEZ FERREIRO, H.- la hidalguía rural del Morrazo en el siglo XVIII: análisis sociológico de un grupo dominante. En, Historia Social de Galicia en sus fuentes de protocolos. Santiago, 1981, pp. 217-272; BARREIRO MALLÓN, B.- La Jurisdicción de Xallas en el siglo XVIII. Santiago, 1973; PÉREZ GARCÍA, J.M.- Un modelo de sociedad rural en el Antiguo Régimen en la Galicia costera: la península del Salnés. Santiago, 1979; REY CASTELAO, O.- Aproximación a la historia rural en la Comarca de la Ulla (siglos XVII y XVIII). Santiago, 1981; SAAVEDRA, P- Economía, política y sociedad en Galicia: La Provincia de Mondoñedo, 1480-1830. Santiago, 1985. VILLARES PAZ, R.- La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936. Madrid, 1982. 13.- Pola posesión das propias fincas do Rosal a mediados do XVIII debían entregar a renda foral ó mosteiro de S. Xoán de Poio e ó pontevedrés D. Melchor de Camba, ademáis dos réditos de censos con que estaban grabadas ditas terras á Universidade de Santiago e ás relixiosas dos Remedios de Vigo. 14.- Dos 289 ferrados de millo e outros efectos que tiña sin cobra-lo administrador en 1874, 55 foron condonados, se ben non se sabe si por motivos altruistas ou si detrás disto se agachaba algunha operación especulativa. 15.- Unha relación bibliográfica sobre estas construccións señoriais pode atoparse en: PEREIRA MOLARES, A.M.-"Pazo". En, Gran Enciclopedia Gallega, 24, pp. 91-96. 16.- FONTOIRA SURÍS, R.-Las otras bellezas del Morrazo. En, Autopistas del Atlántico (Extra "La construcción en Galicia"), s/p. 17.- No 1807 todavía se lle entregaban 176 rs. o irmán síndico dos franciscanos vigueses pola memoria de Alvaro Suárez de Deza. 18.- No 1875 pagouse ós mestres cesteiros polos oito días de traballo ocupados a razón de 5 rs. cada un "secos". Sobre estes artesanos con biliografía vide: ESTEVEZ DOMÍNGUEZ, B.- Os cesteiros de Mondariz. En, Revistas Pontevedra, 7. Vigo, 1991, pp. 11-40. 19.- Nestas cantidades incluianse varias partidas referentes a productos enviados para o consumo da residencia de Vigo, como centeo, laranxas, galiñas ou porcos, e ainda algunhas cantidades de cartos..


























No hay comentarios:

Publicar un comentario