lunes, 20 de julio de 2015

As primerias festas do Carme en 1913, por Xosé Carlos Villaverde Román



Procesión do Carme en San Martiño, Moaña,1949

Aínda que a primeira efeméride de nomear a virxe do Carme como patroa da mariña de guerra española e, por extensión, de todos os mariñeiros españois, data de principios do s. XX, en Moaña temos constancia, por investigacións de Manuel Uxío García Barreiro, de que esa advocación xa procede do ano 1672 cando a imaxe da virxe era venerada nunha casa en Broullón, onde se facía misa dominical, ata que retornou á igrexa de San Martiño ben entrado o s. XX. Pero antes, moito antes de que as autoridades eclesiásticas dividiran a freguesía de san Martiño, en 1961, nas de san Martiño e a Virxe do Carme, as autoridades locais conseguiron trasladar os festexos ao emerxente barrio da Praia, dominado precisamente polo gran aumento de mariñeiros, armadores e pescadores.

Efectivamente, a puxanza comercial do barrio de A Praia, na medida que ía incrementándose en núcleo poboacional, ía demandando melloras en todos os sentidos; así no relixioso, o tenente alcade José Parada (Pepe de Serafín), posteriormente alcalde, foi un dos primeiros propulsores en organizar en 1913 as festas do Carme na Praia de Moaña. Para iso contou coa colaboración do comercial e industrial Ventura Pérez, que se encargou de montar un restaurante de comidas e bebidas para todos.

Nese ano as bandas de música municipais de Vilagarcía e a Popular de Vigo encargáronse de animar os barrios de A Praia, Quintela, Abelendo, O Casal e O Cruceiro, para rematar en sendos concertos no recheo da Praia. O tal recheo acabouse de facer en 1914, chamado por entón o malecón, unía o Pontillón e a Gorita (hoxe Vaticano).

Nesa efeméride en 1913 houbo unha sesión fotográfica, hoxe desaparecida, dos tripulantes mariñeiros das embarcacións máis distinguidas. Non obstante, si que conservamos imaxes das regatas de traiñeiras de 22 tripulantes que participaron no evento e da finalización da carreteira de abaixo (malecón).

Os festexos, organizados pola asociación Los Hijos del Mar e José Parada, que ostentaba unha cafetería en Quintela, celebrábanse partir do 25 de xullo, e a verbena, na Praia, que somente duraba ata as doce ou unha da madrugada, estaba ambientada por unha iluminación á veneciana (farolillos de acetileno). Lembrar que a luz eléctrica chegou a Moaña en 1925.

No adro da parroquial San Martiño soltouse un globo xigante anunciando as festas e pola tarde, no recheo da Praia, houbo máis globos gotescos e foguetes voadores. Organizábanse tamén merendas e cucañas amenizadas por gaiteiros e organillos.

A procesión do Carme do día 26 de xullo tivo lugar a partir do mediodía, a lombo dos mariñeiros e polos lugares de costume (sen especificar cales eran) e de unha a dúas da tarde había concerto no adro parroquial. A partir das cinco os festexos continuarían na Praia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario