miércoles, 29 de abril de 2015

Celebración franquista do 18 de xullo en Moaña, por Xosé Carlos Villaverde Román



No parque de Lestón en Moaña, 1967. Foto: José Gayo Rouco. Arquivo da A.C. Nós


Dentro do réxime franquista, había dúas efemérides que se celebraban con énfase especial, como eran o primeiro de maio (Día do Traballo) e o 18 de xullo (Día do Alzamiento Nacional). En Moaña, ámbolos dous acontecementos eran celebrados con indénticos actos: Misa, xantar e actuación dun grupo folclórico, tal como se reflicte na fotografía de 1967, tirada no parque do baile de Lestón por José Gayo Rouco, aínda que o grupo de baile que se ve na foto xa non pertencía á Coros y Danzas da Sección Femenina, como parece indicar.

Coros y Danzas da Sección Femenina, fundado en 1939, dedicouse a recuperar o folclore por todo país, e en 1949 organizaron uns cursos en Rande, onde participou unha delegación moañesa representada por Maruja de Claudino, Maruja Rodríguez A Japonesa e Cándida Vidal. Estas tres comisionadas formaron o primeiro grupo folclórico da Sección Femenina en Moaña que se estructuraba, de menor a maior, nas categorías de Margaritas, Flechas e Flechas Azules.

Cada ano celebrábase no teatro García Barbón de Vigo, un concurso de baile foclórico, no que competían diferentes representacións da provincia a mediados dos anos sesenta e foi alí onde a representación moañesa gañou varios anos con jotas e muiñeiras moi movidas, sendo o único grupo que se acompañaba con castañuelas nos seus bailes. Se ben improvisaban algúns puntos da coreografía, a maior parte estaban recollidas de bailes que se facían antigamente en Verducedo, ou dos que lles ensinaba o barbeiro de Quintela, Pepe Coloret.

O mestre gaiteiro Budiño, estivo case sempre representando a parte musical, acompañado na percusión polo seu fillo Pepe e Cándido Lucha, e outras veces nas gaitas por Celso Pidre ou Jaime de Soledá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario