jueves, 28 de junio de 2012

O santuario do castro dos Remedios, por Manuel Uxío García Barreiro e Gerardo Gayo Rodríguez



O Papa Gregorio VI, en xuño do ano 601, predicaba: “Non botedes abaixo os templos pagáns: consagralos ó servizo de Deus, bendicíndoos e asperxíndoos con auga bendicida. Substituíde os ídolos pagáns por reliquias e estatuas dos santos”. Un crego que exercera na igrexa de San Xoán de Tirán e na colexiata de Cangas, D. Rui Fernández de Bon, tivo en conta as instrucións papais e mandou erguer en 1540 unha capela no cumio do Castro dos Remedios da parroquia de Tirán consagrada a “Nuestra Señora de los Remedios del Monte del Castro”. Nun artigo periodístico o catedrático de historia D. Carlos Vázquez Marinelli afirma que “tenía ese nombre porque se encontraba encima de un antiguo castro de época romana. Y es que en ese periodo ya había un santuario romano en la zona, probablemente relacionado con la salud, después la iglesia cristianizó la zona y el rito de peregrinar hasta allí para pedir la curación de algún mal. Se trata de una tradición solapada”. Nese castro encontrábase unha pedra gravada cunha serpe que segundo estima o presidente da A. C. Nós de Moaña, X. C. Villaverde Román, “fora posta diante da ermida, porque se consideraba era súa situación orixinaria”.

Na primeira páxina dun libro manuscrito, gardado ata fai pouco tempo na Reitoral de Tirán e depositado agora no Arquivo Diocesano de Santiago, o daquela párroco da freguesía escribe que o citado D. Rui Fernández mandara celebrar cada luns unha misa rezada na capela, incluíndo responso, á conta de 28 ferrados de pan mediado (millo miúdo e centeo) procedentes das rendas dun terreo seu, situado na freguesía de Beluso, no coto de Bon; segundo Marinelli, no seu testamento, outorgado en 1560, incluía tamén outra misa cantada no día da Asunción por dous ducados procedentes do aluguer dunha casa de Cangas. Tamén se detallan no devandito libro as contas da confraría de Nosa Sra. do Castro que o 18 de setembro de 1590 foron tomadas polos párrocos de Coiro, Moaña e Tirán aos dous mordomos que exerceran no ano anterior. Como ingresos aparecen: 115 reais de anais abonados polos confrades, a razón de 8 marabedís por ano; 39 de esmolas e 93 acumulados do ano anterior. Cos 247 reais que suman as tres cantidades pagáronse as misas que cada sábado dicía na capela o abade de Moaña, nacido en Tirán, D. Gonzalo Nogueira, mais 6 oficios por confrades mortos, gastos de cera e 6 reais que lle daban a un mozo por axudar ós mordomos a cobrar os anais, casa por casa, e anotalos nun libro

As contas da confraría desenvolvéronse durante preto de cen anos, dun xeito parello ó salientado, estendéndose sucesivamente os confrades, dende os 575 iniciais, ata un máximo de 1344 no ano 1628, todos eles procedentes das parroquias do Morrazo; por ese motivo chegáronse a celebrar arredor de 40 oficios de mortos ó ano de membros falecidos, algúns deles de freguesías tan apartadas como as de Ardán, Santomé, Cela, etc., dende as que seus familiares e amigos empregaban mais de 4 horas para achegarse á capela. Nese ano, os dous mordomos deron conta de 922 reais de ingresos, incluíndo os 7 que cobraron pola venda dun ferrado de trigo que dende finais do século XVI, aportaba a Casa do Rosal, para cumprir co testamento do falecido propietario, D. Fernando Romai 

O 23 de xaneiro do 1681 asínanse as ordenanzas e constitucións da confraría que obrigaban a celebrar, lo menos, unha misa rezada cada mes, oficios por confrades mortos, etc. Dende 1684, debido ó despoboamento que se estivo a producir en Tiran, o número de confrades baixou a menos de 10; por tal motivo, o párroco, D. Gonzalo Nogueira Araujo, suspendeuna en 1688, razoando que Tiran tiña escasos veciños, todos eles pobres, porque os demais emigraran a Coiro, Meira e Moaña para fuxir das malas colleitas e da fame. Este crego, que tamén exerceu como prior na Colexiata de Cangas, foi quen mandou facer en 1711, a coñecida Capela do Hospital, que na actualidade encóntrase instalada na nova alameda desa vila

Transcorrido pouco mais dun cuarto de século, en 1716, aparece un “hermitaño” como encargado dos cultos na capela, para os que só obtén esmolas de 13 reais: 6 pola venda de liño e 7 ½ por un ferrado de millo; os gastos foron de 10 reais en velas e 3 ½ en aceite para a lámpada, pois dicían as misas, “por devoción”, os cregos de Tirán. Nesta quenda, cunha duración de 38 anos, pola primeira vez anótanse 6 reais dunha misa cantada no día de Nª. Sª. de Agosto de 1723 que continuou ata 1751 en que se traslada ó luns de pascua, engadíndolle outra no día seguinte á honra de “San Mauro” (S. Amaro); o período deu remate en 1755, logo de rexistrarse unha recadación máxima, anotada polo “hermitaño”, de 63 reais, froito de vender as esmolas de liño e millo habituais mais outras de viño; os cartos empregábanse unicamente en misas cantadas, cera, aceite, xabón e pouco mais.


