miércoles, 3 de junio de 2015

O Remeirás : cristianización dos ritos pagáns no século XX, por Manuel Uxío García Barreiro



Cando, no ano 2003, se efectuaron escavacións na faldra do Monte dos Remedios, estremeña co actual barrio de Ameixoada, para estudar e conservar restos arqueolóxicos que ían ser destruídos pola vía rápida do Morrazo, lográronse por ao descuberto unha serie de materiais de ocupación que, segundo os tres arqueólogos que interviñeron, Fábregas Valcarce, Bonilla Rodríguez e César Vila, “incluyen elementos arquitectónicos inéditos hasta ese momento en la prehistoria reciente de Galicia, como una extensa empalizada exterior”.

As súas conclusións aparecen no libro Monte dos Remedios (Moaña, Pontevedra). Un asentamiento de la prehistoria reciente, nel citan que a primeira presenza humana na zona remóntase á metade do V milenio antes de Cristo e, no que atinxe á estacada, construíuse para protexer un poboado con casas, tamén de estacas e ramaxes postas enriba de cimentacións de pedra, erguido 500 anos despois. Entre os variados materiais líticos e cerámicos atopados, destaca un ídolo antropomorfo feito nun canto de granito elíptico que segundo se cita na publicación: Se aprecian en su perímetro dos pares de muescas bastante profundas, dispuestas de forma simétrica y otras dos, menos pronunciadas que, en conjunto, dotan al artefacto de unos rasgos groseramente antropomórficos.

Este inicial poboado, cuxos habitantes exercían traballos agrícolas e gandeiros no rico val de Ameixoada, regado polo denominado Río do Gres que verte as augas na praia de Rodeira baixo o nome de Río Saíñas, está na orixe da antiga aldea moañesa dese nome, situada entre o monte do Castro dos Remedios e o da Pena, lugares ambos os dous onde se atoparon restos arqueolóxicos, especialmente no cumio dos Remedios que, tenía ese nombre porque se encontraba encima de un antiguo castro de época romana. Y es que en ese periodo ya había un santuario romano en la zona, probablemente relacionado con la salud, segundo publicou o historiador de Cangas, Vázquez Marinelli. O santuario foi cristianizado por medio dunha capela que mandou erguer o crego Rui Fernández de Bon, no ano 1540, consagrada a“Nuestra Señora de los Remedios del Monte del Castro”, de acordo cun libro parroquial de Tirán, depositado actualmente no Arquivo Diocesano de Santiago.

Con tales antecedentes, nunha carballeira pertencente ao barrio de Ameixoada, chamada Remeirás, segundo deixou escrito o arqueólogo, etnógrafo e historiador, Xesús Taboada Chivite, nado en Verín no ano 1907, celébrase no mes de maio a festa dos carballos, e ata fai pouco bendicíase nela aos carballos, cun moneco ou santo de madeira tamén de carballo.

Este rito naturalista aos carballos, árbore sagrado dos celtas foi dalgún xeito cristianizado en pleno século XX, por medio da pequena imaxe dun santo descuberto na década dos anos 20 do pasado século por dúas irmás de Ameixoada no intre en que recollían ramaxes do interior da Granxa de Paxarín. De seguido, levárono para a súa casa onde, despois de restauralo, pasou a presidir a antiga festa dos carballos que xa se celebraba nun lugar céntrico do barrio.

Imitando aos ritos dos moitos santos que, nese tempo, estábanse a honrar na veciña igrexa de San Martiño, de onde é posible que procedera a imaxe pois, ata catro curas viviron na poderosa Casa de Paxarín dende o ano 1613 en que foi constituída como vínculo e morgado, a talla atopada foi obxecto de múltiples promesas para pedirlle a curación de doenzas, existindo referencias do cumprimento dalgunhas delas. Como se descoñecía a que santo representaba, comezaron a chamalo, “San Remeirás”.

Aínda que continúa coa mesma denominación, o certo é que durante as festas do ano 2011, o ex – cura D. Manuel Iglesias quen, fora director da banda de música de Moaña, relacionouno con San Xoán Bautista pola causa, entre outras, da túnica de pel de camelo que porta.

Manuel Uxío García Barreiro, para Faro de Vigo.
Remeirás 2015 – Ameixoada – Moaña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario