jueves, 27 de agosto de 2015

San Bartolomeu / por Xosé Carlos Villaverde Román



“O Grolo” na billa de San Bartolomeu en Meira, 1961. Foto J. Gayo Rouco

Co paso do tempo vemos o costoso que é manter unha festa, de aí a desaparición das tradicionais como foron a de san Roque, san Isidro ou san Antón na parroquia de San Martiño, a de san Xoán en Tirán ou a de santa Eulalia (Baia-Olaia) en Meira, incluso a patroa de Moaña adicada a virxe do Carme pasou por momentos moi críticos a punto de non celebrarse. Actualmente están consolidadas as patronais da virxe do Carme, san Martiño e a de san Bartolomeu, que durante os últimos anos mantén un programa de gran calidade e coa consideración de seguir sendo a festa dos rapaces.

En canto a orixe desta festa de san Bartolomeu, conta unha lenda popular que estaban uns mariñeiros a pescar arredor da illa de Toralla cando, de súpeto, lle apareceu un mociño a bordo. O cociñeiro da embarcación ao velo cheo de frío achegoulle a vela da embarcación para abrigalo. Dalí a pouco a vela desapareceu e o patrón preguntou por ela. O cociñeiro explicou o que pasara, entón o patrón amarrou ao mozo ao pao do veleiro que empezou a navegar máis rápido que nunca. Cando chegaron á illa de San Bartolomeu o rapaz desapereceu, pero atopáronno máis tarde na praia e puideron comprobar que era o mesmo San Bartolomeu.

í Esta simple lenda que achegamos apenas aporta referencias que nos poidan dicir sobre a orixe do nome da illa, Si sabemos polo profesor Vázquez Marinelli e por Manuel Uxío García, que arredor de 1671 o abade Juan del Puerto creara a primeira confraría dedicada a Santa Guadalupe e en 1730, o relixioso Juan Antonio de la Peña fundou a confraría de San Bartolomeu. A partir de entón a festa celebrouse sempre nestas datas de agosto e despois do inicio do s. XX, cumplimentouse coa celebración da festividado do Carme. Esta histórica ermida foi trasladada e reconstruída a uns poucos metros en 1973.

A nosa avoa, María García de Bouzafigueira, tennos comentado de que en agosto tense dado anos de vendimar unha caste de uva, de nome esquecido, para vender nestas festas. Independentemente da caste, polo san Bartolomeu, sempre se vendeu viño tal coma se pode ver nesta “billa” que se montou en 1961, inmortalizada polo noso fotógrafo moañés José Gayo Rouco, que nos legou esta preciosa imaxe constumbrista daquela época.

A illa que podemos contemplar hoxe dista moito daquela paisaxe nostálxica que memorizamos na nenez. Aínda que lle seguimos chamando illa, na realidade é unha península convertida, sobre todo por interereses económicos. De feito se partimos do ano 1860 onde só había dous edificios vemos como trinta anos máis tarde aparece unha cordoería con almacén incluído, propiedade do comercial Alejandro Castilla, e entre 1926 e 1932 xa se construen as primeiras casas modernas. Durante moitos anos déronse intentos de comunicar a illa coa zona da Ribeira, pero houbo que agardar ata 1981 para iniciar un aterrado valéndose das obras de Autopistas del Atlántico. Esta obra deulle moito pulo ao peirao rematado en 1938 e ampliado varias veces, sobre todo a última de 1991, onde tamén se ampliou a lonxa que databa de 1982. Ademais destas edificacións públicas, en San Bartolomeu fixéronse unha rambla (1994), casetes para alugar aos mariñeiros (1998), instalacións deportivas (1992) e o museo das Carreiras (2012) entre outras

Memoria de Moaña
Asociación Cultural Nós

No hay comentarios:

Publicar un comentario