En 1824 un novo párroco faixe cargo da freguesía de Tiran e, ó decatarse que a devoción á Virxe dos Remedios ía en aumento, manda que se continúen tomando contas das esmolas e gastos da antiga confraría. Nelas, aos citados ingresos por productos do campo, engádense os que proviñan de poxas, venda de cera, hábitos, velos e incluso caixas de mortos, ata aproximarse ós mil reais. Con ese diñeiro, ademais das celebracións relixiosas do domingo, luns e martes de pascua, contratáronse foguetes, iluminación e un gaiteiro por día, excepto en 1827, que segundo as contas dese ano, déronselle, “a los músicos ciegos, treinta reales”, pola súa actuación

Debido a ausencia de “hermitaños”, non hai apuntamentos dende 1836 ata 1854. Neste derradeiro ano o veciño de Moaña D. Antonio Soage retoma o cargo durante un trienio e logo outro moañés, D. José Jaúregui Rivera, residente daquela no pazo da Rúa de Coiro, como mordomo colector, exerceu dende 1858 ata que lle chegou a morte no 1885. Ese período foi de máximo esplendor no cumio do castro, mobilizándose a xornaleiros para recoller esmolas de viño, liño en rama, centeo e millo polas casas de Moaña, Coiro, Darbo e Tiran que supoñían a base dos ingresos, aos que lle engadían os cartos que se depositaban nos petos da Virxe, Cristo das Boas Augas e San Amaro e as poxas de produtos ofrecidos en calidade de promesas.

Con eses cartos, ademais das funcións relixiosas dos tres días de Pascua e, dende o ano 1861, as que tiñan lugar cada primeiro domingo do mes de xullo, contratáronse obras na capela do século XVI para engadirlle presbiterio, sancristía, espadana, retablo, rexas, púlpito, etc.; alongouse o adro e puxéronselle muros, co obxecto de que puideran oír misa “tres o seis mil personas con comodidad”. Tamén se mercaron roupas e alfaias á imaxe da Virxe e un dosel ó Cristo das Boas Augas. Nese período, chegáronse a investir mais de dous mil reais por ano.

No que atinxe as festas profanas, ademais de rexistrarse a compra de foguetes, xa van aparecendo nas contas desa época os cartos que pagaban ós músicos, que nalgúns anos tocaban xunto con gaiteiros, sen especificar en ningún caso o número deles nin a procedencia, excepto na función de xullo do 1883 en que se gastaron 60 reais, pola contratación, “de un gaitero con clarinete y platillos” e nas de 1888 e 1893 en que os mordomos abonan as importantes cantidades de 280 e 440 reais por contratar a “Banda de Música de Arcade”. Parece que algúns músicos procedían da outra beira da ría, pois nas liquidacións do ano 1859, apuntaron os seguintes custes:

• Ytem, noventa reales de los músicos que tocaron a las dos funciones de Ntra. Sra. y San Mauro.

• Ytem, ocho reales de barcaje, por ir a buscar el fuego y los músicos. 

• Ytem, cuarenta reales del gaitero que tocó a las dos funciones. 

Aínda que só aparece apuntada a Banda de Arcade, na década dos 70 os músicos que se contrataron deberon pertencer ás de Cangas e Moaña, pois nesa década, o veciño de Ameixoada Fernando da Costa Paredes, que tocaba o bombardino na de Cangas, fundou a que foi coñecida como Banda de Música dos Bichucos, por estar constituída na súa meirande parte por membros da súa familia, coñecidos por ese alcume

No 1882, a festa do martes de Pascua fíxose na honra ó Cristo das Boas Augas e a de San Amaro na súa data; non obstante, a partir do ano seguinte, continuaron as celebracións do mesmo xeito que antes, continuando D. José Jauregui como mordomo, ata que faleceu en 1885, ano en que rendeu contas seu irmán, D. Joaquín quen, perdoou en nome do finado, os 400 reais que lle tiña que pagar o seguinte mordomo, por haber adiantado cartos que se destinaran as citadas obras de reforma da ermida, adro e muros.

Consta no libro, que 1889 foi o derradeiro ano en que se celebraron festas de “Ynvierno y Verano” e que continuaron as festas nos días de Pascua ata o seu remate no 1912, segundo aparece reflectido desta maneira :

Año 1912: Dn. José Vidal cura párroco de San Juan de Tirán a doce de abril de 1912, declara con el mayordomo Francisco Rodríguez Gil de la Virgen Santísima de los Remedios, fiesta que viene haciéndose el Domingo de Resurrección, Lunes y Martes en la capilla del Monte del Castro en esta parroquia, no produce para los gastos de su función a causa de la música, fuego artificial y la misa del Lunes y Martes, por lo cual ni siquiera se tomaron las cuentas desde el año 1905 inclusive, hasta el presente de 1912 = 

Despois de dar conta dos cartos empregados en restaurar a capela, chegan cura e mordomo a seguinte conclusión


Y para que conste que esta fiesta no da para si, máxime en estos tiempos de tanta música, cohetes y otros gastos, y los recursos de toda ganancia de mar y tierra que tanto escasean, no podrá seguirse con la función =.

Malia que o libro rematara coa citada nota á que lle engadiron unha relación de alfaias e outros complementos das imaxes, as festas retomáronse mais tarde, co luns de Pascua adicado á Virxe e o martes ó Cristo das Boas Augas; para financialas, recollían esmolas as comisións que sucederon á antiga confraría, “hermitaños” e mordomos; deste xeito, no cumio do Castro dos Remedios, seguen facéndose ritos relixiosos, como ocorrera na época castrexa en que foi gravada a serpe que aínda pode ser contemplada no adro, a carón da capela

No hay comentarios:

Publicar un comentario