lunes, 13 de abril de 2015

A illa de san Bartolomeu en Meira : unha marabilla do noso pasado que agora é unha península, por Manuel Méndez. A.C. Nós



A fotografía de Pacheco forma parte dun conxunto das mellores fotos da paisaxe do concello de Moaña de hai algo máis de cen anos que foron encargadas pola corporación segundo un acordo do pleno do 15 de marzo de 1914 que transcribo literalmente:

Solicitud de remisión de fotografías a Londres. Dada cuenta asimismo de otra carta del Presidente del Comité Ejecutivo de la Exposición de Turismo en Londres rogando se le envíen fotografías de vistas, sitios importantes, cuadros históricos, etc., se acordó autorizar al Presidente don José Parada para que en nombre de la corporación las adquiera y las envíe a dicho comité.

Efectivamente, o alcalde José Parada Costa encargou ao estudo fotográfico de Pacheco unha colección de fotografías de diferentes lugares de Moaña (igrexa de San Martiño, ponte de río de Meira, o Pontillón, a capela do pazo do Real, esta da illa de San Bartolomeu, A praia da Xunqueira, etc.) para a enviar á exposición internacional citada e que chegaron ao arquivo da agrupación cultural Nós da man de Isabel Parada -filla do alcalde- hai uns trinta anos. Doazón que para os membros da A.C. Nós foi moi importante e que nos animou a continuar ampliando o arquivo fotográfico da localidade.

Na illa observamos unhas casas encaladas ao norte, situadas na entrada, que se facía a pé coa marea baixa tal como se recolle nesta imaxe e no alto a capela de san Bartolomeu, arredor da que se celebra aínda hoxe unha boa festa no verán. A illa transformouse en península no comezo dos anos 60 do pasado século, edificouse algo máis, fíxose un porto, unha pequena lonxa, un clube de remo e, nos últimos anos, recreouse un museo ao aire libre das “Carreiras”, industrias de facer cordas para barcos como as que houbo na illa na primeira metade do s. XX e un edificio multiusos para os xubilados da parroquia a escasos metros do mar construído por Portos de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario