lunes, 15 de junio de 2015

Leticia Santos Paz, primeira alcaldesa na historia de Moaña


Foto: Xoán Carlos Gil (Voz de Galicia)

Unha muller de trinta anos foi elexida como a primeira alcaldesa na historia de Moaña cos seis votos do seu partido do BNG e os tres dos concelleir@s do PSOE. Nun ateigado salón de plenos pouco despois das doce da mañá cando o secretario leu as primeiras nove papeletas co seu nome que significaban a maioría absoluta da corporación moañesa unha grande parte do público presente interrumpía a sesión con fortes aplausos. Houbo que agardar uns minutos para continuar cun reconto que tivo uns segundos de tensión cando apareceu un voto en branco que se correspondería ao independente Sr. Carro. O candidato do PP José Fervenza Costas obtiña sete votos que correspondían aos concelleiros elexidos do seu partido.

Foi unha toma de posesión emotiva escoitando como as concelleiras e concelleiros do BNG prometían o seu cargo por imperativo legal e para traballar polo seu concello de Moaña e polo pobo galego. A concelleira e única tenente de alcalde Marta Freire Riobó ao igual que os seus compañeiros do PSOE prometían o cargo por imperativo legal.

A alcaldesa pronunciou un discurso no que agradeceu o apoio dos seus votantes, da súa organización, dos exalcaldes do BNG Xabier Abalo e Xosé Manuel Millán presentes no acto, tamén o apoio dos concelleiros do PSOE e convocou a todos os membros da corporación a un traballo en equipo pedindo respecto para as futuras intervencións nos plenos e para as ideas de cada quen.

Leticia Santos Paz, cos seus trinta anos recén cumpridos formaba parte da mesa de idade que presidía a sesión xunto co secretario e o concelleiro do PP Jorge Santomé Gestido.

A nova alcaldesa estudou no colexio de Reibón, no instituto das Barxas e licenciouse en administración e dirección de empresas na Universidade de Vigo. No seu currículum destaca a súa traxectoria deportiva practicando o taekwondo no que acadou un brillante 4º posto no campionato do mundo universitario no ano 2006. Foi tamén presidenta do seu clube de taekwondo e comeza agora unha nova etapa asumindo como ela mesmo dixo a responsabilidade de liderar un equipo de persoas que poida devolverlle a ilusión aos veciños e veciñas de Moaña.

Noraboa a todas e todos os concelleiras/os elexidos e deséxovos moitos éxitos na vosa xestión.

Manuel Méndez

No hay comentarios:

Publicar un comentario