lunes, 1 de junio de 2015

Aí vai o Maio : tradicional concurso de cortadores de troncos en Moaña, por Xesús Cancelas Franco, Presidente da A. C. Nós



Concurso nas festas de San Isidro no adro de San Martiño, 1952. José Gayo Rouco.

Desde que no ano 1889 a Internacional Socialista reunida en París declarou o 1º de Maio como día internacional dos traballadores, en Moaña non tardaría moito en celebrarse, pois no ano 1904 xa temos constancia desa efeméride. Os organizadores programaron música popular, un mítin no Centro Obreiro, precedido e rematado con bombas, e de tres da tarde a dez da noite festa no campo da feira con disparo de foguetes voadores.

En Domaio, no ano 1913, a sociedade de Agricultores tamén celebrou un mítin ás dez da mañá e pola tarde houbo festa campestre con música de gaita, destacando a perfecta orde e confraternidade do acto. En 1930 Solidaridad Marinera, que reclamaba o descanso dominical que xa respetaban todos os barcos menos dous, organiza un mítin no que falarían Romero, Casqueiro e Corbacho (que logo serían tres destacados líderes republicanos) e pola tarde unha festa-baile na Xunqueira.

Durante a República os actos reivindicativos centrábanse en temas pesqueiros e o Día do Traballo algúns dos líderes locais como Romero e Bustamante daban mítines noutras localidades.

Chegado o Franquismo, no 1938, o réxime prohibe as celebracións do 1º de Maio e decreta o 18 de xullo como festa de exaltación do traballo nacional. En Maio de 1958 Franco preside no Santiago Bernabeu a festa cristiana do traballo que tamén coñecida como demostración sindical. Todo isto despois de que Pío XII declarara o 1º de Maio como día de San José obrero ou artesano e fose festivo no calendario relixioso. Nas localidades facíanse comidas gremiais nas que se entregaban medallas do traballo e outras. En Moaña celebrábanse no Baile de Lestón e non sería ata 1978 cando volveron a autorizarse as manifestacións.

Coa primavera tamén se organizaban saídas e excursións escolares como a celebrada polas escolas dos Pósitos de Darbo, Moaña, Tirán, Coiro, Cangas e Bueu que reuniron no adro da capela de San Cosme a máis de 500 nenos o día 6 de maio de 1926. Os de Darbo levaban un gaiteiro infantil e despediron os actos interpretando o himno galego quedando inmortalizados nas fotos de Ocaña.

Nos anos 40 e 50 do século pasado este mes era celebrado na igrexa e nas escolas como o mes das flores e da Virxe participando nalgúns casos a Asociación de xóvenes de Acción Católica.

En Moaña celebrábase a festa de San Isidro Labrador con diversos actos e xantar de confraternidade animado coa actuación do grupo de Coros y Danzas da Sección Femenina pero o acto máis popular era o concurso de leñadores como o celebrado en Maio de 1952 que ilustra a fotografía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario