miércoles, 25 de marzo de 2015

O entroido histórico de Moaña II, por Manuel Méndez. Agrupación Cultural NÓS



A recuperación da festa do Entroido, coas comparsas e co enterro da sardiña tivo lugar en Moaña nos anos 1980, 1981, 1982 e seguintes. Vai ser a Asociación de Veciños Breogán de Moaña a que organizou o 8 de marzo de 1981, domingo de Piñata, o primeiro Enterro da Sardiña pedindo a colaboración da asociación Santa Cecilia de Marín e da histórica comparsa marinense Xarángallo Mángallo que estaba en activo desde 1963. Foi un éxito de participación e de público este enterro que tivo a saída da praza de abastos e despois de percorrer as rúas de Concepción Arenal, Ramón Cabanillas e Méndez Núñez volveu á praza para rematar cun discurso do “alcalde” e o rezo da letanía da sardiña importada dunha tradición marinense de 1895.

Como non habia “sardiña” alguén pensou en lembrar o enterro do Momo e da praza saíu un mozo metido nunha caixa de defuntos como se fose o tal Momo que acababa de morrer e poñía o punto e final ao Entroido dese ano. Unha cantiga moi antiga facía referencia a ese feito:

Adeus, adeus querido Momo
que xa morreu o carnaval
e hoxe os fillos deste pobo
van celebrar o teu funeral.
Canto lacón, poidas comer
leña con el e despois chorar...

Ao ano seguinte, 1982, volveuse a organizar o enterro con saída da praza e despois de percorrer Concepción Arenal e Ramón Cabanillas baixou ata o Con e rematou tamén na praza. Apareceron catro comparsas de Moaña: Renovación de Abelendo, A Santa Sede, Tinta Femia e As criadas de servir que logo serían As vinte en Rosa. Houbo tamén discurso do “alcalde” e letanía da sardiña para rematar. A partires deste ano vense celebrando ininterrompidamente cun grande éxito de participación en número de comparsas moañesas e dos arredores como Coiro, Aldán, Vigo ou incluso do concello de Oleiros viñeron varios anos Os Parados de Mera ofrecendo varias actuacións pola mañán e sumándose logo ao enterro pola tarde. O público pode calcularse en varios milleiros de persoas todos os anos.

No tríptico editado pola organización do enterro no ano 1982 anunciábase o percorrido cun plano e publicáronse catro cantigas anónimas que foron un claro precedente das que farían as comparsas nos anos posteriores. Títulos como A XESTIÓN MUNICIPAL, A VEDA DO CROQUE, HISTORIA DUN MANGANTE e MOAÑA, SEDE DO MUNDIAL, dos que extraemos algunhas estrofas:

Cantos pisos sen licencia
xa non quero nin contalos
e agora dame a risa
cando din que van tiralos.

Vindo da Porta do Cego
polo camiño da Xeira
todo está cheo de lama
que parece unha esterqueira.

Non abrían a ribeira
disque hai contaminación,
pra despois pagar o croque
a duas mil o caixón.

Houbo quen colleu os croques
levounos á COFRADÍA,
se os levara ao REGEIRO
moito mellor lle sería.

Nos anos seguintes o incremento do número de comparsas foi espectacular, chegando a contabilizarse vinte e sete no ano 1986. Será difícil non esquecer a ningunha nesta relación: A Santa Sede, Renovación de Abelendo, As vinte en Rosa, Os da Taza, As Putifarras de Meira, As Trapeleiras de Domaio, Os Primeiros do Con, A banda de gaitas Semente Nova, Contar con Nós de Verducedo, Os Moañeses con Xil Ríos, A Nosa Terra, A Asociación de Mulleres, Tinta Femia, Os que Faltaban, Os Calcarrúas, Os Combois, Iso, Iso, Iso Domaio ri, Orquesta Cacharro, Foche á Bodeja, Vaille Dando, Madamas e Galáns de Meira, Animodo de Domaio, Os da Cunca, Cada un que se safe, Nin Chica de Jasto e para este ano 2015 agardamos tamén A Esmorga, D´Elas, Follas Novas e Tarde Mal e Arrastro.

A maioría delas editan un cancioneiro cunha media de catro temas diferentes, moi críticos e practicamente todos en galego, aínda que non coiden moito as letras, nin a ortografía, nin as normativas do idioma porque estamos en tempos de moito rebumbio e festa rachada.

Arredor do Entroido no que colabora o concello facendo a Sardiña, encargando os foguetes, as megafonías e a carpa, a participación dos nenos e nenas foi tan grande que houbo que planificar un Enterro da Xoubiña para eles desde o ano 2002 e que se realiza o sábado anterior ao domingo de Piñata desde O Con ata o palco da música, Enterro da Xoubiña no que colaboran todos os colexios do concello e os centros de Educación Infantil.

No apartado gastronómico a Asociación de Mulleres de Moaña ofrece unha degustación de orellas e filloas o día do pregón. Logo será cada comparsa ou os grupos que se organizan para ir ao enterro os que levarán todo tipo de productos para ir cociñando, asando, comendo e bebendo durante a tarde.

Cómpre sinalar que desde a Asociación Meiramar Axóuxeres se recuperou o entroido tradicional de Meira coas Madamas e Galáns, Os Fedellosos, Homes do saco e Curruvellos recollendo datos do arquivo sonoro do concello e, sobre todo, de Genoveva Corrales Martínez, Modesta Calvar Rodríguez e José del Río José de Chiscorio.

As fotografías que acompañan este traballo e outras moitas do Entroido moañés están recollidas no tomo IV de MOAÑA, HISTORIA FOTOGRÁFICA editado pola Agrupación Cultural Nós no mes de decembro pasado. Comparsas históricas, disfraces individuais e grupos que aparecen no enterro da Sardiña dos últimos anos forman parte xa da nosa historia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario