viernes, 7 de junio de 2013

Recordos da nosa feira, por Luís Chapela Bermúdez

A vida dos galegos estivo sempre moi vencellada ao rural. Ata non hai moito tempo a economía de Galicia xiraba arredor da agricultura, da gandería e da producción artesanal. A transacción dos productos que xeraban estes sectores económicos tiña lugar, desde a época medieval, nas feiras, que se celebraban periódicamente, cada semana ou cada quince días, en espazos públicos que ficaron así gravados na toponimia
Hoxe moitas xa son un simple recordo, a de Moaña é proba disto. A parroquia de San Martiño foi noutro tempo o centro principal de Moaña, alí estaba o axuntamento, a farmacia ou botica, a sala de baile e o lugar onde se celebraba a feira os días tres e dezanove de cada mes: a Feira do Tres e a Feira do Dezanove. O campo da feira, situado no barrio de Abelendo, abarcaba unha extensión grande de terreo na que centenarios carballos exercían como gardiáns do lugar. As árbores, a parte de proporcionar sombra a xente, tamén eran aproveitados para amarrar o gando nos días de feira. Desgraciadamente hoxe non queda ningún.
A feira de Moaña estivo catalogada como a terceira en importancia no sur da provincia, só superada polas feiras de Redondela e Pontevedra. Eran anos nos que en cada casa había media ou unha ducia de ovellas e tamén dúas ou tres vacas. O día tres ou o dezanove de cada mes Abelendo era unha festa, tres horas antes de saír o sol ía chegando polos camiños o gando de distintos lugares guiado por xornaleiros contratados para a ocasión, e tamén polos propios donos. Na parte alta do campo poñíase o gando novo, do muro para abaixo o gando vello, no medio estaban os postos de tela e roupa, na parte de abaixo expoñíase a froita, cachos de porco salgado, galiñas, ovos e infinidade de legumes. As ovellas e os porcos situábanse na parte máis próxima que mira ó Casal. Cando se rapaban as ovellas a lá tamén se vendía na feira, mentres nas casas os xergóns para durmir eran de follaco do millo.




Os carros ían chegando a feira cargados de leña e sacos de piñas que se vendían normalmente a clientes de Vigo. Esta mercancía, pola tarde, cruzaría a ría en barco. Incluso nalgunha ocasión chegouse a vender peixe. Un personaxe habitual das feiras de Moaña, señor Manuel o Peneireiro, veciño de Soutomaior, animaba ós presentes bailando e cantando, simulando cunha peneira unha pandeireta. Acudiu a feira ata moi velliño. Que a feira tiña moita sona ninguén o dubidaba, así se entende a presencia dun reloxeiro que aproveitaba para poñerlle os pendentes as mulleres, un fotógrafo que acostumaba a percorrer a feira e retratar a todo aquel ou aqueles que llo pedían. No medio de todo aquel trafego tamén atopaba sitio para traballar un dentista, pois a xente aproveitaba para sacar algunha moa. Non faltaba nunca o cego bohemio que, tocando o violín, contaba e cantaba historias asistido por un axudante que, cunha vara, ía sinalando nun lenzo o que acontecía na cantiga. Este cantador de feiras e romarías, segundo lembra señor Manuel, poñíase sempre na entrada principal do campo da feira e, despois de cada canción, o axudante pasaba a gorra para coller as esmolas. Tamén se gañaban o día aqueles trapalleiros que facían xogos de cartas ou de chapas, para sacarlle os cartos a xente. Houbo algún algún incauto que ía cos cartos para mercar unha becerra e quedou sen nada, todo un drama.
Á feira íase movido por algo máis que a necesidade de comerciar, en moitas ocasións este argumento era só un pretexto, así que os mozos máis novos aproveitaban para conquistar algunha moza. Nos días de feira chegaba xente de toda a provincia, uns a pé e cargados, e outros, os máis podentes, en cabalos. Os triquillóns exercían un gran dominio na feira. Contan que o lugar de Figueirido, en Vilaboa, tiña fama de ser terra deles.
Un día antes os triquillóns chegaban montados a cabalo e pasaban a noite en Abelendo, repartíanse entre a taberna de Piñeiro (onde hoxe vive o inglés), e a taberna de Barallas, o pé do campo. Nesta última os cabalos quedaban fora amarrados nas argolas que rodeaban a taberna, como aínda se pode mirar hoxe. Contaba cun alboio grande para gardar a palla e outras cousas, era alí onde durmían os triquillóns. A taberna de Barallas tiña moita fama polo viño tinto (tinta femia) que mercaban en Cela na casa de Vicente García; na taberna de Piñeiro gozaba de moita sona o viño branco que traía do Condado. Subliñar que os triquillóns máis fortes era os coñecidos como os Americanos, que parece ser eran de Donón ou de por esa zona.
A feira era o acto máis fermoso e importante do concello. Aquel movemento desenfreado remataba as tres da tarde, entón os camiños volvían a encherse de xente, animais e carros. Había quen decidía seguir en Abelendo e comer nas tabernas antes mencionadas. Contan que na de Barallas tiñan algunhas exquisiteces como o bacallao cocido, o polbo e a carne guisada. Sen dúbida nesta casa había boa man para a comida xa que, anos despois, unha filla abriu unha taberna, tamén coñecida polo mesmo nome, na estrada que vai de Moaña a Cangas, da que tivo moita sona a costela cocida que, segundo conta señor Chuco, era algo tan sublime que aínda hoxe lembra o sabor daquela carne.
A feira máis importante do ano e a que todos coinciden era a de San Xosé, espectacular e potente, a máis concorrida e festeira. Neste día era tradicional que comparsas e coros actuaran na feira e nas tabernas, despois percorrían toda a parroquia cantando as cancións. Lembra señor Manuel, cando no San Xosé do 36, antes da Guerra Civil, os Xóvenes Libertarios actuaron na feira e na taberna do Barallas, viñan uniformados e con un gran estandarte vermello, foi algo que nunca se lle esqueceu.
Hai moitas teorías sobre a desaparicións das feiras, uns din que as deixaron morrer, outros que non souberon adaptarse a modernidade. Señor Manuel, señor Chuco e señora Agripina pensan que coa emigración polo mundo adiante fóronse abandoando os campos, a xente buscou outro xeito de vida, entón a feira xa non tiña moito sentido, aguantou canto puido. Aínda despois de desaparecer a feira de Abelendo fíxose algunha vez no Casal, pero xa era o último alento que lle quedaba.
Señor Manuel aínda mantén viva e con nostalxia a lembranza duns bolos de crema moi ben feitos que se vendían na feira e que chamaban bombas de París. Ou aquela vez que se levantaron as tres da mañá para ir a feira de Pontevedra a vender unha vaca vella e, o chegar o Cruz da Maceira, como tiñan medo, o sogro púxose a cantar; as tres da tarde, cun calor brutal, viñeron de volta sen vender a vaca. ¡Aquela era outra vida!.
A feira de Moaña en Abelendo rematou nos primeiros anos da década dos setenta, anos despois, Manuel, un veciño emprendedor desta parroquia, loitou para recuperar a feira e que se fixera na Praia un día o mes, xa que en Abelendo non había sitio. Aquelo quedou nunha boa intención pola súa parte pois nunca se levou a cabo, quizais tamén, porque non dicilo, polo desinterés das autoridade que desestimaron a súa proposta.
Para min foi unha satisfacción moi grande escoitar a estes veciños, señor Manuel de Abelendo, señor Chuco de Meira e señora Agripina de o Piñeiro, que rebuscaron na súa memoria estas lembranzas de cómo eran as feiras en Moaña, co único obxectivo de que saibamos algo máis da importancia que tivo a feira no noso concello. Agardamos pois que este sexa un bo tema para comentar arredor da mesa nestes días de festa.
Luís Chapela Bermúdez

No hay comentarios:

Publicar un comentario