jueves, 13 de junio de 2013

Moaña no camiño do mar (IV), por Manuel Uxío García Barreiro

            4 . A CONSTRUCIÓN NAVAL NO CONCELLO DE MOAÑA

 Para tratar da evolución de Moaña en todo o que atinxe á construción naval, outra vez hai que recorrer ao catastro publicado en 1.752. Nel encóntranse censados un total de dezaseis carpinteiros, oito en Moaña, cinco en Meira, dous en Domaio e un só en Tirán. O curioso é que na lista non aparece mención ningunha sobre a existencia de carpinteiros de ribeira, polo que cabe supór que algún dos dezaseis complementaba os seus traballos na construción de vivendas, cadras, móbeis, etc., coa montaxe das dornas que si están rexistradas no citado catastro.
            Outro feito a destacar, é que eran as parroquias máis próximas ao mar, Domaio e Tirán, as que menos carpinteiros tiñan, o que concorda pouco co que sinalan os mariñeiros máis anciáns, que se refiren á construción de pequenos botes, dornas e gamelas desde tempos inmemoriais en quinteiros dalgunhas casas de Vilela e Domaio.
            Para efectuar ditos traballos de carpintería, empregábanse preferentemente vigas, pontóns e táboas dos carballos e piñeiros destes montes, serrados por cortadores de taboleiros, dos que só aparecen censados dous, ambos na parroquia de Moaña, polo que, se os datos do catastro son verdadeiros, era necesario que se desprazasen cortadores doutros lugares para esta misión.
            Os datos escritos sobre o impacto que tivo na construción naval moañesa o aumento da pesca a partir do ano 1.756, pola implantación da técnica denominada “xávega”, importada polos fomentadores cataláns, son moi escasos, o que leva a sospeitar que non foi moi grande o crecemento da construción de botes ou dornas que se empregaron para faenar con esta arte e coas técnicas tradicionais, ata fins do século XIX.
         
             
     Os estaleiros de Verdeal e Ferradás en Domaio e outros de Meira xa estaban activos nas últimas décadas de dito século, construíndo dornas e gamelas para a pesca de baixura que empregaban como artes o xeito, a xávega, o bou, o boliche, etc., supóndose que o máis antigo que se levantou foi o de Benito González, aproveitando unha antiga fábrica de salgadura que xa existía no século XVII cando os turcos asaltaron Cangas e Domaio, segundo sinala Luis Chapela nun artigo publicado en Diario de Pontevedra o 22 de abril de 2.005.
            O verdadeiro auxe da construción naval deu comezo en todo o concello de Moaña cando foi autorizada de maneira definitiva a pesca da ardora no ano 1.902. Para usar esta nova técnica era necesario dispór de embarcacións abondo máis grandes que as  que se empregaban anteriormente, e con este fin, tomando como modelos as que xa faenaban no Cantábrico, os carpinteiros de ribeira moañeses empezaron a construír as famosas traíñas.
            Moi a finais do século XIX, o carpinteiro de ribeira José Riobó Rúa solicitou unha concesión para efectuar o primeiro aterrado que despois foi executado na praia de Moaña, no lugar denominado “As Pillas da Leña”, e sobre el levantou un estaleiro que foi pasto das chamas no ano 1.941, sendo substituído por outro novo, edificado noutro aterrado próximo, o cal aínda segue en pé dedicado ao comercio da madeira. Este home emprendedor construíra dornas e gamelas anteriormente en pequenos estaleiros de Domaio e Meira.
            Aínda que se puxo en funcionamento este estaleiro moañés cando xa se construían embarcacións noutras factorías das citadas parroquias de Meira e Domaio, isto non debe sorprender, posto que ata esa época os seus habitantes vivían máis ben alonxados do mar, contrariamente ao que sucedía cos das demais parroquias do concello. Por iso tamén chama a atención que ata a década dos corenta do século XX non se construíra en Tirán ningún estaleiro. Este foi edificado por Marcelino Cancelas Vázquez no lugar que ocupaba unha antiga fábrica de salgadura do barrio do Con.
            De acordo co exposto no citado artigo de Luis Chapela Bermúdez, nos anos cincuenta do século XX estaban en plena produción sete estaleiros na parroquia de Domaio, nun dos cales, o de Ferradás, que contaba con tres naves, dábase emprego a máis de cen carpinteiros de ribeira.
            En Meira funcionaban catro estaleiros: os de Cabanelas, Casás, Piñeiro e Rouco. Nestes dous últimos construíronse varias bateas mexilloeiras, continuando Rouco con elas e fabricándose aínda pequenas lanchas pesqueiras no de Casás.
            Na parroquia de Moaña alzáronse no século XX dous estaleiros máis, o de Eusebio e o de Calrajo, situados nas proximidades do primeiro que se sinalou, e que rexentou, ata que se puxo fin á construción de barcos e bateas, o seu propietario, o carpinteiro de ribeira Pedro Riobó Casqueiro.
            De todo iso dedúcese que na década dos anos cincuenta do século XX, máis dunha ducia de estaleiros encontrábanse a pleno rendemento nas catro parroquias do concello, e neles botábanse ao mar de maneira exclusiva embarcacións pesqueiras de madeira de todos os tamaños e barcos de pasaxe para o transporte de viaxeiros entre ambas as beiras das rías, ata que a fins desa década empezáronse a construír plataformas mariñas para criar mexillóns, denominadas bateas.
            A construción naval, no que se refire á carpintería de ribeira, tivo o seu punto álxido a mediados dos citados anos cincuenta do século XX, cando Moaña era o grande porto de baixura español, con máis de 100 motopesqueiros en activo, que substituíron os vapores a partir de 1.912, e estes as xa citadas traíñas.
          

  O único que na actualidade produce en Domaio embarcacións de madeira de forma exclusiva é o de Vicente Ferradás, recaíndo tamén nesta persoa o mérito de ser un dos últimos carpinteiros de ribeira que está en activo, construíndo pequenos barcos, ata un total de sete que se botaron nel desde o ano 2.000 ata o ano 2.005, con esloras comprendidas entre os nove e os catorce metros.
    
            As embarcacións de todo tipo que saían de ditos estaleiros construíanse de maneira totalmente artesá, empregando exclusivamente madeira dos montes próximos e ferramentas de man. O seu proceso comezaba co trazado na sala de gálibos de cada un dos esquemas e maquetas, segundo técnicas que os responsábeis aprenderan dos seus antigos mestres, e en poucas ocasións seguindo os planos dalgunha oficina técnica naval. No Museo Massó de Bueu expóñense varios tipos de ditas ferramentas.
            As maquetas que se manufacturaban nesas salas estaban formadas por varias táboas do mesmo espesor, unidas firmemente por medio duns espigos de madeira, ata formar a escala un medio casco do barco que se pretendía construír.
            Esta maqueta era lixada e puída ata que coincidía coas liñas mestras suxeridas polo armador que contrataba a embarcación. Despois trazábanse na parte plana da maqueta as cadernas e demais elementos do esqueleto do barco.
            Seguidamente, asumindo que a outra metade do buque representado tiña que ser totalmente simétrica, pasábase a efectuar a medición das pezas esenciais, para sacar patróns a tamaño real con materiais lixeiros e desbotábeis, a partir dos cales os carpinteiros construirían as pezas definitivas.
            O seguinte paso era o da selección de carballos apropiados nos montes do actual concello, os cales, despois da súa compra, eran totalmente desenterrados durante o outono e o inverno, cando a saiva baixava ata as raíces, para transportalos despois en carros de bois aos estaleiros. Con eles contruíanse as cadernas.
            O resto da madeira a empregar ao principio era só de piñeiro; non obstante, ao proliferaren os eucaliptos nestas latitudes, tamén se recorreu a eles desde os anos corenta. Estas dúas especies arbóreas, taladas igual que os carballos en outono e inverno, empezáronse a serrar no propio monte, de xeito manual polos serradores contratados que empregaban “serras de aire” movidas por profesionais. Cando se puideron usar serras mecánica eléctricas, ata os locais onde estaban instaladas chegaban as árbores que despois eran reconvertidas en pezas de construción naval.
            Ao darse por finalizada a etapa de construción de cada barco no interior do estaleiro, procedíase á súa botadura ao mar durante a maré alta, facendo uso tamén de técnicas manuais, coa axuda de gatos, calzas e anguías por onde se deslizaba a quilla, previamente enxabroadas e ensebadas as madeiras para facilitar o deslizamento. Todo iso acompañado do esforzo físico dos traballadores que empurraban a embarcación directamente ou tirando dunha corda pasada pola proa da mesma.
            O momento da botadura de cada barco significaba un día de festa para o estaleiro, e no caso concreto do de Marcelino Cancelas, un espectáculo para todo o barrio do Con, pois tiñan que cortar a estrada para que a atravesara a embarcación no seu camiño cara ao mar, con moitísimas persoas mirando o seu deslizamento, que comezaba na grada onde se construíra.
            Xa co barco enriba da auga, este era remolcado e trasladado a Vigo para efectuar a operación da “montura” do seu motor, quedando seguidamente preparado para embarcar as redes e dedicarse á pesca.
            Outro caso curioso foi o aportado por Vicente Ferradás, que segundo lle comentou a Luis Chapela, na década dos sesenta do século pasado construíu a súa primeira chalana no quinteiro dos seus pais, en Domaio, transportándoa despois cara ao mar nun carro de bois entre camiños e terras de labor. Desta maneira imitaba os seus antepasados, as casas dos cales estaban alonxadas da beira do mar, ata que a demanda de traíñas, barcos de vapor e motonaves fixeron imprescindíbel que se edificasen o máis preto posíbel do mar factorías cubertas, dedicadas exclusivamente á carpintería de ribeira.
            Do estaleiro de Pedro Riobó Casqueiro saíu o “Ave del Mar”, cuxo contrato de construción foi asinado por Eduardo Pérez Calvar e o citado Pedro Riobó o 19 de novembro de 1.944, expondo textualmente nel que se pretendía obter unha embarcación de “rabo de galo”, de 11 mts. de eslora, 3.30 de manga e 1,90 de puntal por un prezo de 16.000 ptas. a pagar nalgúns prazos, e a curiosidade de estar anotada unha propina de 500 ptas. A súa botadura foi executada o 21 de abril de 1.945, polo que no verán dese ano empezou a dedicarse á pesca, empregando a arte da ardora.
            Ademais dos barcos que se construían para o porto de Moaña, do resto do litoral español chegaron pedidos, citando por exemplo o dun cargueiro de 30 metros para A Coruña, unha parella de barcos para a pesca do bacallau nos mares de Terranova, outros para pescar no Gran Sole e Canarias. Tamén se executaron solicitudes de barcos para destinalos a portos de Asturias e Andalucía.
            Cabe destacar igualmente a construción de tres barcos de pasaxe para facer a liña de Moaña a Vigo e viceversa, cuxo armador foi o recordado Pepe “O Fungón”: dous armáronse no estaleiro de Marcelino Cancelas, o “Gladiador”, botado en 1.953, e o “Competidor”, que quedou listo para navegar uns anos máis tarde, e o terceiro, que foi o batizado “Buenos Días”, construíuse no estaleiro do Regueiriño de Domaio.
            Ao ir desaparecendo paseniño a pesca da ardora en Moaña, os pedidos de barcos de madeira diminuíron de forma considerábel, conseguindo algúns estaleiros permanecer en activo dedicados exclusivamente á construción de balsas flotantes, formadas por un entramado de madeira da que colgan cabos nos que se crían mexillóns e nalgúns casos ostras.
            Estas balsas flotantes, como xa se dixo, teñen a denominación de bateas, e despois da súa botadura no mar son levadas aos polígonos de cría do marisco, nos que permanecen fixadas ao fondo por unha ou dúas cadeas de aceiro e un peso de 20 toneladas.
            Estes polígonos ocupan franxas do litoral próximos á costa, perto dos lugares onde antano fondeaban os barcos da ardora, conseguindo cambiar totalmente a paisaxe, primeiramente coa súa ordenación un pouco anárquica, e na actualidade perfectamente aliñadas, seguindo as directrices marcadas polos técnicos da Consellería de Pesca e Marisqueo da Xunta de Galicia.
            O relevo da carpintería de ribeira tomouno a construción naval mecánica, sendo o grande estaleiro do Latón en Meira o que empregou a moitas persoas de Moaña e doutros lugares da ría de Vigo, para conseguir que desde as súas gradas se deslizasen ata o mar grandes barcos de pesca de aceiro, contratados por armadores de toda España.
            Ao cesar a actividade do citado estaleiro, denominado “ASCON”, por entrar en crise a construción naval a fins da década dos setenta do século XX, e con iso perderse moitos dos postos de traballo no concello moañés, edificáronse outros novos, máis pequenos, en Meira, dedicados á construción de buques de aceiro e poliéster. Os seus nomes son: “Montajes Cancelas”, que emprega na actualidade a 128 traballadores na Borna; “Rodman Polyships S.A.”, que ocupa o lugar onde se unicaba ASCON e dá traballo a 45 persoas; “Astilleros Piñeiro” e “Astilleros Parcero” no Cocho e “Industrias Navales La Moa”, tamén na Borna.

            Para terminar este capítulo, hai que consignar a importancia que a construción naval tivo, e aínda conserva, no traxecto percorrido polo concello de Moaña cara ao mar, primeiro coa carpintería de ribeira que deu emprego a unha maioría dos habitantes da parroquia de Domaio e a máis dun cento de homes das outras tres parroquias na primeira metade do século XX, e despois, cos novos estaleiros de Meira que fabricaban barcos de pesca e deportivos, en aceiro e en poliéster. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario