miércoles, 1 de julio de 2015

Castro de Montealegre : avance de resultados da campaña de escavación arqueolóxica (2003-2004) : resumo e hipótese xeral



Avance de resultados da campaña de escavación arqueolóxica (2003-2004) : resumo e hipótese xeral / Roberto Aboal Fernández, Virgina Castro Hierro. En O Castro de Montealegre, Moaña, Pontevedra. -- Noia : Toxosutos, 2006. -- (Serie Keltia ; 37). -- pp.129-140


(...) Unha vez rematada a descrición das principais evidencias documentadas durante o desenvolvemento dos traballos, e a modo de síntese dos mesmos, pódese decir que os resultados obtidos ma escavación amosan dúas zonas do castro con funcionalidades totalmente dispares. Mentras que na ladeira W se identificou un espazo dedicado como lugar de habitación ue foi ocupado durante un período cronolóxico amplo, na ladeira E documentouse unha área "marxinal" relacionada con actividades da vida do castro, pero non de índole habitacional (actividades de cantería, espazo amortizado como vertedoiro...)

A ladeira W amosa un espazo claramente artificializado que foi ocupado de maneira moi intensa durante séculos. Esta ocupación queda reflectida de diferente forma no rexistro arqueolóxico.

O período cronolóxico mellor conservado é o comprendido entre os séculos II a. C. - I a. C., momentos finais da Segunda Idade do Ferro. Deste momento son as cabanas de planta oval que manteñen unha orientación N-S e que se dispoñen dunha maneira paralela ao muro da terraza. Evidentemente a construcción do aterrazado é anterior ao momento de erixir as vivendas, como o amosa o feito de que estas se construísen perfectamente aliñadas con ela ou, como no caso dunha delas, contra o mesmo muro de contención, aproveitando a cara interna da terraza como muro da cabana.

A pesares de ser o momento do que quedou máis constancia, as cabanas deste período consérvanse a nivel de cimentación e unha vez escavadas amosan un único nivel de ocupación. Destaca o feito de que o espazo no que se construíron as vivendas tiña unha superficie completamente irregular, coa rocha e os afloramentos que impedían atopar unha superficie habitable. Este aspecto provocou un inxente labor de acondicionamento do espazo; isto quedou refelctido nos abundantes depósitos de recheo que se documentaron durante a escavación, tanto no interior das cabanas como no exterior (por este motivo aparecen tan mesturados os materiais en moitos dos recheos)

Por riba desta ocupación identificouse outro momento, peor conservado co anterior, pero que deixa evidencias da súa intensidade. Esta segunda ocupación, que se pode adscribir ao século I d. C., aos inicios da romanización, queda reflectido coas cabanas de planta cadrada e cunha orientación E-W. Este segundo momento superponse nalgún punto ás cabanas ou estruturas da fase anterior; foi este feito o que fixo que a ocupación do século II a. C. se vise alterada en grande parte pola construción das novas vivendas.



O estado de conservación é desigual, nalgunhas zonas está practicamente desaparecido (basicamente pola posición topográfica na que se atopaban as construcións, en puntos moi próximos á ruptura da pendente), mentres que noutros casos a conservación é mellor (algúns lenzos dos muros teñen suficiente altura como para manter a entrada como na cabana A). Foi nesta vivenda onde, trala súa excavación, se identificou un único nivel de ocupación, vinculado claramente a unha área de actividade doméstica, e que pola ubicación na que se asentaba a cabana implicou igualmente, ao igual que na etapa anterior, numerosos traballos de acondicionamento e recheao tanto interior como exterior da mesma.

A maiores destes dous momentos claramente identificados, apareceron indicios de ocupacións anteriores pero que non están asociadas a ninguha estrutura, e que unicamente quedan reflectidas pola presenza de materiais ergolóxicos, principalmente cerámica, adscribiblesa a estes períodos. Así, téñense documentado materiais da primeria Idade do Ferro, séculos VIII-V a. C., pero que foron atopados ou ben na capa vexetal, ou nos depòsitos basais, enchendo as gretas, o que vén amosar que non sería descartable que tivese habido na área de escavación unha ocupación do Ferro I, pero, ou ben foi completamente desmantelada no momento de acondicionar este espazo na segunda Idade do Ferro, ou estes materiais proceden da ampla terraza situada na parte superior da área de intervención. Destaca, por exemplo, a presenza de numerosos materiais desta fase nos distintos depósitos de recheo escavados no espazo G.

Igualmente ocorre cos materiais adscribibles aos séculos IV-III a. C., que apareceron na escavación pero sin vinculación directa con ningunha estrutura, unicamente no espazo F, no que se identificaron restos practicamente desmantelados de posibles estruturas relacionadas con estes séculos, pero que parecen gravemente alterados polos penedos que caeron enriba deles destruíndoas case por completo.

Finalmente documentouse unha recuperación serodia deste espazo, añinda que responde a unha ocupación de carácter puntual, como foi a localizaciòn do tesouriño de moedas dos séculos IV-V d. C. A única evidencia que deixa no rexistro é o propio burato escavado na terra para agochar as moedas de bronce (e que neste caso se viu notablemente alterado polas raíces da sobreira).

A ladeira leste, na que a forte pendente impediu calquera ocupación de carácter habitacional, amosaba porén unha clara presencia antrópica, contrariamente ao que se podía supoñer nun principio por mor do desnivel. Os resultados da escavación indican que nesta zona se desenvolveu unha importante actividade cotiá cunha incidencia distinta sobre a ladeira.

A primeira actividade identificada foi un importante labor de cantería. A configuarción do monte sobre o que se asenta o castro resultará, ao noso mode de ver, fundamental á hora da configuración da ocupación. O castro aséntase sobre un esporón moi estreito, no que é difícil atopar espazos amplos e chans que permitan a constución das vivendas. Por tal motivo, foi fundamental a construción de pequenas zonas aterrazadas (onde a pendente o permitía) nas que poder acondicionar espazos de habitación. Polo tanto, a actividade extractiva no xacemento tivo unha incidencia maior sobre o entorno inmediato, e màis concretamente foi identificada na ladeira leste do xacemento. Os resultados da escavación indican que dita ladeira do monte estaría sen vexetación, o que facilitaría os traballos de extracción de pedra, que deixan un forte sinal na mesma.

Anterior a esta actividade, aínda que cunha menor incidencia sobre o rexistro, documentáronse os restos dunha canle que podería estar relacionada coa evacuación de augas dende as cabanas da parte alta do monte (convén recordar que a área de escavación estaba a escasos metros de dúas cabanas escavadas nos anos 20 por Losada Diéguez). Esta canle estaba afectada nun dos seus extremos polas actividades de cantería.

Posteriormente abandonouse esta actividade, ou polo menos nunha parte da ladeira na que se tiña desenvolvido esta, e o espacio amortizouse coma vertedorio. O interesante en relación co concheiro é a presenza dunha estrutura de contención (de mala calidade construtiva), pero que impedía claramente o corremento do concheiro ladeira abaixo. A intención desta contrución freando o vertedoiro non está moi clara, aínda que podería estar en relación igualmente coas actividades extractivas, impedindo desta maneira que as conchas invadisen os espazos dos traballos de cantería.

O momento en que estas actividades se desenvolveron é máis difícil de precisar. Os materiais documentados no interior do concheiro nos sitúan nun abano cronolóxico amplo, entre o século IV a. C. e o cambio de era, aínda que os materiais cerámicos maioritarios permiten precisar lixeiramente a cronoloxía, cinguíndoa ás dúas últimas centurias antes de Cristo, nos momentos finais da segunda Idade do Ferro, coincidindo co momento mellor documentado na ladeira oeste.

VALORACIÓNS E CONCLUSIÓNS

Á hora de facer unha valoración arqueolóxica da intervención debemos analizar de maneira conxunta os resultados obtidos durante os traballos e unha serie de factores que ao noso modo de ver resultan determinantes e fundamentais para valorar o xacemento castrexo de Montealegre. Estes factores son:

A configuración topográfica do xacemento. O primeiro que debemos mencionar é a escasa presenza de defensas artificiais (unicamente se identificou un foxo na parte N do castro que por outro lado é a máis vulnerable), aínda que cara ao extremo sur non se pode precisar debido ás alteracións de diversa índole que afectaron ás estruturas da xacemento.

A forma do monte sobre o que se asenta o castro (é bastante estreita e con moita pendente) fai moi difícil atopar lugares onde poder habilitar espazos de habitación (non hai superficies amplas e planas). É por este motivo polo cal a ocupación se fai de maneira escalonada (construindo pequenas terrazas, como a escavada na ladeira W do castro), dende a parte alta do monte até chegar case ao mar.

Este feito condicionou os resultados dos traballos, porque aínda que no sector habitacional escavado unicamente se identificaron dous momentos claros de ocupación, todo parece indicar que nos atopamos ante un xacemento cunha ocupación prolongada no tempo, dende momentos da Primeira Idade do Ferro, como o testemuña a presenza de materiais cerámicos deste período, aínda que non asociados a ningún nivel de ocupación. Isto pode responder a dçuas razóns, a primeira, que ditos nives fosen completamente desmantelados no momento de acondicionamento deste espazo na SEgunda Idade do Ferro, ou ben que esta terraza fose construída ex novo nun momento concreto entre os se´culos II e I a. C. e os materiais localizados proveñan doutras partes do castro.



O que isto parece indicarnos, aínda que non se puido corroborar na escavación, é a ocupación do castro de Montealegre en momentos do Ferro I (os materiais están escasamente rodados e teñen gran tamaño), se ben cabe a posibilidade de que non fose na terraza escavada, senón noutros lugares do xacemento, como o indicaría a presenza do material ergolóxico adscribible a este período.

Este extremo viría a corroborar o xa apuntado por Losada Diéguez (1943), cando fala de afirmar la superposición de culturas en Montealegre [...]. En Montealegre se hallan evidentes vestigios de romanización, y en los mismos niveles, alternando con ellos, recogemos materiales que nos hablan de una cultura anterior. No vacilamos pues, en afirmar el carácter arcaico, de un tenaz tradicionalismo, de la cultura de Montealegre.

Un segundo factor determinante é o emprazamento de Montealegre, analizándoo en termos puramente subsistenciaise de explotación do entorno. O emprazamento amosa unha clara orientación cara á explotación do medio mariño (pesca e marisqueo), ao mesmo tempo que ostenta unha posición cun fácil acceso tanto ás terras de val como ás de monte.

Polo que se refire á explotación do medio mariño, parece centrada principalmente tanto en medios areaosos (ameixa, navalla en forma maioritaria) como en medios rochosos (mexilón ou lapa), dominando os vencellados con zonas intermareais.

Os datos obtidos a resultas da escavación do concheiro veñen a confirmar a información coñecida até o momento para as comunidades da Idade do Ferro, e que amosan a importancia dos recursos mariños nas comunidades costeiras.

En principio, as especies documentadas no castro apuntan á explotación do entorno inmediato; así como o volume do concheiro escavado amosa a importancia que tivo que supor o aporte alimentacio proporcionado polo marisco na dieta castrexa. Do mesmo modo parece advertirse un coñecemento do medio mariño, das posibilidades do nicho ecolóxico e das épocas de captura (Vázquez e Rodríguez 1997), tal e como indica o tamaño dalgunhas especies recollidas no xacemento (como o caso da ameixa).

Outro extremo que se confirma é o carácter colectivo do concheiro (non apareceu vencellado a ninghuna estrutura), e a súa ubicación nuhna zona marxinal do xacemento (está nun espazo extramuros), nunha zona de forte pendente, na que unicamente se desenvolveron actividades previas de cantería.

O aspecto máis destacable é a arquitecturización deste espazo, construíndo un muro de pedra de moi mala factura que delimitaba o espazo ocupado polo concheiro. Este é excepcional, porque até o de agora non se teñen identificado concheiros arquitecturizados noutros castros.

En canto ó acceso ás terras do val, Montealegre está ubicado nas inmediacións do val de Domaio, sobre o que exerce un dominio visual completo dende a ladeira oeste do castro, e onde disporían de terreos fértiles e ben irrigados, con solos profundos (o val está atravesado polos ríos da Freixa e Libón), necesarios tanto para a agricultura como incluso para o pasto ou gando (Parcero 2002).

A información proporcionada polas análises sobre os restos faunísticos recuperados, indican que a cabana gandeira identificada é equiparable á documentada noutros poboados castrexos litoriais. Os ovicápridos e bóvidos seguen a ser a especie máis numerosa por enriba do porcino, mentres os restos de fauna silvestre aparecen timidamente representados.

Estas especies, ademais de poder constituír bens de prestixio social (principalmente as vacas), constituirían a base da alimentación, ademais de ter sido usadas na agricultura, ou como produtoras de leite ou la (Fernández 2000).

O acceso rápido hacia o monte (cara ao norte), onde obterían tanto a madeira para a construción, como para a combustión (é maioritaria a presenza de carballo e as herbáceas tal e como indican as analíticas antrocolóxicas), así como para o desenvilvemento das actividades de caza (a pesar da escasa incidencia nas mostras analizadas no concheiro) e recolección.

E, finalmente, un terceiro factor determinante é a súa ubicación no contexto da ría de Vigo, ostentando unha posición privilexiada (no punto máis estreito), que lle permite un control completo da entrada da ría, sendo cara o interior a visibilidade máis reducida.

A consecuencia desta posición estratéxica quedou reflectica no rexistro arqueolóxico, na abundante presenca de materiais de importación identificados (tanto púnicos como itálicos), non só cerámica de transporte, senon tamén con cerámicas de mesa e cociña.

Este feito parécenos un indicador claro da integración do castro dentro dun circuito comercial co mundo mediterráneo. A integración do xacemento dentro destes circuítos se vería favorecida pola importante pesenza do comercio, primeiro fenicio e posteriormente púnico, con outros enclaves dentro da propia ría.

Así por exemplo, no castro de Punta do Muiño os materiais de importación máis abundantes relacionados con este comercio sitúanse entre os séculos V - III a. C. (Suárez 2004a). A importancia da resenza púnica neste enclave queda de manifesto pola localización dun altar púnico (baixo unha ocupación da segunda Idade do Ferro), o que parece sería un altar no que os comerciantes realizarías as súas pregarias e ofrendas (Suárez 2004b). A importacia dos materiais mediterráneos recuperados, así como a presenza deste altar, permite expor a hipótese de que nos atopemos ante un porto de comercio (González 2003).

Igualmente ocorre no castro de Toralla, onde se recuperaron materiais de procedencia mediterránea e un posible cipos dun altar [pero fóra de contexto arqueolóxico (Abad 1998)]. En iguais termos se podería falar dos achádegos localizdos no Areal (Vigo), posible fondeadorio dependente do castro de Vigo, con abundantes importacións tardopúnicas, que seguen a indicar a forte incidencia púnica na ría.

A situación xeográfica permitiría a estes enclaves funcionar como interlocutores entre as comunidades indíxenas e púnicas, filtrando unicamente parte dos produtos cara ao interior (González 2004).

Tradicionalmente os intercambios previos a Augusto se consideraban como algo de escasa importancia e carácter esporádico no Noroeste. O propio Estrabón (3,3,7) afirmaba que os habitantes do Noroeste apenas manterían comunicación co Mediterráneo, o que contribuía ao seu salvaxismo. Porén, o rango de cerámicas presentes en Montealegre durante o século e medio anterior a Augusto (ánforas tardopúnicas, Dressel 1, kalathoi)coindice exactamente co que se atopa en xacementos do Mediterráneo central e occidental -no Norte de África, as Baleares, o sur de Italia, ou o Nordeste de España- nas mesmas datas. Habería que pensar polo tanto que a ausencia de contactos de que falan as fontes clásicas se refire ás comunidades máis setentrionais e do interior, e en modo algún ás de áreas costeiras.

falas Os datos proporcionados pola escavación arqueolóxica permitirían falar da posibilidade de que Montealegre funcionase como enclave comercial ou fondeadoiro para as xentes da zona (da península do Morrazo), a pesares de que estivesen funcionando á vez outros centros de comercio no outro lado da ría; e que polo tanto podería ser incluído na paisaxe púnica recreada para as Rías Baixas na Fase II da cultura castrexa (González 2004.

O momento mellor documentado para falar da presenza púnica no castro é entre os séculos II-I a. C. momento no que parece que Punta do Muiño se atopaba en proceso de abandono e no que empezaría a cobrar importancia o oppidum de Vigo.

A presencia dos materiais alóctonos en Montealegre xa fora mencionada por Losada Diéguez (1943), cando apunta a importancia de establecer las relaciones marítimas de estos pobladores costeros con otros países.

Ao marxe dos factores que acabamos de mencionar, parécenos interesante citar dous aspectos que ao noso entender merecen ser destacados. O primeiro deles é o proceso de reordenación do espazo doméstico que sufre a zona de habitación durante o segundo momento de ocupación, en torno ao século I. d. C., e que parece corresponderse co impacto do efecto romanizador no NW da península Ibérica.

Este fenómeno parece responder a claros signos de aculturación dunha sociedade indíxena sobre a que actúa a política socioeconómica promovida por Roma. A romanización supón unha transformación ou remodelación profunda na cosmovisión e na estrutura familiar da sociedade castrexa (Ayán 2003).

O segundo aspecto destacado e que xa mencionamos con anterioridade é a confirmación das ocupacións serodias de xacementos castrexos, como o ven confirmar a localización do tesouriño agochado na ladeira oeste, datado nos séclos IV-V d. C. Aínda que este episodio parece responder a unha ocupación puntual semellante a outros exemplos identificados noutros castros galegos como no castro Lupario (Brión), A peneda do Viso (Redondela), ou exemplos portugueses como os do Monte de Santo Ovidio ou Monte do Castelo (Braga). A incidencia desta ocupación non queda reflectida no rexistro máis aló do achádego do tesouriño, sen que poidamos falar propiamente dunha reocupación habitacional semellante á documentada noutros exemplos galegos como A Lanzada (Fariña 1975) ou o Castro Grande de O Neixón (Ayán 2005), que parecen responder a algo máis que ocupacións episódicas, tratándose máis ben de formas de habitación xeralizadas para estes séculos (González e Brañas 1995).

En conclusión, e a falta da realización das datacións radiocarbónicas que permitan concretar cronoloxías, parece evidente que estamos ante unha serie de espacios intensamente ocupados entre os séculos II. a. C. e I d. C. Aínda que estes son os momentos mellor conservados no castro, aparecen evidencias que apuntan a ocupacións máis antigas, tanto de momentos inciais do Ferro II, como do Ferro I, así como unha ocupación puntual máis tardía, polo que todos os indicios suxiren que estamos ante un xacemento que tivo unha larga ocupación, aínda que esta non quedou reflectida de igual maneira no rexistro arqueolóxico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario