jueves, 3 de enero de 2013

Economía e poboación rural na Galicia atlántica : a xurisdicción do Morrazo nos séculos XVII-XVIII / por Hilario Rodríguez Ferreiro





Por Hilario Rodríguez Ferreiro. Tese univ. Santiago 1982

Limiar
Hilario Rodríguez Ferreiro foi profesor de Historia no primeiro instituto de bacharelato de Cangas. Aproveitou este vencello profesional para abordar a análise da extensa Península do Morrazo, un territorio de 115 km2, con 11.456 habitantes em 1787 e unha elevada densidade de poboación de en torno a 100 habitantes/km2, no que só a modesta vila de Cangas podía considerarse como núcleo urbano. A cuestión era saber cantos eran e como vivían os nosos antepasados
Para levar adiante o seu traballo partiu dos seguintes principios:
1º A demografía (a poboación comentada en cifras) é o factor principal, o motor que explica o que acontece na sociedade e na economía. Así se entende -e tamén o comprenderon os editores- que se lle adique un tomo enteiro e máis outro para as gráficas e estatísticas que se converten nunha ferramenta imprescindible. 2º Na historia os feitos están sometidos a mudanzas co paso do tempo, de aí que o seu estudio abarcase dous séculos (XVII e XVIII), e, a veces, ata tres (XIX). 3º Fronte ós feitos singulares e irrepetibles (represalia inglesa en Domaio durante a Batalla de Rande), o verdadeiramente importante é a comunidade no seu conxunto, tódalas persoas que viviron naquel tempo, e non só dos máis poderosos (fidalgos, abades) ou coñecidos. Por iso en segundo termo aborda a sociedade e a economía
O resultado é unha obra monumental, como di o profesor Pérez García, non só polo seu tamaño e extensión, senon pola importancia que entraña para o coñecemento da historia de Galicia atlántica occidental durante a Idade Moderna ou Antigo Réxime
O traballo nútrese, a falta de documentación municipal, de tres fontes históricas principais:
1. Os libros parroquias, fundaentais para coñecer a demografía, aínda que utiliza a de Hío como parroquia-piloto para afondar nos aspectos máis intrincados, todas están aquí representadas (Domaio, Moaña...)
2. As de tipo fiscal: Censos (Floridablanca), padróns (Calle-Hita, 1708), catastros, sobre todo o Ensenada (1753), riquísimo en información demográfica, económica e social
3. Os protocolos notariais: grande descubrimento dos Annales franceses, difundidos a través de A. Eiras Roel: testamentos, inventarios de bens, compravendas, escrituras de foros, etc., un caixón de sastre onde pode aparecer de todo e onde todos -agás os moi probes- están representados. Pero como historiador rigoroso, somete ás fontes a unha crítica a fondo para descubrir se nos ocultan algo, terxiversando a realidade (por exemplo: que o Censo de Aranda da cifras inferiores ás reais, que os párrocos non consignaban as mortes de menores de 8 anos, párbulos, etc.)
A grandes trazos, ¿qué visión nos ofrece o Morrazo nos xa lonxanos séculos XVII e XVIII?
Dentro da precariedade na que se vivía naqueles tempos, a nosa península era un espacio privilexiado (isto xa ven desde a prehistoria), pero que estaba tocando o teito das súas posibilidades. É un dos primeiros lugares de Galicia en recibir o cultivo do millo (1630), quizais por vía marítima, quizás a través de Portugal. Multiplicaba a producción con respecto aos cereais tradicionais (centeo) e ó haber máis que comer, a poboación non paraba de crecer, era un mundo cheo de xente. Acaso por estar rodeado de mar , recibir a través del partidas de cereal panificable barato, ben pola súa alta producción interna, aquí as fames golpeaban con moita menos forza que noutros lugares de Galicia. E a esperanza de vida en 1630 era de 37 anos, cando a principios do século XX só era de 40. As suas terras eran altamente productivas gracias a prácticas como o policultivo intensivo, do minifundio, un bo rego e abonado (con cabana gandeira dependente do monte en man común). Os síntomas dese agotamento vense na emigración que é unha das saídas típicas do exceso de poboación (xa no século XVII e ata América) provocaba un desequilibio de sexos (70 homes por cada 100 mulleres) e isto traducíase en celibato definitivo feminino (20 % no século XVIII) na ilexitimidade, sendo moitos pais naturais señoritos fidalgos.
En 2005 a Deputación Provincial de Pontevedra editouna en tres volumes baixo o título: A xurisdicción do Morrazo (s. XVII-XVIII)


A Xurisdicción do Morrazo nos séculos XVI-XVIII. Hilario Rodríguez Ferreiro (síntese)

Cuestións principais
1,a) Aspectos físicos.
A península do Morrazo é un «horst» complexo, erosionado e basculando ó mar. A súa altura máxima, Faro de Domaio (634 m.) está ó leste. As comunicacións no sentido transversal seguen as liñas de fracturas no sentido meridiano. O clima por influencia do mar e augación do Golfo (de México) adquire unhas notas mediterráneas típicas, como un acentuado estiaxe en xullo e agosto. As seus solos son pouco profundos e de tipo «ranker», derivados da rocha nai granítica da que se formaron. En xeral, podemos sinalar que presenta aspectos positivos para o desenvolvemento da agricultura.No seu hábitat apréciase unha evolución. No s. XVII, os núcleos de poboación sitúanse no interior porque a costa resultaba perigosa, dende o XVIII o mar representa unha gran riqueza que atrae a poboación.
1,b)A demografía: análise lonxitudinal
Contrariamente ó que se viña aceptando, no século XVII amósase moi dinámico e nel a poboación case se duplica; pola contra, no XVIII o ritmo de crecemento modérase, aumentando máis ou menos nun 22%, sendo maior na primeira metade do século. No XIX a poboación medra un 63%, porcentaxe modesto comparado co dos países industrializados da Europa Atlántica, e, nos 70 anos do s. XX, volve duplicarse.
Os períodos críticos descubertos, son: a última década do XVII e a primeira do XVIII, de 1740 a 1754, de 1764 a 1780; no s. XIX débense á difusión epidémica da cólera, destaca a de 1854 e no XX os anos comprendidos entre 1930 e 1943.

1,c) A demografía: análise transversal
As vicisitudes e traxectoria dunha poboación veñen dadas pola súa natalidade e mortalidade.  A natalidade é froito da nupcialidade e fecundidade dos matrimonios.  A nupcialidade do Morrazo, nestes séculos, resulta baixa, dun 7 por mil, cun celibato ou solteiría definitivo feminino moi alto: 12,8% no XVII, do 22% no XVIII e do 16,5% no XIX. Esta elevada taxa de solteiría feminina inflúe nas altas porcentaxes de nacementos ilexítimos: 4,4% no XVII, 6% no XVIII e 7% no XIX, e na maior facilidade do home para contraer novas nupcias.
A fecundidade vén determinada pola idade dos contraentes no matrimonio, a duración da unión familiar, a frecuencia das segundas nupcias, a idade da fin da fecundidade da muller, e dos intervalos interxenésicos. A idade do casamento da muller, no Morrazo, convértese nun eficaz método de control da natalidade e de poboación. No século XVII a muller casa ós 25,1 anos, no XVIII ós 27,05 e no XIX ós 26,72 anos. A tendencia no XX é rebaixar a idade do matrimonio, a media  é de 25,06 anos.  Se nos séculos XVII e XVIII é a muller a que casa con máis idade, no XIX iguálanse ambos os sexos, e no XX o home casa con máis idade. A duración dos matrimonios é moi elevada comparada cos franceses. No Morrazo, a media é de 39 anos no XVII, 36 nos XVIII e XIX, mentres que en Francia é duns 20 anos. A frecuencia das segundas nupcias é dun 12,4% no XVII e XVIII, e baixa ó 9,2% no XIX. As oportunidades para os viúvos serán maiores no séculos XVII e XVIII (de 4 a 1), en tanto que no XIX a desproporción baixa de 2 a 1. A idade da muller no último parto aféctalle menos á fecundidade da familia que na idade de casamento por tratarse dunhas idades cuns índices de fecundidade moi baixas comparados coas que seguen entre os 20 e 30 anos. Esta idade de fin da fertilidade varía moi pouco ó longo destes séculos: 41,1 anos no XVI1, 40,5 no XVIII e 39,5 no XIX. Por estas idades non se pode falar da existencia de malthusianismo. Os intervalos interxenésicos (entre os distintos partos) resultan máis decisivos. Espácianse cada dous anos e medio cun alongamento nos postos último e penúltimo durante o XVII e XVIII, e no XIX baixan a 25-26 meses. O intervalo protoxenésico (entre o momento de contraer matrimonio e o primeiro parto) é de 16,4 meses no XVII e XVIII e baixa a 11,8 no período 1898-1917. Por termo medio, os intervalos son máis amplos no XVIII que no XVII e moi superiores ós do XIX, que veñen a reducir nuns 5 meses a concepción e nacemento de cada fino, o que explica a elevada natalidade a finais deste século e comezos do XX. En xeral, os períodos interxenésicos resultan amplos e débense á práctica estendida dunha lactancia prolongada, que volvía estéril, temporalmente, á muller, así como á emigración de homes casados (supoñía o 40% do total).

Todas estas circunstancias fan que os matrimonios do Morrazo presenten no XVII e XVIII unha fecundidade baixa. O número de fillos/matrimonio no XVII é de 5,25, para o XVIII de 4,71 e para o XIX de 5,03. A gráfica das taxas de fecundidade por idades é claramente convexa, amósase así unha ausencia de malthusianismo.  Por todo iso, non é de estrañar que as taxas de natalidade calculadas sexan moi baixas, inferiores ó 35 por mil. O crecemento da poboación do Morrazo non se debe á súa natalidade senón a súa «mortandade sorprendentemente benigna»A mortaldade dende o XVII ata finais do XIX a penas si cambia, diminuíndo só un 5%.  A mortaldade dos menores de 10 anos é dun 35% dos nacidos, variando moi pouco nestes séculos. Dos 10 ós 60 anos os riscos de mortaldade oscilan moi pouco, aumentan rapidamente a partir desta idade.  A esperanza de vida resulta moi elevada por mor desta baixa mortaldade, uns 37 anos. O espectacular desenvolvemento da poboación no XX débese á reducción drástica e rápida da mortaldade infantil, que descenderá á sexta parte.As crises de subsistencia terán uns efectos demográficos moderados, a morte non chegará a duplicarse, agás durante a cólera de 1854. Os nacementos diminúen en menos dun 25% e só os matrimonios descenden á metade. Estas crises deben considerarse como «larvadas». O papel das crises demográficas é o de restaurar o equilibrio rompido entre a poboación e os recursos alimentarios. Os efectos das crises están en consonancia co volume alcanzado pola poboación, o ritmo de crecemento anterior, reservas de alimentos dispoñibles, porcentaxe de terra útil de que dispuña, e súa situación favorable ou non para os intercambios con outras comarcas. Iso explica que ningunha crise afecte por igual a tódalas freguesías. Da xurisdicción do Morrazo, nin aínda as máis graves, e que as repercusións sexan distintas en cada parroquia.  Aquelas freguesías nas que a poboación aumentara máis, sufrirán tamén con máis severidade os efectos correctores da crise. Deste xeito a aparición da crise nunha freguesía é síntoma evidente de que a súa poboación tivo un aumento excesivo en relación coa súa producción económica, o que fai necesario a aparición da crise, que debe restaurar o equilibrio perdido entre a poboación e os recursos. O feito certo é que aquelas freguesías que máis crises e máis intensamente sufriron os efectos das crises de subsistencias son as que, dentro do Morrazo, presentan unha porcentaxe máis elevada de crecemento da súa poboación. O comportamento da poboación na crise é peculiar: Trata de paliar por todos os medios os efectos da crise tanto na sociedade coma na economía, para iso diminúe o número de casamentos dende o mesmo momento no que se aprecia a mala colleita, así como a concepción; e intensifica a emigración para atenuar a presión sobre os alimentos e evitar unha subida maior da mortaldade. A mortaldade crítica afecta sobre todo a cohorte que nace ese mesmo ano. A continuación faino sobre os párvulos.  Pode dicirse que adianta a morte dos elementos febles da sociedade, os que constitúen o sector inactivo ou improductivo da poboación. Os sectores que menos sofren os efectos da mortaldade, os de 20 a 40 anos, o activo é reproductor, o que permite unha recuperación rápida dos membros perdidos durante a crise.Na Galicia do Antigo Reino estudiada ata hoxe era frecuente unha lactancia prolongada, que duraba máis dun ano, e que provocaba o alongamento dos intervalos interxenéticos. Esta práctica común é corrente permitía unha alimentación completa e protectora do recen nacido, que reducía os riscos de mortaldade nos párvulos, e moderaba o crecemento da poboación nos períodos de bonanza. ó producirse unha crise de subsistencias aumentaba a mortaldade infantil e de párvulos, interrompíase a lactancia, a muller recobraba  a súa fertilidade e a concepción do novo fillo adiantábase nun ano por termo medio, reparando as perdas sufridas pola poboación durante a crise
Os mecanismos demográficos da Galicia Atlántica do Antigo Reino baséanse nunha natalidade e mortaldade baixas. Este comportamento presenta indubidables vantaxes económicas e sociais, xa que a morte, ademais das secuelas dorosas, arrastra consigo perdas económicas na alimentación, vestiario e coidados duns membros que van morrer antes de poder producir algo para a sociedade familiar. A unha sociedade élle máis rendible ter menos nacementos e que estes alcancen en maior proporción a idade adulta. O éxito da demografía galega está en que, se en Francia se necesitaba dous nenos para facer un home, aquí de cada tres nenos, dous lograban selo
A migración
É a válvula de escape da economía agropecuaria do Morrazo co complemento pesqueiro, insuficiente para alimentar a toda a súa poboación.  As súas características son:
É soamente masculina, composta nun 60% de solteiros e 40% de casadosEmpezaba ós 18 anos e chegaba ata os 40. Duraba 3 anos e acostumaba ser intermitente.Hai unha correlación clara entre as crises e a migración. Crece de 1690 a 1705, alcanza o seu apoxeo de 1740 a 1774, e despois descende.  De 1740-60 atópanse o 42% do total de defuncións e migrantes.A migración diríxese, o 60% a Andalucía; o 24% ás indias españolas; o 10% a Castela; o 1 % a Portugal e hai un 5% indeterminado, sen especificar o lugar de inmigración.A migración do Morrazo pódese avaliar en algo menos do 5% da poboación total.
A migración achega uns ingresos anuais importantes ó Morrazo (100.000 reás aproximadamente), que se van empregar na roturación de novas terras ou mellorar a área de cultivo existente.
1,d) A economía.
O Morrazo ten unha economía agropecuaria cun sector marítimo importante e unha estructura claramente autárquica. Sen embargo, non pode cualificarse esta agricultura como atrasada, senón como unha revolución agraria espontánea ou silencios.
A superficie productiva é moi pequena, o 25%, e a de cultivo representa o 13,6% do total.  A explotación media agraria familiar é duns 24 ferrados (1,25 hectáreas), a metade de terras de cultivo destinadas a producir gran e o resto de monte baixo xerador da materia prima para obter o esterco orgánico, que necesitan as terras de labradío. Esta distribución mantense, sexa cal for a categoría económica do seu titular, e denota o réxime autárquico da zona, onde cada familia é unha célula económica que intenta bastarse por si mesma. A explotación agraria foi diminuíndo dende principios do s. XVII, momento no que o papel do monte baixo era insignificante, ó ser substituído polo monte comunal aberto, de aproveitamento colectivo, e que permite a alimentación fácil do gando. A introducción do millo obriga a unha reordenación da explotación agraria: a superficie de labor diminúe, desaparece o barbeito, e o monte baixo cobra maior importancia por subministrar o esterco orgánico que permite garantir uns rendementos altos nas terra de labor.  Pásase dunha agricultura extensiva a outra intensiva baseada no millo que fai producir continuamente a terra que incrementará case o dobre o rendemento. A viña vai perdendo importancia, desprazada polos cereais sobre os que incide maior demanda polo aumento da poboación e a proliferación de novas explotacións agrarias familiares. Os beneficios derivados dos cultivos ó millo capitalizáronse nun incremento demográfico. Por iso predominan os pobres labregos, que viven no limiar da subsistencia, e só uns poucos campesiños ricos producen excedentes agrícolas que comercializaban
O minifundio. O Catastro (do Marqués de Ensenada) amosa unha enorme subdivisión da terra. As leiras teñen menos de 1 ferrado. Os veciños de Hío teñen un termo medio de 27 campos e, algo menos os de Bueu. Esta parcelación explícase polo sistema de herdanza, que dividía cada tipo de terra entre todos os fillos, pois había que ter as diferentes clases de terras para lograr os mellores rendementos.
As roteas. Sábese que a finais do XVII empréndese unha campaña de roteas do monte baixo polo aumento da súa cotización, e a transformación do monte aberto en pechado ou cercado. Os directos dominios apropiaranse do monte aberto, antes de uso comunal, e o aforarán a título individual ós veciños por parcelas. As roteas precisan grandes investimentos de capital e prodúcense de 1674 a 1694 e de 1769 a 1789.  Co tempo estas terras marxinais van cobrando maior importancia
1,d,1) Civilización agraria
Os cambios producidos nos útiles agrícolas nos dous séculos son mínimos. As transformacións máis importantes danse nos sistemas de cultivo e introducción de novas especies. A propagación, difusión e arraigo do millo, xunto co establecemento de novas rotacións de cultivo, constitúe o fenómeno máis importante da historia rural galega nestes dous séculos.
A mediados do XVIII, nas roteas, predominan o millo, case sempre cabeza dos regos das menores terras, mentres que o centeo vese desprazado e marxinado ás terras de peor calidade. As rotacións acostumaban ser cada tres anos con alternancias frecuentes de millo-pasto e que, nalgún ano, convertíase en liño-millo, ou feixóns-millo. O millo seméntase na primavera e recóllese en outubro. Unha vez retirado do campo é substituído polo pasto, cebada ou ferraña, que se sementa para forraxe. No campo, de outono á primavera estará ocupado polo pasto, produce comida para o gando e protexe o campo da erosión das chuvias abundantes desas estacións. Se se cultivan cereais de inverno (centeo-trigo) as variantes poder ser: a) Deixar o campo a barbeito verde, b) Sementar millo de ciclo corto, c) Sementar un campo intercalar que enlazaría co millo. A rotea é a la que impera aínda hoxe en día. Así a terra produce ininterrompidamente.
Outros aspectos que amosan o progreso desta agricultura son: o regadío, que se fai necesario polo forte estiaxe de xullo e agosto. Regúlanse as horas de rego, as canles de regadío etc. dun xeito organizado. A súa importancia queda reflectida nos múltiples preitos ós que da lugar. O estercado é trienal e está presente xa no XVII, como poñen de manifesto os contratos de arrendamento. O argazo -esterco do mar-, cunchas, etc. eran coñecidos perfectamente e axudan a combater a acidez do chan. Empréganse un 17 carros de esterco por ano e Ha., algo inferior ó empregado na Lanzada.
Os cultivos. Antes da aparición do millo, a situación do campo do Morrazo no XVI repartíase así: o 51,3% centeo, 39,3% millo miúdo (mijo en castelán), 5,8% trigo e 3,5% de orxo/cebada.  A nova máis antiga que temos da presencia do millo no Morrazo é de 1618.  Son os inventarias que amosan a gran rapidez de propagación do millo polas terras da Galicia Atlántica e a súa penetración cara ó interior polos vales fluviais. Ben adaptado ó clima oceánico, desenvólvese perfectamente na Galicia litoral. A súa difusión faise a custa dos restantes grans, pero sobre todo despraza o millo miúdo, ó que lle quitará o nome e expulsará das terra cultivadas. As poucas décadas da súa aparición converteuse no cereal maioritario e, a mediados do XVIII, supera o 90% da superficie da terra sementada, o trigo queda nunhas porcentaxes testemuñais, e o centeo redúcese ó mínimo indispensable para asegurar a elaboración do pan de broa. Os efectos beneficiosos do cultivo do millo foron: uns rendementos superiores ós dos demais cereais, precisa de menos semente por superficie sementada, obrigou a establecer unha rotación de cultivos que fixo innecesario o barbeito, e o gando mantíñase en réxime extensivo no monte, en cortes, estructurándose segundo criterios de maior rendibilidade. Estas melloras capitalizaronse nun aumento da poboación, pero non provocaron un cambio nas estructuras agrarias, que permaneceron practicamente igual. A vide é un cultivo tradicional, fluctuante e especulativo por ser obxecto dunha comercialización importante. O Morrazo non atende a toda a súa demanda e necesitou importar viño do Ribeiro, Val Miñor e de Andalucía. O seu cultivo parte dunha posición alta a principios do XVII e, pouco a pouco, vai perdendo importancia desprazado pola necesidade de cereal na zona, ata que en 1752 só ocupa o 5% da superficie de cultivo. Resultaba un producto caro polos labores que requiría, por iso unha caída de seu prezo provocaba o abandono do seu cultivo.
O liño-cánabo son dúas fibras téxtiles en decadencia no XVII. Esquilman o solo e o seu rendemento é  inferior ó doutros cultivos.Os rendementos agrícolas son altos comparados cos doutras zonas españolas. En Bueu calcúlase en 7,09 ferrados de millo, Cangas 8,28, Hío 4,9 e Moaña 5,44, segundo o catastro (do Marqués de Ensenada). A partir dos patrimonios eclesiásticos os rendementos na lª metade do XVII son 6,63 e a finais do XVIII increméntanse nun 42,5%. A pesar destes altos rendementos, a producción de cereal era insuficiente para alimentar a toda a poboación.As rendas terreñas eran modernas, 0,5 ferrados de mediado (millo miúdo/centeo) por ferrado de sementeira. Repártense: nobres-fidalgos 35,9%, clero 61,2% e contribuíntes 3%. Do XVII ó XVIII benefíciase das rendas o sector fidalgo, mantense o eclesiástico e o gran perdedor é o contribuínte plebeo.Traspoñendo o concepto moderno de productividade a estes anos, contabilizando os gastos de cultivo, esterco, semente, décimo e rendas, a productividade sería nula. E se no lugar de millo se sementaba outro cereal, a rendibilidade sería negativa. As terras de escaso rendemento non pagan os traballos que se lle dedican e, se se seguen cultivando é porque non hai outra actividade na que empregarse, por iso emígrase. Dunha forma ou doutra, o labrego soubo ter en conta a productividade da terra, xa que a área de cultivo mantívose dende mediados do XVIII ata hoxe limitada ás menores terras.O uso dos décimos para coñecer a evolución da producción agrícola presenta problemas na zona, como puxo de manifesto D. Antonio Eiras (profesor que lle dirixiu a tese a Hilario) na súas series “dezmales galegas”. A traxectoria dos décimos no Morrazo é diverxente, ou cando menos diferente á seguida por outros indicadores económicos e demográficos, e poñen en cuestión a súa validez
1,d,2) A gandería
E un ben estendido, só un 15% da veciñanza carece de gando. O máis importante é o bovino pola súa rendibilidade e polifuncionalidade. O seu número está en proporción coa importancia da explotación agrícola. Neste gando predominan as femias sobre os machos, xa que a súa menor forza motriz compénsase coa subministracun de leite e crías. O ovino, dócil, sufrido, pero de feble rendemento diminúe de número. O equino está pouco representado pola inexistencia dunha arrieiría comarcal, xa que os intercambios fanse na súa maior parte polo mar. O porcino, fácil de criar, non resulta tan frecuente como podería esperarse. O seu número oscila na época do ano na que se faga o censo ou catastro.A contía do gando por veciño descende dende principios do XVII: 31,11,74,10,9,06, e 3,66 cabezas en distintas épocas. Os momentos claves do descenso da cabaña gandeira son na 2ª metade do XVII, na que diminuíu a súa terceira parte, e na 2ª metade do XVIII, na que baixa a menos do 50% da cifra anterior. A gandería, en vez de constituírse nun sector económico independente, farase complementario da agricultura no XVIII. O vacún manterase nunha moda de 2 por familia, o número necesario para constituír unha xunta que tire do carro, arado, grade..
1,e) Composición profesional da poboación
En 1708 predomina o sector primario (agrícola ante todo e poucos pescadores), o secundario é 47,7% e o terciario un 15%. En 1752 o sector primario modifícase (diminúen os labregos e aumentan os mariñeiros-pescadores); o secundario cobra maior desenvolvemento, pasa do 4,47 ó 14,6% e o terciario permanece estancado, ubicase en Cangas, a súa capital administrativa. Os días de traballo ó ano son poucos, uns 180, e os salarios están en razón da dificultada e penosidade do propio oficio.
1,e 1) A pesca
Segundo os décimos do mar de Cangas, a actividade pesqueira aumentou antes da chegada dos cataláns, a mediados do XVIII, cando a producción agríola parece estancarse. A chegada dos cataláns coas súas artes de pesca coincide cunha conxuntura negativa. A continuación a actividade volve desenvolverse, adecuándose ós cambios introducidos polos cataláns.Coa chegada dos cataláns, a producción pesqueira aumenta gracias a arte (rede de arrastre) e as estructuras do sector cambian profundamente. O pescador galego abandona o sistema de quiñón (socio) e convértese en asalariado: os cataláns impoñen uns prezos baixos á sardiña que prexudican ós gremios do mar e benefícialles a eles; regulan o comercio de intercambio cun control absoluto sobre os fretes de ida e volta, así como o comercio da sardiña salgada a base de axentes portuarios, na loita contra o décimo do mar tratan de transferir ós mariñeiros galegos; o seu sistema de prensado e salazón da sardiña resulta máis rendible que o galego; e, nos seus circuítos comerciais, levan ó Mediterráneo sardiña salgada e á volta traen viño e augardente catalana que venden en Galicia, prexudicando coa súa competencia a venda do viño do Ribeiro. Eles e o seu almacén son o xerme da industria da conserveira galega

1, f) Os prezos
Os prezos cerealeiros do Morrazo seguen a traxectoria semellante ós doutras comarcas galegas. Os prezos do labradío dependen das terras ofertadas. Nos anos de crise aumentan as compravendas de terras, precisamente cando os compradores son poucos, o que provoca unha baixada na cotización da terra. Este mecanismo é prexudicial para o campesiño pobre, que vende as súas terras no momento que se deprecian: os anos da crise. Os prezos dos labradíos seguen a traxectoria dos prezos dos productos agrícolas, pero non se amosan tan sensibles ás crises. Ó final teñen un rendemento superior ós cereais coma o trigo, debido ó forte crecemento da poboación. O viñedo parte a principios do XVIII cuns prezos altos para ser superado polo do labradío.  A época de 1674-94 é de retroceso, ó ser substituída a vide por outros cultivos. O monte baixo vai coñecer unha forte revalorización polo crecemento da poboación, que esixirá unha ampliación da área de producción. Os momento de febre roturadora como 1674-94 e de 1769-1800 fan aumentar a súa cotización polo que son as terras nas que os prezos soben máis.
1,g) Réxime de propiedade
Hai unha gran fragmentación da propiedade da terra, ademais da superposición de múltiples dereitos sobre a propiedade, que fan difícil o seu estudio e coñecemento. Cada veciño de Hío ten por media 27 fincas. Determinar o concepto polo que pagaban as rendas terreñas e o réxime de tenencias de cada finca resultaba tarefa complicada para o propio campesiño. O réxime da terra no Morrazo é, máis ou menos: o 12% de propiedade plena, o 9% de subforo, pequenas cantidades de arrendamentos/subarrendamentos e colonato, e o resto, a gran maioría, é terra aforada.
O foro é o contrato típico de cesión da terra en Galicia. Os problemas que presenta débense ásubstitución do concepto da propiedade plena romano polo xermánico no que coexisten distintos dereitos sobre a terra; o do señor titular, o dereito dominio; o dominio eminente; o dominio útil ou de usufructo do foreiro. O foro é un contrato a longo prazo (3 voces ou tres vidas de reis), indica os bens aforados, sinala as rendas e cándo, cómo e ónde deben pagarse. Completa o foro unha serie de cláusulas restrictivas do dominio útil, que non foron respectadas polo foreiro. Este comportamento do foreiro contribuíu a aumentar a confusión do réxime de propiedade, producíndose un obscurecemento dos dereitos sobre a terra.
Coa introducción do millo, no XVII, e a subida da productividade das terras, o gran beneficiado será o titular do dominio útil ou foreiro, mentres que o valor das rendas señoriais mantéñense estacionarias. Os grandes foreiros, fidalgos na súa maioría, van transferir a terceiras persoas parte dos seus forais en troques dunhas rendas que, coma media, máis que duplican as dadas ós dominios directos. Dende ese momento, a loita entre os dominios e os foreiros vanse crear ó redor da renovación dos foros. Os primeiros considerarán que ó finalizar o foro, o dominio, útil da terra debía reverter ó directo dominio, pola contra, os foreiros consideran que a renovación debe ser automática se se cumpriron todas as consideracións estipuladas no foro.
Considérase unha aptitude consciente do foreiro por escurecer e usurpar dereitos do directo dominio, pero tamén hai un enmascaramento lóxico e natural debido ós sistemas de herdanzas, a rateos desfasados e falta de listas actualizadas de colonos.  Os propios dominios descoñecen, ás veces, os límites dos seus forais. O enfrontamento entre os directos dominios e a fidalguía intermediaria céntrase nos anos de mediados do XVIII. Ata ese momento, o normal é que a renovación do foro fáiselles, sen obstáculos, ós anteriores foreiros cun leve aumento da renda, pero agora existe un interese claro dos directos dominios por desprazar os fidalgos intermediarios e cobrar eles as rendas totais que pagaban os cultivadores directos. Non se aprecia unha preocupación sincera pola situación económica dos campesiños subforados. Os dominios, ó exercer as demandas de despoxo, non queren as terras para cultivalas directamente, a súa intención é arrendalas en prazos curtos, co que podían actualizar regularmente a renda sen ter que pagar os desperfectos introducidos nas terras.O grande número de demandas de despoxo que se presentan na Audiencia da Coruña a mediados do XVIII obrigará a intervir ó goberno. A pragmática de 1763 deixará as cousas como estaban, obrigando á renovación automática do foro nos seus mesmos titulares ou sucesores. Unha solución contraria provocaría unha enorme axitación social polo trasfego de poboación ó que daría lugar. Esta medida favorécelle á fidalguía intermediaria e ó cultivador directo, que posuía a maioría das súas fincas a foro, mentres que prexudicou o subforado. As expectativas dos foreiros coa pragmática víronse superadas ó estabilizar as rendas e facer perpetuo o foro. É o primeiro paso firme do campesiñado cara á propiedade plena. ó mesmo tempo, ó asegurar o aproveitamento do útil da terra aumentará o estímulo en mellorar as terras, fenómeno perceptible a finais do XVIII, no aumento do rendemento e os números de preitos por regadío que se suscitan. 
1,h) As clases sociais:
Nobres-fidagos: dispoñen de medios económicos, controlan directa ou indirectamente os cargos municipais, gozan de exencións fiscais e teñen un réxime xurídico distinto e máis benigno que o dos plebeos. Vémolos dedicados a negocios especulativos de rápida e forte ganancia como arrendadores de décimos, comercio de viño e grans, compañías de comercios, socios capitalistas na compra de xávegas, etc.
 
O clero: a súa extracción procede das clases podentes. Necesitaban un patrimonio que producise congrua (renda) suficiente para atender con decencia as necesidades do seu estado relixioso. Era a grande autoridade ante os seus fregueses, facía de conselleiro, xestor administrativo, portavoz ante as autoridades e prestaba cartos ou grans nas súas dificultades económicas. Os párrocos cobran por termo medio 5.366 reás ó ano, o que lles converte nos personaxes máis pudentes do Morrazo. Os seus ingresos permitíanlle intervir en negocios que esixían fortes investimentos ou garantías como o do comercio do viño, grans, arrendamentos de décimos, etc. No seu comportamento son contradictorios: unhas veces equipáranse cos fidalgos nas percepcións das rendas e dereitos, e outras, amósanse xenerosos, destinando os grans a paliar os efectos das crises e realizan un importante labor asistencial. A súa formación é tradicional baseada na escolástica e cun plans de estudio anquilosados, pero nas súas lecturas advírtense trazos de modernidade, como o interese por ciencias empíricas como a agricultura e en tratados de historia actuais pola súa temática.
O pobo simple: a familia é nuclear, formada por país-fillos e algúns familiares consanguíneos. Predomina a relación matriliñal.  No 87,5% de todos os estamentos examinados, son as mulleres as que se beneficiaban da mellora no tercio e quinto dos bens, xeralmente a casa («de portas adentro») e as fincas máis próximas (quinteiros e anexos). A familia coma unidade económica de producción defende e protexe a todos os seus membros sobre todo ós máis febles. Para iso, practica a mellora no tercio e quinto dos bens que recaen no/a fillo/a que casa no fogar dos país a cambio de seus coidados na vellez. Os país e fillos casados convivindo baixo un mesmo teito formaban a compañía familiar, de fin asistencial nunha época sen seguridade social. O patrimonio formábase coa contribución dos bens de todos os seus membros, pero seguen sendo de propiedade particular, o único que ten un destino común é o usufructo do que producen.  Aquí o fin social prevalece sobre o lucrativo e pode considerarse como un resposta sabia dunha sociedade rural con recursos limitados para protexer os seus membros máis febles. O seu éxito manifestase na baixa mortalidade existente na zona.
1,i) Periodización

De 1620-80. Presenta un desenvolvemento demográfico espectacular, a superficie das explotacións agrarias diminúe e a súa distribución faise máis racional. Asístese a unha intensificación do esforzo humano sobre unhas explotacións cada vez máis reducidas. Estas transformacións teñen coma base a introducción do millo, que non deixan descansar a terra trala rotación de cultivos que impón.
De 1680-1710. É un período difícil. A poboación estáncase. A explotación familiar descende ós seus niveis máis baixos.  Rotéanse terras marxinais, e o millo estáncase na súa superficie de cultivo. A presión dos directos dominios acentúanse, danse os primeiros despoxos coñecidos.
De 1710-1740. O crecemento da poboación é moderado, duns 3 por mil anual.  As explotacións mantéñense en relación coa etapa anterior. O viñedo sitúase no seu nivel máis baixo de cultivo e aceptación.  Advírtese un aumento das rendas terreñas. Prodúcese un equilibrio entre o desenvolvemento da producción e o consumo da poboación.

De 1740-1780. A súa nota distintiva é o estancamento. O crecemento demográfico é insignificante ou nulo pola subida da rnortalidade. As crises son máis intensas, fortes, frecuentes e mortíferas (1747,1754,1764, e 1769).  A emigración sitúase no nivel máis alto. Estes anos coñecen a polémica entre os dominios e os foreiros. Reiníciase a campaña de roturación de terras que levan a área de cultivo á súa extensión definitiva, que chegará ós nosos días. O millo prosegue a súa expansión, supera o 90% do cultivo e a súa ganancia é a custa do millo miúdo (mijo) que desaparece. A gandería ten un retroceso espectacular, xa que baixa de 9 a 3,66 cabezas por veciño.
De 1780-1810. A poboación volve medrar nun 3 por mil anual.  A superficie da explotación familiar mantense. Os rendementos intensifícanse a pesar das zonas roturadas anteriormente. A resposta intensiva destes anos explica a diminución da emigración. As rendas quedan bloqueadas e xeneralízase o boicot ó décimo. A pragmática de 1763 dálle seguridade ó campesiño para introducir todo tipo de melloras nas súas terras.
Hilario Rodríguez Ferreiro






No hay comentarios:

Publicar un comentario