lunes, 28 de julio de 2014

O ´Axuntamento Constitucional´ de Moaña (I), por Xesús Cancelas Franco (A.C. Nós) (Faro de Vigo, Domingo, 27 julio 2014)



O próximo mércores (30 de xullo de 2014) cúmprense 200 anos da publicación dunha Real Cédula impulsada polo rei Fernando VII que disolvía os concellos constitucionais como o de Moaña e restablecía a orde absolutista previa a 1808

O presidente da Asociación Cultural Nós, Xesús Franco Cancelas, achega un extenso traballo no que afonda no tortuoso proceso que viviu o hoxe Concello de Moaña entre 1812 e 1814, cando as súas freguesías comezaron a dar os pasos para xuntarse e formar un "axuntamento constitucional", un dereito que recoñecía a Constitución liberal de Cádiz. O "axuntamento constitucional" chegou a formarse, pero hai xustamente 200 anos, tras o retorno de Fernando VII, disolvíanse eses novos concellos.Era a Primeira Restauración e Moaña tardaría 70 anos en voltar a ser a capital dun concello coas súas catro parroquias.

Cando comeza o século XIX en pleno Antigo Réxime as catro parroquias que hoxe forman parte do Concello de Moaña estaban nunha situación administrativa e xurídica distinta da actual. Por unha parte Tirán, Domaio e Moaña pertencían á xurisdición da Vila de Cangas, provincia de Santiago e Reino de Galicia, en cambio a freguesía e coto de Meira pertencía dende había varios séculos á todopoderosa familia Valladares e Ducado de Atrisco, pero entre 1757 e 1811 o seu señor xurisdicional era Xavier Henríquez y Sarmiento V Marqués de Valladares e IV Bizconde de Meira, o que significaba que el nomeaba os cargos públicos como Xuíz, carceleiro, etc.

O Marquesado de Valladares durante os derradeiros anos do século XVIII estaba nunha etapa convulsa que tamén a sufrían os veciños de Meira, debido á desaparición do IV marqués e pai de Xavier o 19 de xuño de 1757, de xeito tan repentino e sospeitoso que conmocionou á Galicia da época, e ao cabo dun ano despois dunha segunda revisión dunha das súas casas, en Chantada foi atopado morto e emparedado.

Foron acusados de semellante crime a súa muller Isabel Sanjurjo Gayoso, os seus fillos Xavier e Gaspar e un matrimonio de caseiros que traballaban para el. Sufriron un longo e penoso proceso xudicial do que todos acabarían mal agás o herdeiro Xavier que seguiu disfrutando dos seus dereitos xurisdicionais e mayorazgos. Gaspar preso na Coruña negouse a comer e morreu en prisión, a súa nai morreu en 1762 sen terse celebrado o xuízo e os caseiros foron condeados a tormento ata que confesasen.

En 1808 comezou o que se deu en chamar a Guerra de Independencia contra os franceses. Nese mesmo ano entran en Galicia e toman varias vilas e cidades ata a batalla de Ponte Sampaio, os días 7, 8 e 9 de xuño de 1809 na que os franceses foron derrotados e aos poucos días abandoaron Galicia. Nesta época os parroquianos das catro freguesías quéixanse e denuncian con frecuencia o abandono administrativo e xudicial, as levas, requisas, diezmos e contribucións de utensilios, etc. Hai abundante documentación no Arquivo Histórico Provincial en rexistros notariais onde veciños individualmente ou rexidores e maiordomos pedáneos denuncian os abusos. Vaian dous exemplos:

-Francisco do Río veciño do coto de Meira quéixase ante o escribano Joseph Manuel De Graña polo abandono en que os tiña o Marqués de Valladares como Dueño jurisdicional: "Se haya dicha jurisdición sin un juez que la regente y careciendo el otorgante y más vasallos de quien les administre justicia, por no haber ni regidor ni ayuntamiento en dicho coto".

-Ante o escribano Benito Antonio García Guardado varios maiordomos de distintas freguesías da xurisdicción da Vila de Cangas, entre eles, os de San Xoán de Tirán, San Pedro de Domaio e San Martiño de Moaña, expoñen que: "Para defenderse de la contribución de alimentos reclamados por Antonio García, alcalde carcelero de la cárcel de la ciudad de Santiago? Y para que los procuradores generales los defiendan ante los tribunales hasta conseguir decisión favorable y el debido reintegro de lo que se se les ha exigido".

As Cortes de Cádiz, meses antes da promulgación da constitución, en decreto de 6 de agosto de 1811, nun primeiro intento de abolición do réxime señorial, di entre outras cousas que quedan incorporados á Nación todos os señoríos xurisdicionais, procédese ao nomeamento de todas as xustizas e demais funcionarios públicos, correxidores, alcaldes maiores e demais empregados anteriores (dos señoríos xurisdicionais) cesarán desde a publicación deste decreto, e en adiante ninguén poderá chamarse Señor de Vasallos, exercer xurisdición, nomear xuíces, etc., por ser potestade da Nación.

Este decreto afecta directamente a Meira polo que a xustiza e demais funcionarios públicos en adiante non os porá o Marqués de Valladares. Despois de aprobada a Constitución, Meira por ter menos de 1.000 almas somentes tería dereito a elexir alcalde constitucional pero non axuntamento, a menos que "convenga le haya". Isto duraría menos de tres anos porque coa chegada de Francia do rei Fernando VII e a derogación da Constitución o día 4 de maio de 1814 e a posterior Real Cédula de 15 de setembro de 1814 na que se manda sexan reintegrados inmediatamente aos Señores Xurisdicionais a percepción de rendas, froitos, dereitos de señorío territorial e solariego, etc.

O 19 de marzo de 1812 promúlgase en Cádiz a Constitución Política de la Monarquía Española, popularmente chamada "Pepa", que ten un carácter marcadamente liberal e ademais é o primeiro paso para suprimir os privilexios do Antigo Réxime. Nos artigos comprendidos entre o 309 e 323 do Título VI capítulo I, desenvólvese o novo modelo de Ayuntamientos que sería complementado con varios decretos posteriores especialmente o de 23 de maio de 1812:

"Artigo 309: Para el gobierno interior de los pueblos habrá ayuntamientos compuestos del Alcalde o alcaldes, los regidores y el procurador síndico y presididos por el Jefe Político donde los hubiere y en su defecto por el Alcalde o el primer nombrado entre estos si hubiese dos.

Artigo 310 : Se pondrá ayuntamiento en los pueblos que no le tengan y en que convenga le haya, no pudiendo deixar de haberle en los que por si, o con su comarca llegasen a 1.000 almas y también se les señalará término correspondiente".

O 12 de agosto de 1812 o marqués de Campo Sagrado, D. Francisco José Bernaldo de Quirós y Mariño de Lobera, faise cargo dos empregos de Jefe Superior e Comandante General Interino de Galicia (primeira e principal autoridade) que lle conferiu o Capitán General Excmo. Señor D. Xavier de Castaños baixo a aprobación de SA a Rexencia do Reino, que posteriormente o confirmaría no cargo, pedíndolle expresamente a pronta execución do Sistema Constitucional.

A primeiros de setembro de 1812 os veciños de Moaña enterados da Constitución e segundo os concelleiros e testemuñas que os acompañaron nunha posterior denuncia din que: "Exaltado el pueblo de Moaña y a vista de la Constitución publicada ya en Vigo, y sin aguardar a que se les comunicase oficialmente, adquirió un ejemplar de la misma y de los demás decretos y procedió a nombrar electores para establecer su ayuntamiento constitucional, fundándose en que su población excede de 2.000 almas". No acto de nomeamento preséntanse tres electores de Domaio que seguirán o exemplo de Moaña e pretendendo agregarse a este para formar un só axuntamento. Formáronno e comunicáronllo ao Alcalde de Cangas pois dependían da súa xurisdicción, ao Gobernador e ao Alcalde de Santiago (capital do distrito), xuraron solemnemente a Constitución nun acto ao que o párroco de Moaña, D. Pedro Saavedra, non quixo asistir, nen quixeron asinar os demais elesiásticos agás un.

O Alcalde de Santiago comunicoulle ao marqués de Campo Sagrado a decisión dos veciños de Domaio e Moaña, e considerando un atentado a conduta destes, comisiona a D. Vicente Gayoso arrendatario das rendas e ovencións da Mitra de Santiago para que fixese ver aos veciños o seu crime, pero estes non quixeron tomar consello e ao pouco tempo Campo Sagrado recibiu unha representación do alcalde e axuntamento de Cangas avisándolle da separación das dúas parroquias e do mal exemplo, pois tíñanse resistido a concurrir á función da publicación da Constitución.

O alcalde de Cangas pediulle ao Jefe Político de Galicia que o auxiliase "con gente armada y municionada", porque coa independencia destas parroquias non tiñan efecto as ordes para o alistamento e o pago da contribución.

O 15 de setembro de 1812 o Secretario de Gobernación dá orde ao Marqués de Campo Sagrado para que procedese coa maior actividade á formación de axuntamentos constitucionais entre outras institucións. Esta orde sería contestada polo Marqués o 14 de outubro de 1812, manifestando os seus desvelos para cumprila. A realidade era outra, pois Campo Sagrado ordeou o 18, 20 e 22 de setembro aos concelleiros de Moaña e Domaio que disolvesen o Axuntamento Constitucional, e voltasen a escribir que todo estaba desfeito e que ámbalas dúas freguesías voltaban á xurisdición de Cangas. Pero o novo axuntamento constitucional resistiu, non considerando competente ao alcalde de Santiago, queixándose ante o Marqués de Campo Sagrado e comunicándolle a este que tamén se dirixirían ao Rey e así o fixeron o 22 de setembro de 1812 dicindo que nada fixeran contrario á Constitución e pedíndolle administrar xustiza independentemente de Cangas e se lle dese satisfación por parte do alcalde de Santiago.

A partir desa data o problema suscitado en Moaña e Domaio pasa a ser debatido polas Cortes Generales e Extraordinarias reunidas en Cádiz.

Inútiles foron os intentos anteriores de disolver o axuntamento. Campo Sagrado non quixo utilizar a Xustiza de Cangas e expediu carta-orden en 4 de outubro de 1812 a Marín para que fixese entender que tiñan que disolver o Axuntamento Constitucional, pero de novo desobedeceron.

O 5 de outubro de 1812, os veciños de Santa María de Cela formaron axuntamento propio imitando aos de Moaña e Domaio e o Marqués mandou desfacer o axuntamento pero eles acordaron non disolverse. Volta a mandarlle unha carta-orden advertíndolle que de non disolverse, incurrían en delito grave. A resolución foi infructuosa. Entre tanto a xustiza de Cangas alegaba que non podía verificar o alistamento porque Moaña e Cela negábanse a prestar o seu continxente aínda que Domaio si o facía. Máis adiante Cela ofrécelle a Santa María de Ardán a formación dun axuntamento conxunto e a xustiza de Cangas comunica a Campo Sagrado que os desórdenes se extenden a San Martiño de Bueu e San Tomé de Piñeiro e que tiñan detido ao maiordomo pedáneo desta última freguesía.

O marqués o día 11 de outubro de 1812 dálle tres días ao axuntamento de Moaña e Domaio para disolverse, e de non ser así que se presentasen en Santiago o Rexedor Decano e o Procurador Síndico.

O 30 de outubro de 1812 o axuntamento de Moaña e Domaio reacciona dirixíndose de novo ao Rey, dando parte de todo o que pasaba e pedíndolle que se lle recoñecese como Axuntamento Constitucional e se tomase Providencia contra o Jefe Superior, os alcaldes de Santiago e Cangas e o párroco de Moaña.

O marqués a pesar de que xa tiña unha resolución da Rexencia (D. Luis María de Borbón) "para dejar obrar a los pueblos", pois as ordes para disolución do Axuntamento, non podían menos que mirarse como arbitrarias, reacciona decretando o arresto dos compoñentes dos axuntamentos de Moaña e Cela, deixando libres aos demais se atendían as súas ordes, avisándolle ao Alcalde de Cangas que puxese en liberdade ao maiordomo pedáneo de Piñeiro que seguía detido.

Campo Sagrado avisou ao Gobernador de Pontevedra da execución do arresto e este cumpriuno. O 9 de decembro de 1812 chegan detidos a man armada ao Cuartel de Instrución de Santiago os individuos de Moaña e Cela e estes nos interrogatorios aseguraron estar aconsellados por D. Manuel Gómez (Chasco,) veciño de Vigo, ao que intentaron deter pero ocultouse.

O día 22 de decembro varias mulleres dos elexidos para compoñer o Axuntamento Constitucional de Moaña e Domaio, en Representación ás Cortes quéixanse pola prisión e tropelías que sufriron os seus maridos, que foron levados todos como facinerosos, saqueáronlle as súas casas, estafaron e maltrataron as súas mulleres por parte da tropa que comisionou o Marqués e pola instigación de varios señores e curas. Sabemos por poderes notariais posteriores que María Benita Portela, Luisa Nogueira, María Carballo, Antonia Nogueira, María Martínez, Francisca Figueroa, Luisa Pereira e Juana Juncal referíanse a D. Manuel Vázquez Pardiñas, Presbítero de Coiro, D. Andrés Alonso Comesaña, Párroco de Domaio, D. José Saavedra Yebra, Señor do Rosal, D. Pedro Benito Rubiños, propietario de Paxarín e D. José Antonio Jáuregui de Moaña, aínda que eles alegaban que lles imputaron a falsa calumnia de "haber conspirado de unión contra la formación de aquel Ayuntamiento".



*Presidente da Agrupación Cultural Nós de Moaña

No hay comentarios:

Publicar un comentario