jueves, 28 de junio de 2012

Primeiro documento coñecido que cita a “Fliiguesía de San Martiño de Moaña”, por Manuel Uxío García Barreiro




Logo de coñecer un primeiro documento, escrito en latín no ano 1237, que nomea a “Ecclesia de Sancti Martini de Moania”, encontramos, na mesma sección do Clero do Arquivo Histórico Nacional de Madrid (carpeta 1458 N3), outro documento medieval que no idioma galego cita á “Fliiguesía de San Martño de Moaña”; o que amosa a existencia de Moaña como nova entidade de poboación político–relixiosa creada, a carón da igrexa románica de San Martiño, a partir da xuntanza de varias aldeas que ata o daquela pertencían á parroquia sueva do Morrazo.

O documento foi asinado na data do 9 de febreiro do ano 1306 e nel o señor do couto do Rosal, D. Pedro Eans Torrichao, devanceiro de D. Fernando Eans Soutomaior, pai do conde de Camiña Pedro Madruga, fai unha doazón da cuarta parte do citado couto, situado “ena fliiguesia de San Martiño de Moaña”, ó mosteiro cisterciense de Sta. María de Melón.

Ademais de salientar por primeira vez a existencia de Moaña como entidade de poboación, esta escritura tamén nos retrotrae á baixa idade media, o denominado “Couto do Rosal”, señoreado desde finais do século XV pola liñaxe dos Romai, procedente da Casa Torrada do Cadro en Marín, e pola dos Saavedra desde o s. XVII,. Os Saavedra converteron o pazo do Rosal no de mais poderío económico do Morrazo durante o século XVIII.. Outra importante achega deste documento é a mención da vida moañesa labrega e mariñeira, nunha freguesía que nos primeiros séculos foi eminentemente campesiña e gandeira:

Ademais do couto do Rosal, refírese o documento á anexa quinta da Miranda, que posteriormente deu lugar a unha escritura de aforamento outorgada, en principio, polo antigo mosteiro de Ermelo, que debeu suceder ó de Melón nos comezos da Idade Moderna. O foro foi redimido en 1903 e nel encontrábanse varios predios, tanto no actual barrio da Miranda, como noutros lugares lindeiros, incluíndo á chamada no documento de redención: “Dehesa del Rosal”. 

É coñecida a relación que dende o século XIII tivo o mosteiro de Melón coa parroquia de Domaio; non así coa de Moaña que estivo mais vencellada ó de Santiago de Ermelo, polo que este documento aumenta a importancia dese cenobio na ría de Vigo.


1306, febreiro, 9



Pedro Eanes Torrichão doa en esmola ao mosteiro de (Santa María de) Melón, para as necesidades e o servizo da sancristía do mosteiro, pola súa alma e de varios familiares (a súa muller Tareixa Méndez, seu pai Xoán González, súa nai Dona Elvira e seu irmán Afonso Eanes), a cuarta parte de todo o couto de Rosal, na freguesía de S. Martiño de Moaña, no Morrazo.



a) Tradución do documento ó galego actual, por D. Xosé Martinho Montero Santalla




[En nome de Deus. Amén. (?)]




Era de 1344 [= ano 1306], nove días de febreiro.




Saiban todos cantos esta carta viren como eu, Pedro Eanes Torrichão, no amor de Deus e da Virxe Santa María, por miña alma e de Tareixa Méndez miña muller e de Xoán González meu pai e de Dona Elvira miña nai e de Afonso Eanes meu irmán, e por outorgamento da dita Tareixa Méndez e da dita Dona Elvira, non forzado de ningunha maneira mais de bo corazón e de boa vontade, para perdón dos meus pecados e dos sobreditos, por nós e por todas as nosas voces, dou para sempre en doazón e en esmola ao mosteiro de Santa María de Melón, para a sacristía dese lugar, a cuarta parte de todo o couto de Rosal, que está en Morrazo, na freguesía de San Martiño de Moaña, coa nosa quintá [?] da Miranda, con todas as suas pertenzas, por todas as partes aonde van os límites do dito couto, con todos os montes e fontes, augas levadas, casas, viñas, plantados, pastos, soutos, devesas, ribeiros, portos, pesqueiras, soutos [?], sacadas e pertenzas que á dita cuarta do dito couto pertencen e deben pertencer de dereito, e entradas e saídas e heredades labradas e por labrar; as cales cousas nós temos de parte Xoán González, noso pai que foi, así como as el tiña e así como as agora tiña Dona Elvira nosa nai en seu dereito e en seu poder.

Douvos a dita doazón e esmola con esta condición: que vós, abade e convento, non teñades poder de o vender nin de o dar, nin de o empeñar, nin de dalo en empréstimo, nin doalo nin cambialo, nin facer con el ningunha permuta de ningunha maneira; e, se por ventura o fixerdes, mando e outorgo que o mais achegado da miña parentela, ou outro se aquel non o fixer, que o poda coller para si por súa autoridade. E se por ventura estes non o fixeren, dou poder ao rei para que tome tantos bens do dito mosteiro até que o faga cumprir.

E mando que desta doazón se manteña toda a sancristía [do mosteiro] de candeas para dicir as misas e para alzar o Corpo de Deus, e para todos os altares do dito mosteiro, e para hostias e para viño para cantar as misas e para comungar os frades, e para alumear as lámpadas: a do altar de Santa María e a de San Lourenzo e a de San Salvador e a de San Bieito.

E o sobrante disto, que sexa para libros e para cálices e para vestimentas. E se aínda sobrar disto, que sexa para provisión [?] dos frades que alí sirvan a Deus.

E a comenda deste lugar sexa do rei e do arcebispo ou do seu pertegueiro; de modo que, se algúns descendentes da nosa liñaxe a quixeren ter, que a protexan ben e plenamente a fin de que non sexa quitada ao rei nin ao arcebispo.

E quítome e apártome do dereito e da posesión e da propiedade das ditas cousas e do dito lugar, e entrégoo logo no momento presente, e poño no dereito e na posesión e na propiedade o dito mosteiro, por esta presente carta, do dito lugar e de todas as suas pertenzas, que o posúan desde este día en diante tal como as outras cousas que máis plenamente posúen, e téñano libre e sen oposición en dereito e en heredade para sempre.

E quito o poder a meu fillo e a meu irmán e a todos os da miña parte e da estraña, de modo que nunca podan tomar nin demandar ningunha cousa desta doazón, en xuízo nin fora de xuízo, nin por carta de rei nin de raíña nin de infante nin de ricome nin de meiriño nin de arcebispo nin de bispo, nin por lei de dereito, escrita nin por escribir, nin por ningunha razón que para si teñan

E nós, Don frei Lourenzo, abade do dito mosteiro, e o convento dese lugar, así o outorgamos cumprir, e gardar todas estas cousas sobreditas. E establecemos que calquera das partes que vaia contra isto, teña a maldición de Deus Pai e a nosa, e sexa condenado no inferno con Xudas o traidor. E mandamos e outorgamos que todas estas cousas, tal como arriba foron ditas, sexan sempre gardadas ben e dereitamente.

E eu o sobredito Pedro Eanes, por min e por toda a miña voz e pola dita Dona Elvira miña nai, establezo que, se alguén da miña parte ou da estraña, quixer vir contra este noso feito, que teña a miña maldición el e toda a súa xerazón.

E eu abade e convento sobredito e eu Pedro Eanes establecemos que calquera das partes que vaia contra isto, que pague como pena á outra parte que o gardar dez mil moravedis, e ao rei outros dez mil moravedis; e que esta carta permaneza válida con todo o seu vigor.

Testemuñas que foron presentes: Martín Martiz, prior; frei Xoán Fernández, celareiro; frei Martiño, mestre dos frades; frei Xoán Martiz, vestiário; frei Fernando, morador en Cans [?]; Estevo Pérez de Bemín [?]; Fernán Pérez, chamado Faián; Rui Lourenzo de Guillade e Rui Savascháez, escudeiros de Pedro Eanes; e outros.

E eu Xoán Pérez, notario público xurado do rei en Toroño, chamado e rogado estiven presente a todas estas cousas sobreditas, e por rogo das partes escribín esta carta de miña propia man, e puxen nela o meu sinal, que é este [signo notarial].



b) Transcrición literal do manuscrito, por D. Xosé Martinho Montero Santalla



\1 [En nome de Deus. Amen. (?)]

Era de mil e trezentos e quareenta e quatro anos, nove dias de fevereiro.

Sábiam \2 todos quantos esta carta virem como eu, Pero Eanes Torrichão, no amor de Deus e da Virgen Santa Ma- \3 ria, por m–a alma e de Tareija Meéndez m–a moller e de Joám Gonçález meu padre e de Dona \4 Elvira m–a madre e d’ Afonso Eanes meu irmão, e per outorgamento da dita Tareija Meéndez e da \5 dita Dona Elvira, nom costrengudo per nem-éa maneira, mais de bõo coraçom e de bõa voentade, \6 en [?] remiimento dos meus pecados e dos sobreditos, por nós e por todas nossas vozes, dou pera por \7 sempre en doaçom e em esmolna ao moesteiro de Santa Maria de Melon, pera a sancrischeila desse lugar, \8 a quarta parte de todo o couto de Rosal, que éste en Morraço, ena fliiguesia de San Martiño de Moaña, \9 cona nossa quintãa [?] da Miranda, con todas suas pertiinças, a todas partes u vai o térm–o do dito couto, com \10 todos montes e fontes, ágoas levadas, casas, viñas, chantados, pastos, soutos, devesas, ribei- \11 ros, portos, pesqueiras, soutos [?], sacadas e pertiinças que aa dita quarta do dito couto perteecen e perteecer \12 deven de dereito, e entradas e seídas e heredades lavradas e por lavrar; as quaes \13 cousas nós havemos de parte de Joám Gonçález, nosso padre que foi, assi como as el havia e assi \14 como as ora tiña Dona Elvira nossa madre a jur e a mão.

Dou a vós a dita doaçom e \15 esmolna per tal preito: que vós, abade e convento, nom hajades poder de o vender nen dar, nen de o \16 peñorar nem en préstamo dar nem doar nem cambiar, nem neéa comutaçon del fazer en neéa \17 maneira; e, se pola ventura fezerdes, mando e outorgo que o mais provinco da m–a parte, ou \18 outro se o aquel non fezer, que o possa fillar pera si per sua autoridade. E se perla ventura o estes \19 nom fezerem, dou ende poder a el-rei que fille tantos dos bées do dito moesteiro atá que o fa- \20 ça complir.

E mando que desta doaçom proveña [?] toda a sancrischeila, de candeas pera as missas di- \21 zer e pera alçar o Corpo de Deus, e pera todo-los altares do dito moesteiro, e pera hóstias e pera viño \22 pera cantar as missas e pera comungar os frades, e pera alumear as lámpaas, a do altar de \23 Santa Maria e a de San Lourenço e a de San Salvador e de San Béeito.

E o mais que desto permee- \24 cer, seja pera livros e pera cálizis e pera vestimentas. E se ainda desto perméecer, que seja pera prov- \25 eemento [?] dos frades i serventes a Deus.

E a comenda deste lugar seja del-rei e do arcebispo \26 ou do seu pertigueiro; onde [?] se algéus da nossa liñagen descedentes a quiseren téer, que amparem \27 ben e compridamente, en guisa que non seja tolleita al-rei nem ao arcebispo.

E tollo e remo- \28 vo mim do jur e da possisson e da propriadade das ditas cousas e do dito lugar, e entrego-o lo- \29 go no presente, e meto no jur e na possisson e na propriadade o dito moesteiro, per esta presente car- \30 ta, do dito lugar e todas suas pertiinças, que o possuiam des este dia endeante assi como \31 as outras cousas que mais livremente possuem, e hajan livre e quite en jur e en heredade \32 pera por sempre.

E tollo poderio a meu fillo e a meu irmão e a todo-los da m–a parte e da \33 estraña, que nunca possan fillar nen demandar nem-éa cousa desta doaçon, en juízo nem \34 fora de juízo, nem per carta de rei nem de reiña nem de infante nem de ricome nem \35 de meiriño nem de arcebispo nem de bispo, nem per lee de dereito, escrita nem por escrivir, \36 nem per nem-éa outra razon que por si hajam.

E nós Don frei Lourenço, abade do dito \37 moesteiro, e o convento desse lugar, assi o outorgamos a complir e agoardar todas \38 estas cousas sobreditas. E poemos que qualquer das partes que contra isto passar, haja a maldiçon \39 de Deus Padre e a nossa, e seja condanado no inferno com Judas o trador. E manda- \40 mos e outorgamos que todas estas cousas assi como son desusso ditas, que sempre sejam agoarda- \41 das ben e dereitamente.

E eu Pero Eanes sobredito, por mim e por toda m–a voz e pola \42 dita Dona Elvira m–a madre, poño que, se alguém de m–a parte ou da estraña, contra este \43 nosso feito v–ir quiser, que haja a m–a maldiçon el e toda sua géeraçon.

E eu Don abade \44 e convento sobredito e eu Pero Eanes poemos que qualquer das partes que contra esto passar, que aa outra \45 parte que o agoardar peite por péa dez mil moravedis, e aa voz del-rei outros dez mil \46 moravedis; e esta carta fique firme en sua revor.

Testemoñas que foron presentes: Martín Mart–iz, priol; frei \47 Joám Fernández, celareiro; frei Mart–o, meestre dos frades; frei Joám Martíiz, vestiairo; frei Fer- \48 nando, morador em Cães [?]; Stevam Pérez de Bemin [?]; Fernám Pérez, dito Faiám; Rui Lourenço de \49 Guillade e Rui Savascháez, escudeiros de Pero Eanes; e outros.


\50 E eu Joám Pérez, notario público jurado del-rei en Toroño, a todas estas cousas sobreditas \51 chamado e rogado presente fui, e per rogo das partes esta carta per m–a mão propria scrivi, e \52 meu sinal i puge, que tal [signo notarial] é.

No hay comentarios:

Publicar un comentario