sábado, 23 de febrero de 2013

 PERGAMIÑO EN LINGUA GALEGA DE 1.466,
O MÁIS ANTIGO DA REITORAL DE MOAÑA.


No intre en que se estivo a investigar sobre a historia local para escribir o libro, A Freguesía de Moaña – Apuntamentos históricos e etnográficos, o moañés Gerardo Gayo, que colaboraba cos seus autores, encontrou na reitoral de Meira algúns documentos que se trasladaran alí dende a de Moaña, despois que o edificio quedara baleiro por  xubilación do derradeiro párroco de San Martiño que vivira nela, o finado D. Heraclio Couceiro. Entre eles encontrouse o manuscrito máis antigo do arquivo parroquial moañés, na actualidade depositado, todo el, no Arquivo Diocesano de Santiago.

   
                                             Pergameo de 1.466, escrito  na lingua galega medieval.

O manuscrito está contido nun pergamiño onde aparece escrito, no idioma galego, o testamento outorgado, na data do 9 de novembro de 1.466, por un veciño da aldea de Cima da Vila, nomeado Alonso González de Moaña; nel manda que seus herdeiros manteñan unha capela que, na honra a San Bernardino, fundara con anterioridade dentro da igrexa de San Martiño, onde pretendía ser sepultado. Tamén ordena que outros anacos  do patrimonio que posuía o herdaran a dona e o criado.

As 12 misas que tiñan que celebrar anualmente nesa capela, a comida dun día ó ano para 12 pobres, os custes de alumeala e as esmolas ó abade, manda que procedan de parte das rendas dos moitos terreos que posuía en Moaña, Coiro, Aldán, Bueu, Cela e Ardán, os cales quedaban vinculados para que seus sucesores non puideran desprenderse deles.

A aldea de Cima da Vila na que vivía o testador, encontrábase na zona alta do actual barrio dos Piñeiros e segundo o vecindario do catastro do Marqués de la Ensenada do 1.752, tiña oito casas, unha mais cas que as existentes no devandito barrio. Na actualidade, atópase ese topónimo nas augas procedentes do monte que o limitaba e nalgunhas terras de arboredo onde se encontran cementacións de antigas casas.


                     Camiño de tipoloxía parella ás calzadas romanas; a través del  accedíase  á 
                      antiga aldea  de  Cima da Vila.
       
As primeiras novas coñecidas  arredor de como se desenvolvía a citada capela en épocas posteriores, refírense aos preitos que lle interpuxeron ao herdeiro do fundador, que no ano 1.613 era López Núñez de Aldao; este home, familiar dos condes de Aldán, segundo investigacións do historiador D. Carlos Vázquez Marinelli de Cangas, tivo  que abonar moitos cartos ao párroco de Moaña polos pagos atrasados de misas e das outras obrigas testamentarias que incumprira, a pesar de obter as rendas forais abonadas polos  labregos que cultivaban o  terreos das freguesías citadas.

Por outros documentos investigados no arquivo histórico de Pontevedra, coñecese que no século XVIII seguíanse aforando casas e terras moañesas; deste xeito, nunha escritura datada o 22 de xuño de 1.757, o veciño de Pontevedra D. Antonio Michael de Aldao Maldonado, sucesor no vínculo da fundación da capela, afora unha casa terreña na aldea, hoxe barrio, do Cruceiro con cinco ferrados de terra arredor dela.

Dez anos mais tarde, seguíanse cumprindo as obrigas da capela a pesares de que esta fora botada abaixo no 1.763, segundo testifica o abade daquela D. José Vicente Saavedra Voan, do pazo do Rosal, da maneira seguinte:

… y aunque por haberse reedificado dicha parroquia de Moaña y haberse ocupado el sitio que contenía la capilla, no obstante recibe su cumplimiento por ser así la voluntad del testador que manda que no cumpliéndose lo arriba expresado pasen los bienes a la Iglesia Catedral de Santiago…

 En 1.827 o párroco de Moaña D. José Antonio Mouriño escribe no libro de fundacións da igrexa de San Martiño:

Don Esteban Aldao de Pontevedra: Doce misas rezadas de tres reales y dar de comer a doce pobres …



Casa do Cruceiro erguida nun terreo que pagaba foros para soster a capela de San
             Bernardino. Nos comezos era terreña e despois (a finais do século XIX, dun andar.

Este parágrafo confirma que, preto de catrocentos anos despois da asinarse, continuábanse cumprindo os mandatos testamentarios  e aínda medio século máis tarde, sucedía o mesmo, segundo está salientado na escritura de compravenda da devandita casa terreña do barrio do Cruceiro, en Moaña, con parte do seu quinteiro; nela déixase constancia da súa compra, executada por Antonio Rodríguez Martínez na data do 20 de novembro de 1.880; nun dos seus apartados saliéntase o que sigue:

Pensión anual cinco reales treinta céntimos, ó una peseta treinta y dos y medio céntimos de otra, a los herederos del Sor. Aldao de Pontevedra…

A partires de aí, as pensións anuais fóronse abolindo e os que traballaban as terras,  e obtiñan permisos dos donos para facer casas dentro delas, estivéronse a converter en propietarios plenos; deste xeito, quedaron sen valor as cláusulas do testamento de 1.466, cuxo texto é o seguinte:

TEXTO DO TESTAMENTO DE 1.466

Ano do nascemento de Noso  Señor Jesucristo de mil e catrosentos e sesenta e seis anos nove días do mes de novembro saiban todos como eu Alonso González de Moaña Xacendo doente de dolor e infermidade cal Deus tendo por ben de me dar e con todo meu siso e entendemento fago e outorgo miña manda  e miña postrimeira  boluntade e ja in primeiramente mando miña alma o meu señor Jesucristo que a comprou e redemeu polo seu santo sangre justo e precioso e rogo a señora santa María súa madre con todos os santos e santas da Groria do paraíso que lle queiran por min rogar que cando me deste mundo for que me leben a miña alma a súa santa Groria  amen.

Etem mando que as miñas carnes  pecadoras sejan enterradas na Igreja de San Martiño de Moaña  ante a capela de San Bernardino.
Etem mando a dita igreja de Moaña  binte marabedies cada ano por sempre  por meus bens.

Etem mando ao crerigo cureiro da dita igreija dose marabidís.

Etem mando que me digan cada un ano dose misas ante a capela de San Bernardino  a onra dos dose apóstolos as cais digan as seis por oitabas  de Natal e as outras seis por oitabas   de Pascoa e mando que cando as dijeran cada ano que den de comer a dose probes.

Etem mando a miña muller canto está das portas adentro salvo prata e diñeiros  e mando que meus erdeiros e cumpridores den a dita miña muller cada ano pan e viño aquel que biren lla cumpran  para ajuda de súa mantenza.
Etem mando que den a Pedro González meu criado seis centos marabedís e a miña parte nas ovellas que al mallor  quejasen nomeadas  que llas mando dar.

Etem mando que si o dito González echar moller con quen se casar e se quijer asentar no meu lugar de Sima de Bila  que lle den quinto do pan e do viño dos erdos.

Etem  mando a Ines nunes moller de Juan de Cangas sen maravedies.

Etem mando ao lume de San Martiño  de Moaña para sempre por meus bens un selemin de pan.

Etem mando aos dos lugares douscentos marabedís.

Etem mando que os meus lugares que teño nas freguesías de Ardán Sela Bueu no Coiro Aldán e Moaña quero que nunca sejan partidas e que sejan sujeitas a capela de San Bernardino porque se digan estas dose misas e den de comer a ditos dose probes   e que nunca sejan partidos nen vendidos neempeñados ao que en maneira erdare estes bens  antes de se falecer deije nomeado quen os sirve e cumpra todo esto susodito que seja sempre e os teña en mando da linaxe donde nelas ban  e non cumprindo o susodito mando que meus bens bajan a Igreja  do Apóstolo Santiago con tal condición que me digan cada un ano dúas misas con aniversarios ante o coro e o altar maior.

Etem deixo por meus cumpridores e fiasadores desta miña manda a Juan Fernández tesoureiro e a Pedro Rodríguez  que a cumpran e fagan en todo o lle deijo a cada un por ese traballo sen maravedies e reboco todas as outras mandas que en naja feito non ballan salvo esta que agora fago e outorgo por ante este notario e testigos de suso scriptus e aparto a tódolos outros meus parentes con sinco soldos de boa moeda que no allan mais por meus bens e a conta esta miña manda que o que contraela for apercibe pena mil marabedís en moeda vella e a pena pagada e non pagada esta miña manda seja firme e baledeira por sempre que foi firme e outorgada nas casas da morada ano mes e día sosoditos signas que foron presentes Roi de Sima da Vila Roi do Outeiro Pedro de aldán e Juan de Cangas e outros e Estevo Gonsales notario  jurado de terra de Morrazo a todo isto que de sujo dito he presente coas ditas testemoñas e a que meu nome e signo pujen en testemoño de verda quetal he

Estevo Gonzales notario.


Da lectura deste documento tan importante, único escrito en galego entre os moitos que se conservaron no arquivo da Reitoral de Moaña, cumpre salientar como nese ano 1.466 xa se empregaba a “j” para substituír a “x” , tal e como ocorre no actual portugués, e que o “seseo” formaba parte da fala dos nosos devanceiros do século XV.

No pergamiño non aparecen puntos nin comas e escribiuse de seguido. Preto de 20 anos mais tarde de que fora asinado polo notario de Morrazo, Estevo González, os Reis Católicos prohibiron o emprego do idioma galego nos documentos oficiais.


Moaña,  febreiro de 2013.
Manuel Uxío García Barreiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario