P R Ó L O G O.
AS CATRO PARROQUIAS DO ACTUAL CONCELLO DE MOAÑA EN 1.750
Na mañanciña do 10 de novembro de 1.956, cando ían comezar
as festas patronais da parroquia de Moaña en honra de San Martiño e a Virxe do
Carme, afundiu á altura das Illas Cíes o barco pesqueiro “Ave del Mar” cos seus
vinteseis tripulantes a bordo, cubrindo de loito todo o Concello.
Este naufraxio, no tocante ao número de persoas que
perderon a vida nel, foi o máis importante ocorrido en todo o concello de Moaña
desde que se teñen noticias das catástrofes marítimas acaecidas nesta zona.
Por iso, ao conmemorarse no presente ano 2006 o 50º
cabodano de tan tráxico accidente, inténtase explicar nos capítulos que
integran este libro unha gran parte das circunstancias que deron lugar a que,
no ano da traxedia, existisen en Moaña máis de 200 buques dedicados á pesca,
utilizando preferentemente a arte denominada “ardora”, orixinando que o seu
porto fose entón o máis importante de España na pesca de baixura.
Dos aproximadamente doce mil habitantes que tiña o
concello en 1.956, máis de 2.500 homes tripulaban os citados barcos, e moitas
outras persoas de ambos sexos tamén estaban relacionadas coa pesca de baixura a
través das fábricas de conservas herméticas de peixe instaladas no Con, Meira,
Cangas e Vigo, cordelerías en Meira, estaleiros, subministros navais, etc..
Fíxase no ano 1.750 o comezo dos relatos que determinaron
ditas circunstancias, por iniciarse nel os inquéritos que deron motivo á
posterior aparición en 1.752, do famoso Catastro do Marqués de la Ensenada , onde entre
outros datos estatísticos dá conta da poboación censada das catro parroquias
que no século seguinte formaron o Concello de Moaña, e que era de 950 veciños,
que se estima correspondían con 3.600 habitantes, dos que só 74 estaban
rexistrados como mariñeiros, en contraste aos seus 466 labregos-xornaleiros, o
que demostra que a inmensa maioría dos poboadores do municipio estaban
dedicados ao sector primario da produción.
Seis anos máis tarde ocorreu un fenómeno moi importante
que deu orixe á transformación de case todas as vilas do litoral galego: o establecemento
por estas terras dos fomentadores cataláns. Eles transformaron as estruturas
que imperaban desde tempos inmemoriais, ao implantaren novas artes para a pesca
intensiva de sardiñas e outros peixes azuis, materia prima coa que fornecían as
súas factorías de salgadura. Así comezou a industrialización de Moaña e o
inicio da senda que ía levando cara ao mar.
Aproximadamente un século despois, os seus herdeiros
empezaron a levantar unha cantidade considerábel de fábricas de conservas por
todo o litoral galego.
Nelas cociñábase e esterilizábase o peixe, que despois se
introducía en caixas de folla de lata herméticas, ao obxecto de que se
conservase sen deterioro durante un longo período de tempo, podendo así
exportarse a mercados de case toda España e do resto de Europa, preferentemente
aos da veciña nación francesa.
Na descrición dos sucesos ocorridos nese período de pouco
máis de dous séculos e medio, detállase como a parroquia agrícola e gandeira de
San Martiño de Moaña, que no ano de publicación do catastro era a máis poboada
da Península de Morrazo con 1.690 habitantes, case todos ubicados nas súas
zonas altas e medias, foise transformando nunha potencia pesqueira de baixura,
construíndo o seu primeiro estaleiro no inicio dos aterrados que se fixeron na
súa ampla praia, a fins do século XIX, con persoal que procedía dos
anteriormente instalados en Meira e Domaio, e lanzándose á pesca intensiva a
bordo de botes e traíñas, ata que se impuxeron os barcos de vapor e de motor, a
partir de 1.912.
Dedícase un capítulo a expór o fenómeno local relacionado
coa parroquia de Meira consistente no establecemento de cordelerías e carreiras
que na década dos cincuenta do século XX deron traballo a perto de mil persoas,
mulleres na súa maioría, confeccionando cabos e cordas para a pesca e tamén
para a agricultura.
A consecuencia negativa desa dependencia do mar foi o
elevado número de naufraxios que foron enchendo o concello de loito, o relato
dos cales ocupa outro capítulo.
Ao coincidir a catástrofe do “Ave del Mar” coas festas
patronais de San Martiño de Moaña, efectúase unha exposición detallada do
cambio nas preferencias devocionais dos fregueses das catro parroquias, por
causa da declaración oficial do padroado da Virxe do Carme sobre os homes do
mar en 1.901. Tamén se describe o programa que se pretendía executar durante as
festas de novembro de 1.956, así como de todas as circunstancias que as
rodeaban. Dito programa foi suspendido desde o mesmo instante en que se fixeron
públicas as novas da máis importante traxedia marítima ocorrida en todo o
concello moañés.
O penúltimo capítulo analiza en profundidade, tanto o
feito do naufraxio en si como a recuperación de cadáveres, enterros e funerais
dos vintedous tripulantes recuperados do mar e dos catro desaparecidos,
deixando o capítulo final para describir a visita que realizou a Moaña, en
outubro de 2.002, o mergullador John Potter, que foi o que dirixiu o rescate dos corpos sen
vida dunha gran parte dos náufragos do “Ave del Mar”. Tamén se dá conta da
homenaxe que se lle rendeu na Casa do Concello e do que el mesmo ofreceu a
todas as vítimas no cemiterio municipal.
Finaliza o capítulo e o libro cuns versos plenos de emoción
e sentimento, saídos da pluma do fillo dunha das vítimas do naufraxio: Pepe “O
Caramuxo”, home moi popular na nosa vila, que esta vez cambiou as poesías
alegres e sarcásticas, coas que case todos os anos nos foi deleitando no tempo
de entroido, por estas outras que abrollaron desde a profundidade do seu espírito,
dirixidas a seu pai e aos vintecinco compañeiros afogados.
Os mariñeiros ían ao mar e toda Moaña foi indo con eles a
nutrirse das súas riquezas, para alimentar as súas xentes. A longa viaxe por
este camiño duro e difícil intenta describirse paso a paso a través de todos os
capítulos que se citaron e que se desenvolven seguidamente.
De xeito algo diferente ao ocorrido nas veciñas parroquias
de Domaio, Meira e Tirán, que no século seguinte se agruparon coa de Moaña para
formar a nova estrutura administrativa denominada actualmente “Concello de Moaña”,
a poboación da de San Martiño foise asentando ao longo de varios séculos polas
súas zonas altas e medias, dedicándose de forma case total á agricultura e á
gandería, polo que o grande areal que lindaba coas parroquias citadas de Meira
e Tirán non dispuña a penas de casas ao longo da súa ribeira. Tal como
demostran algúns “cuncheiros” encontrados no castro do Cruceiro, dela sacábanse
croques, ameixas e navallas para complementar a alimentación dos seus
poboadores, preferentemente agrícola, con proteínas procedentes do marisqueo e
da pequena pesca artesanal.
O sinalado anteriormente pódese comprobar por varias
fontes. Unha das máis importantes é o Catastro do Marqués de la Ensenada , realizado en
1.750 e publicado en 1.752, no que, segundo o exposto no caderno da Agrupación
C.D.R. “Nós” de Moaña, editado en maio de 1.987, a freguesía de San
Martiño contaba cunha poboación de 1.690 habitantes, sendo por iso a que tiña máis
poboadores de todas as da Península de Morrazo, a gran maioría
xornaleiros-agricultores e só 28 mariñeiros con dorna.
Outra fonte autorizada que se refire á despoboación do litoral
de dita parroquia é o discurso dirixido aos armadores polo presidente da
Confraría de Pescadores, D. José Costa Alonso, o 11 de marzo de 1.951:
“Con el nuevo procedimiento de pesca (refírese á arte da “ardora”),
Moaña se transformó por completo, principalmente este barrio de la Playa , del que hace
cincuenta años podían contársele las casas con los dedos de las manos y hoy
ofrece el aspecto de una hermosa villa situada en el sitio más poético de la ría
de Vigo y siendo para todos una gran satisfacción este progreso, detenido por
la enorme crisis que se padece desde hace dos lustros”.
Nas outras tres parroquias era maior o número de mariñeiros
en proporción aos seus habitantes, ao estaren máis volcadas cara ao mar; por
iso non é estraño que por esa época en Moaña non existise nin un só barco de
pasaxe pola ría, en contraposición con Tirán, que tiña catro, Domaio tres e
Meira dous.
No caderno sinalado máis arriba recóllese que na freguesía
de Moaña, como entidade territorial ademais de eclesiástica, había seis
sacerdotes. Un deles tiña que ser o párroco reitor que habitaba a casa
reitoral. Desde ela dirixía os fregueses, e non só no ámbito espiritual. Por
este e outros motivos, nesas datas decidiuse derruír o antigo ábside románico da igrexa, para levantar no seu sitio outro maior de estilo barroco, engadíndolle ademais dúas capelas, sacristía e un campanario no lado dereito, que substituíu a súa antiga espadana central. Tamén se instalaron cinco retábulos do mesmo estilo barroco, con varias imaxes novas que encheron as fornelas. Algunhas delas aínda perduran e outras desapareceron no século XX, pola desidia dos responsábeis da súa conservación.
Cada un dos retábulos desta igrexa, o mesmo que sucedía
cos novos que tamén se montaron nas de Domaio, Tirán e Meira, dispuña do seu
correspondente altar, onde os citados sacerdotes celebraban misa diariamente, a
maior parte delas polos defuntos que antes de morrer deixaban nos seus
testamentos diñeiro ou propiedades para que as súas almas fosen reconfortadas
cunha boa cantidade de celebracións eucarísticas, segundo a súa riqueza. Desa
maneira pretendían acurtar a súa estancia no purgatorio, de acordo coas súas
crenzas e cos comportamentos relixiosos tridentinos desa época.
A obsesión co purgatorio era tan grande neses anos que en
moitos “petos de ánimas” en en baixorrelevos representábanse as almas entre
chamas, sendo moi peculiar o que existía na igrexa de San Martiño e que despois
algún dos seus párrocos, moi experto en arte, mandou que o retirasen dos
edificios parroquiais. Nel víanse entre chamas un papa, un bispo, un crego, un
monxe, un home e unha muller, todo iso moi aleccionador para os nosos
antepasados, na súa maioría analfabetos por eses anos de triunfo das teses
barrocas na Galiza rural.
Os retábulos principais destas igrexas foron testemuñas de magnas cerimonias relixiosas, as máis importantes da cales se celebraban na de Moaña, por ter carácter de freguesía, e polo tanto ser a única das catro en que non se tiñan que desprazar as grandes celebracións ás súas oitavas. Desta forma, nas solemnes misas gregoriana como a do Corpus, San Martiño e outras, Un papa, un bispo,
un crego, un monxe, un enchíanse os presbiterios de cregos, home e unha muller
arden no purgatorio propios e alleos.
Unha das xornadas en que a igrexa de San Martiño e os seus
arredores estaba máis acugulada de sacerdotes e de fregueses desta e doutras
parroquias, era a do Venres Santo. Nela, tiña que resultar impresionante para
os nosos antepasados do século XVIII e aínda para os de séculos posteriores, a
contemplación do desencravo da cruz dunha imaxe de Xesuscristo morto, ubicada
no centro do seu novo presbiterio barroco, con todas as tallas do retábulo
tapadas.
Esta cerimonia teatral que representa a baixada da cruz
dun cristo articulado, que despois se convertía en xacente, era dirixida por un
frade que predicaba desde o púlpito, con tal dramatismo que facía chorar as
persoas que abarrotaban a igrexa. Ao final do “desencravo”, a imaxe de Cristo depositábase
nunha urna e sacábase en procesión, acompañada dunha talla da Virxe Dolorosa,
recén incorporada o novo retábulo da capela esquerda. Aínda pervive esta
representación, que se remonta ao Concilio de Trento, do século XVI, pero sen a
grandiosidade nin ao dramatismo de antano.
Un só sacerdote atendía a capela de San Gregorio dentro do
Pazo do Rosal, sendo moitos os párrocos que procedían da aristocrática familia
que o habitaba e que tanto poder tiña debido á propiedade de grandes extensións
de terras que aforaban aos veciños, polo cal pódese dicir que por eses anos do
século XVIII o reitor da freguesía e o Señor do Pazo eran os personaxes máis
influíntes de Moaña, aínda que o fidalgo do Pazo de Paxarín tamén era moi
poderoso.
Polo menos dous membros da familia Saavedra, señores do
Pazo do Rosal, están enterrados no presbiterio da igrexa de San Martiño, segundo se
acredita nun escudo de madeira que se encontraba próximo ao sarcófago e que tamén
foi trasladado de lugar. Dito escudo foi fotografado antes da súa desaparición
e represéntase ao lado da súa epigrafía:
JOSÉ SAAVEDRA DE YEBRA Y ROMAY
SUÁREZ DE DEZA, SR. JURISDICCIONAL
DE LOS COTOS DE VILLALPAPE, TUIRIZ,
MARZÁN Y SANTIAGO.............., CAPITÁN
DE LA
GUARDIA REAL PROVINCIAL, PATRONO
DE ESTA SANTA IGLESIA PARROQUIAL
EN 22 MARZO 173.....
Y SU NIETO D. JOSÉ CABALLERO DE LA REAL
Y DISTINGUIDA ORDEN DE CARLOS III.
EN 25 ................ 18................
En Meira e Domaio censáronse tres sacerdotes por parroquia
e só un exercía na de Tirán. Os párrocos eran tamén os seus personaxes máis
influíntes, pero a propiedade das súas terras estaba repartida entre persoas de
dentro e de fóra delas.
Outro dos datos interesantes sinalados no Catastro é que
nas catro parroquias só había un gaiteiro, eran 42 os tecedores e 466 os
labregos-xornaleiros, o que redunda a favor da tese da dependencia case
exclusiva dos produtos da terra e do gando da maioría da poboación.
É de salientar que se constatara a existencia dun só
gaiteiro en Moaña, e ningún nas demais parroquias. Sen dúbida debe tratarse do único
que tocaba a gaita de maneira profesional, e polo tanto deberían existir outros
que o facían por afección. Isto ten que ser así, posto que nos libros de contas
das confrarías parroquiais, relacionados co século XVIII, detállanse os gastos
que ocasionaba a contratación dun gaiteiro para amenizar as súas celebracións
importantes, e eran moitas as festas en que se honraba a santos sanadores,
ademais dos patróns de cada parroquia. E iso sen contar cos requirimentos que
se lles facía para alegrar algunhas fiadas e esfolladas importantes, onde
traballaban e se divertían os nosos avós.
Outro exemplo do alonxada que estaba do mar nese século a
freguesía de Moaña destaca nun documento que describe como os veciños do barrio
máis perto da Praia, o da Miranda, aforaron as súas terras, casas, etc., ao
pequeno mosteiro de Santiago de Ermelo o 9 de marzo de 1.730 por unha renda de
cento vinte ferrados de pan mediano, millo miúdo e centeo, mais unha marrá de
vintedous reais a entregar o día de San Martiño de cada ano. Débese remarcar
que non se sinala ningún produto relacionado coa pesca, como así sucedía coas
escrituras de inventarios de bens aforados doutras parroquias máis volcadas
cara á ría.
O sistema de foros consistía no arrendamento de terras de
labor, montes, casas, hórreos, muíños, etc., por longos períodos de tempo aos
veciños do couto aforado, comprometéndose estes por escrito a satisfacer
anualmente aos seus lexítimos propietarios as cantidades en especie
contratadas, sendo o Señor do Pazo do Rosal o personaxe que tiña máis
propiedades nese rexime de aforamento, aínda que había outros como o Marqués de
Valadares en Meira, os mosteiros de Oia, Melón e o citado de Ermelo, ademais do
Arcebispado de Santiago, que tamén as tiñan.
Á institución eclesiástica, ademais de aportarlle recursos
este sistema foral e a contribución dos fieis ás ceremonias relixiosas, tamén
lle chegaban os tributos por décimos e primicias, dando lugar a que fose a
entidade máis poderosa de Galiza antes do inicio da Desamortización de Mendizábal
en 1.837, estando plenamente demostrado que as 2/3 partes dos bens galegos
anteriores a ese ano eran da súa propiedade. Iso explica que houbese tantos sacerdotes
censados en dito Catastro, para unha escasa poboación.
No sector secundario, o subsector máis puxante era o do
tecido do liño, que daba emprego directo a 42 persoas en 1.750, constituíndo así
a terceira actividade produtiva das catro parroquias do Concello, despois da
relacionada coa agricultura e coa pesca. No sector secundario encádranse
igualmente os 20 xastres, 4 zapateiros, 16 carpinteiros, 1 canteiro, 6
curtidores, 1 ferreiro e 1 banastreiro censados.
É interesante destacar que os nosos antepasados do século
XVIII, dedicados como se expuxo de maneira maioritaria ao sector primario, tiñan
moitísimas cargas, entre elas as de soportar un sector terciairo avultado e que
segundo o Catastro estaba formado polos 13 sacerdotes descritos, 1 sacristán, 3
fidalgos, 4 arrendadores de foros e décimos, 2 escribáns, 4 cirurxáns
sangradores, 1 notario apostólico, 1 medidor de terras e 1 ministro de xuíz.
Como consecuencia do expresado alonxamento do mar dos
habitantes da freguesía moañesa, os seus poboadores non sufriron as terríbeis
traxedias das invasións mariñas foráneas, a máis importante das cales tivo
lugar no ano 1.617, cando os turcos fondearon as súas naves para apoderarse de
bens e persoas de 13 Domaio e Cangas, matando algunhas delas e levando outras
como escravas.
A partir da chegada dos fomentadores cataláns a Galiza no
ano 1.756 para implantar por estas terras métodos pioneiros de salgadura do
peixe e novas artes de pesca que multiplicaron o número de capturas, e sobre
todo, ao empezar a faenar novos barcos coa arte do cerco- xareta (ardora), en
1.898, de maneira lenta ao principio e de forma masiva despois, a pesca marítima
de baixura foi desprazando a agricultura e a gandería como primeira fonte de
recursos de todos os moañeses, e con iso os seus habitantes comezaron a
construción de vivendas nas zonas máis próximas ás praias das parroquias,
percorrendo pouquiño a pouco a ruta que os ía levando cara ao mar.
Na orde social, produciuse a incorporación das mulleres a
labores diferentes dos agrícolas e gandeiros, empregándose como obreiras nos
talleres de salgadura ao principio, e despois nas fábricas de conservas de
peixe, nas cordelerías e na reparación de redes.
Consecuencia destas transformacións foi a implantación do
sistema capitalista en barcos e fábricas en poder dos fomentadores, que
paulatinamente irían desprazando as institucións eclesiásticas e fidalgas na
detención do poder civil e o sistema de quiñóns que predominaba anteriormente
nas embarcacións de pesca polo do salario.
A construción naval necesaria para obter botes de xávega a
partir do ano 1.756, traíñas de ardora desde 1.898, barcos de vapor cara a
1.912 e motoras arredor de 1.925, tivo tamén un grande auxe e contribuíu a
achandar a senda pola que discorría o tránsito de Moaña cara ao mar.
Como resumo deste capítulo, cabe destacar que a
industrialización de Moaña, igual que sucedeu con outras vilas do litoral
galaico, empezou a desenvolverse desde o ano 1.756, podéndose dicir con toda
propiedade que chegou do mar, de onde procedía a materia prima, e indo cara a
el. Foise desenvolvendo ata os nosos días, deixando de lado, por desgraza para
a nosa terra, o avanzo das manufacturas que tiveron moita importancia con
anterioridade, tales como o curtido de peles, a confección, as ferrerías, etc..
O aspecto negativo de dito fenómeno foi o afundimento de
moitas embarcacións pesqueiras e de pasaxe moañesas, turbando desta maneira a
paz e a tranquilidade das súas xentes, o máis terríbel dos cales ocorreulle ao
motopesqueiro “Ave del Mar” o 10 de novembro de 1.956, e cuxo cincuentenario
conmemoramos este ano de 2.006.
No hay comentarios:
Publicar un comentario