lunes, 18 de febrero de 2013

APUNTAMENTOS SOBRE UNHA ESCRITURA MEDIEVAL NA QUE APARECE MOAÑA POR PRIMEIRA VEZ



O historiador ferrolán D. Isidro Gonzalo Bango Torviso presentou, na data do 21 de xuño do ano 1976, a tese doutoral: ARQUITECTURA ROMÁNICA EN PONTEVEDRA; nela, ao describir a igrexa de San Martiño de Moaña cita textualmente o seguinte parágrafo:

Es tardía la primera mención que conozco de este templo: Una donación de 1.237 al monasterio de Lérez se sitúa “in ecclesia Sci.Martini de Moania”

Dálle remate á descrición, inserindo dúas notas; a primeira delas di así: 


1) “Documentos del Monasterio de San Salvador de Lérez”, Archivo Histórico Nacional, carp. 1786, doc. 19.

Ao visitar en Madrid o citado arquivo, comprobouse que no apartado correspondente ao Clero estaba depositado o devandito documento, aínda que procedera do mosteiro bernardo de Armenteira e non do bieito de Lérez.


Logo de obter unha copia del, cuxa foto se mostra, solicitóuselle ao Catedrático da Universidade de Vigo, D. Xosé Martinho Montero Santalla, a través de Rosa Pena veciña do barrio moañés do Cruceiro e antiga alumna súa, que o traducira do latín ao galego.



                                                       




De xeito totalmente desinteresado, o profesor Montero Santalla, deulle o seguinte significado:

No nome de Deus, Fernando Arias presbítero de San Martiño de Moaña (a vós abade Don Sancho) e ao convento de Santa María de Armenteira dou catrocentos soldos que prestei sobre as herdades que delas teño a saber de Alfonso Martínez en Canizada e de Xoán Martínez cabaleiro dito servicial en Cortiña de Freixo e en Lamelas e en Castro e de Sancha Nunes muller de Nuno Pérez dito lobato en Casal de Sande. Dóuvolo na miña vida sano de mente e de corpo, todo canto teño sobre estas herdades por remedio da miña alma e dos meus pais por sempre, para que diso teña o convento unha comida o día de Natal. E douvos dúas (…). Feita esta carta de doazón na era mil douscentos setenta e cinco, no día de San Estebo. Os que foron presentes.

Dou tamén na Igrexa de San Martiño de Moaña de unha cuarta, unha séptima integra. E noutra cuarta da mesma Igrexa, a cuarta dunha séptima e todo o que me pertence na mesma Igrexa entre meus irmáns da nosa herencia. Dou tamén a casa de Gómez Gudín sobre a cal dei sesenta e catro soldos e sobre os fiadores Pedro Martínez dito telleiro e seu irmán Xohán Martínez cabaleiro. Dou tamén unha leira en Sande sobre a cal dei sesenta soldos e sete diñeiros a Xohán Nunez dito Picabea (sangrador) e é fiador Fernando Arteiro clérigo. Todas esas cousas dou polos meus vestimentos e por remedio da miña alma. Dou ó convento un moio de pan e un cuarteiro de castañas e seis tegras de trigo, a metade de toda herdade que teño en Sabucedo e de toda a posesión dou a meu irmán Paio Arias. O resto da miña herdade dou (…) .

Como foi sin descendencia, o mosteiro de Armenteira teña inmediatamente a herdade del.

Como se pode comprobar, trátase dunha escritura de doazón de terreos e diñeiro que fai o daquela cura de San Martiño de Moaña ao abade do mosteiro da orde de San Bernardo, que fora fundado no século XII.

Este importantísimo documento, a pesares da súa pequena extensión, ofrece moitos datos para entender os primeiros pasos de Moaña, citada en latín como Moania, onde xa existía a igrexa de San Martiño, construída uns 40 anos antes, aproximadamente, segundo afirman varios historiadores que atoparon nela características arquitectónicas parellas ás de outros templos, datados con seguridade a finais do século XII.

Outra achega relevante é que amosa o nome dun dos primeiros curas que rexentaron a citada igrexa: Fernando Arias, crego da familia que segundo aparece, tamén en latín, na epigrafía do tímpano da súa fachada principal, mandou erguela. Deste xeito foi gravado: ARIAS FECI, que equivale a : ARIAS FÍXOA.



                                    




Aínda que composto en latín, o escribán intercala na escritura a verba galega leyra e fai mención a lugares de Moaña que se conservan na actualidade: Cortiña de Freixo, Sabucedo (Sabaceda na actualidade), Lamelas (na Casanova), Canizada, Castro (a carón do templo) e Sande (na Xalde).

Como pode ollarse a través da foto, o documento non se atopa nas mellores condicións, polo que o profesor Montero Santalla, non foi quen a traducir algunhas frases e as que subliñou na tradución, aparecen tachadas nel.

No que atinxe a súa datación, no día de San Estevo da Era 1275, cumpre ter en conta que ao pasala ao calendario actual, correspondese co ano 1237.


Manuel Uxío García Barreiro.


Febreiro de 2013.

No hay comentarios:

Publicar un comentario