jueves, 13 de junio de 2013

Moaña no camiño do mar (VI), por Manuel Uxío García Barreiro


         

6 . TRAXEDIAS NO MAR 




Nunha entrevista realizada ao Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Moaña, D. José Costa Alonso, e que se publicou no semanario de sucesos El Caso o 17 de novembro de 1.956, o entrevistado sinala que ata esa data, e sen contabilizar as vítimas do “Ave del Mar”, eran 87 o número de náufragos que estaban inscritos nunha cruz hoxe inexistente e que foi levantada no exterior do antigo edificio do Pósito en memoria dos náufragos do concello. 

Segundo as investigacións do recordado sr. Costa Alonso, a catástrofe marítima máis importante acaecida con anterioridade ao citado ano 1.956 tivo lugar o 13 de novembro de 1.838, cando unha embarcación de remos e vela que facía habitualmente a travesía a Vigo con carga e pasaxe volcou á altura do Con, perecendo os seus 14 ocupantes, entre eles dúas mulleres. Sete deles eran da parroquia de San Martiño e tres da de Tirán, de acordo co rexistrado nos libros de defuntos parroquiais, faltando por identificar os catro restantes, probabelmente por ser menores ou veciños doutras parroquias.



Para recordar este feito luctuoso aínda segue en pé unha cruz que os familiares do náufrago José Ramón González erixiron na súa memoria no barrio do Con. 

Na mesma entrevista, Costa Alonso dá conta da mala sorte que os días das festas patronais en honor de San Martiño trouxeron para os homes do mar, pois o 11 de novembro de 1.945 faleceron seis tripulantes do “Nueva Rosita” do armador Antonio Gestido, de Berducedo, á altura da illa de Sálvora. 

Nun relato sobre naufraxios escrito en xullo do ano 2.000 polo membro da Asociación Cultural “Nós” Xosé Carlos Villaverde Román, cítanse as seguintes catástrofes marítimas en barcos relacionados co concello de Moaña:

-“Viuda”, de Domaio, lancha de pasaxe, con 9 persoas afogadas o 19 de xuño de 1.875. 

-“A Enviada”, de Moaña, bote de vela, cun matrimonio afogado o 24 de xaneiro de 1.910. 

-“Filomena”, traíña de Moaña, cunha persoa afogada o 21 de setembro de 1.911. 

-“Blanca”, traíña igualmente moañesa que volcou, aínda que por sorte se salvaron os seus 23 mariñeiros o 4 de abril de 1.913. 

-“Francisquito”, vapor pesqueiro de Moaña que chocou con outro barco, salvándose tamén os seus 30 tripulantes o 21 de novembro de 1.922. 

-“Cuatro hermanos”, pesqueiro a motor de Guixar con 6 persoas afogadas o 10

de decembro de 1.934, unha delas de Moaña. 

-Un bote dedicado á pesca coa arte do boliche, de Moaña, que afundiu, afogando dúas persoas das seis que o tripulaban, o 27 de xuño de 1.937. 

-“Nuevo Rosita”, pesqueiro a motor de Moaña que naufragou á entrada da ría da Arousa o 5 de setembro de 1.945, con seis moañeses afogados. 

-“Ave del Mar”, pesqueiro de Moaña, con 26 persoas afogadas o 10 de novembro de 1.956, o máis tráxico de todos e ao que se dedican varios capítulos deste libro. 

-Unha motora pequena que chocou cunha rocha perto de Arcade cando ían de excursión, perecendo dúas mulleres das oito persoas que ían a bordo o 13 de xullo de 1.960. 

-“Aferrón”, pesqueiro do Con, que chocou cun barco de Bouzas perto de Cabo Silleiro, perecendo tres dos seus vintecinco tripulantes o 8 de decembro de 1.962. 

Un dos afogados era de Tirán, outro de Moaña e o terceiro de Coiro. 

-“O Centoleira”, pesqueiro do Con, con 17 persoas afogadas da súa tripulación de 22 o 5 de xaneiro de 1.964, sendo o segundo naufraxio máis tráxico dos ocorridos en barcos relacionados co concello de Moaña. 

- “Ángel”, pesqueiro de Meira con 6 persoas afogadas dunha tripulación de 7 o 9 de setembro de 1968. Dúas delas non foron recuperadas. 

-“Perla das Cíes”, barco de Moaña de 12 metros de eslora desaparecido o 29 de marzo de 1.985 con catro persoas a bordo, cando se dirixía ao peirán do Con desde as illas Cíes. Só apareceu o corpo de Teresa Viñas flotando nunha praia de Ogrobe. 

Tal e como se expuxo na relación, o segundo naufraxio máis tráxico no que respecta ao número de persoas afogadas foi o do “Centoleira”, barco de pesca de madeira de 57 toneladas de rexistro bruto, 11 metros de eslora e con propulsión a motor, dedicado á ardora. Fora construído nun estaleiro de Bueu para o armador Cándido Pena e comprado de segunda man polos armadores do Con Jesús e José Fernández Vilariño.

Eran pouco máis das dúas da mañanciña do domingo 5 de xaneiro de 1.964 cando a tripulación deste barco terminara de cear unha caldeirada en terra, despois de descargaren no Berbés seis cestas de sardiña que pescaran ao anoitecer. Dispúñanse a tomar novo rumbo cara aos bancos de pesca coa maioría dos mariñeiros amoreados nas súas “panas”, tratando de durmir un pouco, agás Arturo Jalda, que procuraba conciliar o sono dentro da chalana. Todos estaban á espera de que o patrón de pesca dese de novo a orde de botala ao mar e desa forma continuar a pesca.

Na ponte de mando, gobernando o buque, ían os dous armadores sinalados, un no posto de patrón de costa e o outro de pesca, e na máquina estaba o motorista Leonardo González Durán, cando a uns 50 metros da boia de Bouzas, o bo “Puente San Andrés” embestiuno pola popa, abríndolle unha grande brecha de máis dun metro cadrado que tivo a tráxica consecuencia de afundilo en poucos segundos.

A partir de aí, gritos e chamadas de auxilio desde o mar dos cinco supervivintes da traxedia, pois os outros dezasete baixaron ao fondo directamente, a maior parte deles dentro das caixas onde durmían. De maneira instantánea, o propio bou causante do afundimento prestoulles auxilio, o mesmo que fixeron outras embarcacións que estaban perto e se aproximaron, como o “Massó 18” e o “Nueva Flor de María”.

É de destacar que un dos supervivintes, o armador e patrón de pesca José Fernández, apareceu morto na súa casa ao día seguinte do naufraxio, consecuencia sen dúbida do golpe que deu na ponte, e que o citado mariñeiro Arturo Jalda salvou a vida polo medo que tiña a durmir cos seus compañeiros nas panas das caixas, polo que quedou flotando dentro da chalana mentres o pesqueiro afundía. Este home viviu toda a súa vida coa pena de non poder axudar a que se salvaran outros tripulantes, sumíndose nunha forte depresión ata a súa morte. 

Tamén cabe sinalar que os doce náufragos encontrados na caixa de popa apareceron abrazados entre si. Ao motorista achárono afogado dentro da sala de máquinas, abrazado a unha pequena talla da Virxe do Carme, e na caixa de proa o mariñeiro Luciano, un dos supervivintes, logrou agarrar ao rapaz de a bordo, Pedro Nogueira, e subilo a flote, manobra que non pudio facer co outro rapaz, fillo seu, polo que o trauma que lle supuxo este feito levouno ata o suicidio anos máis tarde.

O día seguinte, festividade dos Reis Magos, xa non se celebrou coa alegría acostumada, pois os fillos dos náufragos perderon a ilusión polos pobres agasallos que neses anos viñan de Oriente. Igual lles sucedeu aos damnificados do “Ave del Mar” e doutros barcos que naufragaron durante as festas patronais de San Martiño, polo que é de enfatizar o feito de que moitos días festivos se tornaron tráxicos para os poboadores de todo o concello de Moaña. 

Ao tratarse do segundo naufraxio con maior número de afogados dos acaecidos en Moaña, a continuación relaciónanse os dezasete falecidos entre os vintedous tripulantes que o sábado 4 de xaneiro pola tarde embarcaron no peirán do Con:

-José Nogueira Collazo. 

-Manuel Carlos Lorenzo Alonso. 

-Leonardo González Durán. 

-Eliseo Molanes Germade. 

-Julio Collazo Gil. 

-Gabriel Paredes Martínez. 

-Salvador Costa Juncal. 

-Antonio Pena Pastoriza. 

-Ángel Antonio Fernández Martínez. -Balbino Rivas Durán. 

-José Fernández Vilariño. 

-Manuel Paredes Barreiro. 

-José Gil Vidal. 

-Francisco Ríos del Río. 

-Daniel Iglesias Chapela. 

-Manuel Ríos del Río. 

-José Iglesias Malvido. 

Por desgraza, as citadas traxedias significaron un elevado tributo que esta sufrida vila mariñeira tivo que pagar pola súa relación co mar, ao que hai que engadir os moitos mariñeiros que desapareceron nos caladoiros do Gran Sole, costa de Portugal, Terranova, etc., ademais dos que pereceron en naufraxios de barcos mercantes. Vaia como homenaxe a todos eles a fotografía que cerra este capítulo, co mar cheo de flores lanzadas á ría durante unha procesión marítima. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario