viernes, 28 de agosto de 2015

Traiñeiras. Meira campiona de España en 1960 (I) / por Xosé Carlos Villaverde Román



Jaime Rúa, patrón de Meira, recolle a “copa del Generalísimo” e do campionato de España, 1960

Dous anos despois de rematada a Guerra Civil o ditador Francisco Franco decide veranear en A Coruña e por tal motivo as autoridades locais crean na súa honra a competición de traiñeiras denominada “Copa del Generalísimo” que en principio estaba limitada á representación de embarcacións do Exército, Mariña e Sindicato da Falanxe.

En 1939 restablécense en Vigo as regatas para conmemorar “El día de la Victoria” e as festas patronais de agosto onde as embarcacións moañesas de Tirán e Meira, de moita sona, seguían acadando os primeiros postos.

O Club Náutico de Vigo encargouse de organizar as regatas das festas a partir de 1946, tempo de esplendor para as embarcacións moañesas, o que motivou que no ano 1949 foran convidadas a participar por primeira vez na “Copa del Generalísimo”. Esta invitación veu a través da organización franquista de “Educación y Descanso” de Vigo que, a través do seu secretario provincial De Lis Fontanes, inscribiu as lanchas da Confraría de Pescadores de Moaña. E así, naquela competición de 1949, xa sen participación militar, as traiñeiras moañesas de Meira e Tirán acadaron os meritorios terceiro e cuarto posto, sempre detrás do famoso patrón Varela de As Xubias, intratable dende 1947 ata 1951, porque en 1952, unha selección de remeiros de Meira e Tirán, en representación do Pósito e patroneados por Jesús Fervenza de Meira, logrou traer para Moaña a “Copa del Generalísimo”.

A partir de 1950 houbo representación da cornisa cántabra, como Castro Urdiales ou Pedreña e xa en 1953/4 o patrón Arráiz de Iberia repite trunfo con poucos segundos de vantaxe sobre Meira. Logo no trienio 1957-1959 aparece a figura de Lujambio, famoso patrón de Pasaia de San Juan (Guipúscoa), incontestable en tódalas regatas ata que en setembro de 1960, o xove de Meira, Jaime Rúa, patroneando a lancha “Virgen de la Peregrina”, con grande sorpresa para todos, deixa pola popa a Iberia e tamén ao famoso Lujambio. Déronse nese ano de 1960, as circunstancias de que Tirán renunciara a participar, si ben algúns remeiros se integraron nas lanchas moañesas e que a “XX Copa del Generalísimo” coincidira co “XIII Campeonato de España de Traineras”.

¡Que honra, que orgullo, que satisfación! Os nomes de Meira e Moaña eran victoreados por todos medios de comunicación, incluído o NO-DO, e a recepción multitudinaria agardaba entusiasta a chegada daquel camión do peixe, acondicionado para transportar a traiñeira cuns bancos improvisados para acomadar aos remeiros e gardarse da chuva.

No Pósito de pescadores agardáballes outra recepción con todas as autoridades provinciais e diante da Praza de Abastos organizouse unha festa. No “Hogar del Productor” de Vigo, tamén foron agasallados polas autoridades do Sindicato e Obra Social por conseguir o primeiro campionato de España de Traíñas para Galicia, entregado persoalmente por Franco no Náutico de A Coruña, como se recolle na foto que hoxe presentamos.

MEMORIA DE MOAÑA

Agrupación Cultural Nós

No hay comentarios:

Publicar un comentario