jueves, 13 de junio de 2013

Moaña no camiño do mar (V), por Manuel Uxío García Barreiro



5 . AS CORDELERÍAS DE MEIRA



O catastro do Marques de la Ensenada, que tantas veces se citou en anteriores capítulos, detalla que no ano 1.750 o número de tecedores da parroquia de Moaña era de 13; en Domaio había 5; en Tirán ningún e en Meira, 24. Esta desproporción con respecto ao número de habitantes remóntanos aos traballos de artesanía destinados á confección de cordas que desde tempo inmemorial se desenvolveu nesta última parroquia. 

De acordo co que se expón no Museo das Carreiras instalado na illa de Samertolameu, confeccionábanse cabos para os barcos de remos e velas, así como cordeis e cordas para a agricultura nos baixos e nos quinteiros das casas antigas, empregando para iso fibras vexetais como as follas das canas, as de millo, bimbios, cebolas, silvas e sobre todo xuncos, ademais de produtos animais como crinas de cabalos, tripas de porcos e tamén de vacas, etc.. 

Ao pertencer a esta parroquia a ampla zona da Xunqueira, nesa época totalmente cuberta de xuncos, a materia prima para a elaboración de todo tipo de cordas tíñana moi a man, polo que non é de estrañar que se localizasen tantos tecedores censados e que os produtos que manufacturaban gozasen de ampla fama en todas as poboacións do contorno. 

Tamén se cultivaba o liño en moitas fincas desta parroquia e das colindantes, planta moi solicitada para elaborar un tipo de fío moi adecuado para a confección de prendas finas de vestir e de cama. 

O equipamento tradicional que se utilizaba para trenzar ditas fibras era moi rudimentario. Consistía nunha táboa provista de varios ganchos nun extremo que se facían xirar e nos cales enganchaban as fibras, que suxeitas no outro extremo entrelazábanse entre elas pasando polo medio da guía ou cabría. Canto máis se entrelazaban, máis se acurtaban, polo que os ganchos que xiraban ían montados enriba dun carro que se deslizaba lonxitudinalmente. A este sistema de trenzar denominóuselle tradicionalmente “carreira” e esta palabra quedou unida para sempre a esta manufactura, de modo que as cordelerías coñécense popularmente con este nome.

Ante o maior aproveitamento das riquezas mariñas que se ían impondo a partir da chegada dos fomentadores cataláns a Galiza, facíase necesario desenvolver máis esta confección artesanal de cabos, xa que aumentaba considerabelmente o número de botes, traíñas e barcos de pesca que se construían en todo o litoral galego. Desta forma naceu a industria das cordelerías. 

O seu impulsor foi un andaluz chamado Alejandro Castilla Castaño, que naceu no Puerto de Santa María no ano 1.851 e que emigrou a Cataluña, onde chegou ao posto de encargado dunha industria téxtil. Este home trasladouse a Meira a fins do século XIX e puxo en marcha o proceso industrial de confección de cabos e cordas, dando lugar ao florecemento das famosas cordelerías ou carreiras. 


Nos edificios longos e estreitos dedicados este fin, instalábanse varias rodas. En cada unha delas empregábanse catro mulleres: unha que se dedicaba a xirala manualmente e as outras tres que ían fiando e trenzando unha fibra vexetal denominada “cánabo” que procedía de Callosa de Segura, en Alacante, aínda que durante a guerra civil tamén se Carreira, reconstrución de Diego S. Seixo importou de Castela-León e de Aragón.

O cánabo transportábase en monllos ata as carreiras. Ao chegar a elas restrelábase para eliminarlle as súas impurezas e almacenábase, existindo unha persoa dedicada a pór nas proximidades da roda a cantidade desa materia prima que se estimaba necesaria para elaborar as cordas durante un día de traballo. Dita cantidade debía ser respectada ao máximo: algunha mulleres maiores que traballaron durante a mocidade nas cordelerías recordan como tiveran que soportar algunha que outra reprimenda cando non era así, pois iso significaba que a densidade das cordas elaboradas ese día non estaba de todo conforme cos estándares establecidos.

O cánabo era enrolado á cintura das tres fiadoras e atado ás garruchas de cada roda. Cando a cuarta muller a facía rodar, tamén xiraban ditas garruchas a moita maior velocidade. Desta forma daba

comezo o labor do fiado, coas tres citadas fiadoras andando cara atrás, saíndo das mans de cada unha delas un fío fino, de igual maneira que se se tratase dunha roca con fuso. 

Ao chegaren a unha marca previamente establecida, daba comezo a etapa do trenzado dos tres fíos, que se xuntaban estando a roda parada.Esta volvía a xirar para que unha das citadas fiadoras se desprazara tamén coa cabría nas mans, á que ían entrelazados ditos fíos, agora de cara á roda, mentres as dúas compañeiras sostiñan o extremo. Esta etapa de formación da corda denominábase “encallado”.

A última fase consistía en dar xiro outra vez á roda para que as fiadoras deixasen apertados e igualados os tres fíos que se entrelazaron. Denominábase “colchado” e con ela conseguíase manufacturar un tipo de corda moi solicitada non só en Galiza, senón tamén nos portos do Cantábrico.

No ano 1.943 unha guía informativa cita que esta industria empregaba a perto de mil traballadores, na súa meirande parte mulleres, o que dá conta da enorme importancia que tivo para a parroquia de Meira, onde se seguiron confeccionando cordas a plena produción na seguinte década dos cincuenta debido ao auxe da pesca á ardora e á forte demanda creada polas bateas. É xa a fins dos sesenta cando a enorme competencia das fibras sintéticas e a mecanización acabaron coas carreiras. 

Como recordo de todas as naves cubertas, de pedras ou ladrillos, longas e estreitas, que inundaban a paisaxe de Meira, en cuxo interior chegaron a estar en activo ata doce rodas por edificio e eran divisadas dende a lonxanía, aínda permanece unha delas, a de Jaime Nogueira, no Caeiro. Claro que agora non dispón nin sequera dunha soa de ditas rodas; a última que lle quedou é a que se mostra neste capítulo, e foi doada ao Museo das Carreiras.

Esta actividade desapareceu hoxe en día, posto que as cordas de cánabo reemprazáronse polas sintéticas e a mecanización substituíu a maior parte da man de obra, perdéndose así outro dos sinais de identidade das parroquias moañesas no seu percorrido cara ao mar, neste caso limitada de maneira exclusiva á parroquia de Meira. 

Na citada cordelería do Caeiro, de estrutura tradicional, aínda se seguen confeccionando cordas para as bateas, agora con materiais sintéticos e usando unha garrucha movida mediante un motor eléctrico, polo que só da emprego a dúas persoas como máximo.

Hai outras dúas empresas máis que seguen producindo cordas a base de materiais sintéticos en factorías modernas, cun alto grao de mecanización; por iso a súa man de obra é tamén escasísima. Trátase da cordelería de María José Martínez, na illa de Samertolameu, e a cordelería Hilosmar, na Porta do Sol. 

Por último, tamén se debe subliñar que as novas xeracións poden acudir ás demostracións que en días sinalados se realizan no Museo das Carreiras. Nelas podemos observar como tres mulleres de idade, antigas empregadas das cordelerías, amarran de novo á cintura os monllos de cánabo e abrollan outra vez nas súas mans novas cordas. Úsase para iso a citada roda instalada no museo ao aire libre da illa de Samertolameu e que é xirada pola cuarta compañeira. 

Retrotráense estas señoras aos seus anos de mocidade e era moito o disfrute dos espectadores ao observar nunha das citadas demostracións con que facilidade saían dos seus labios as palabras do argot técnico, que recordaban integramente á vez que ían realizando os labores de fiado, trenzado e colchado. 

Tampouco faltaban as pequenas críticas doutras antigas compañeiras presentes, por usar máis cánabo do necesario, pois confirmaban que cando estaban en activo non podían sobrepasar as cantidades de dita fibra que eran adxudicadas a cada equipo para consumirse nun día de traballo, sendo agora elas as que substituían aos encargados nas súas “reprimendas”. Claro que desta vez facíano entre risos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario