lunes, 28 de septiembre de 2015

ASCÓN, un estaleiro tecnoloxicamente avanzado / por Xesús Cancelas Franco



Estaleiro de ASCÓN no lugar do Latón en Meira, anos 60.


No ano 1928 a empresa de Vigo Construcciones S.L., que traballaba nos peiraos do Berbés, construe un estaleiro para reparar a súa propia frota no Latón, en Meira, lugar de onde extraía pedra e posuía un polvorín. Nesa época o xerente era Santos Eraso. Nos anos 39 e 40 comezan a construir cascos e a partir desas datas van ampliando as instalacións e solicitando novas concesións ao Ministerio de Obras Públicas.

No ano 1958 xa botaran quince unidades, seguindo coa construción de novos barcos, entre eles unha serie de 29 metros e outra de 40 m. de eslora. Tanto se facían pesqueiros como mercantes ou vapores. No ano seguinte a empresa pasa a chamarse Astilleros Construcciones S.A., aínda que popularmente era coñecido polo topónimo do lugar onde estaba situado o estaleiro, “O Latón”.

Nunha época na que os armadores galegos necesitaban renovar a frota con barcos máis grandes e capaces de navegar a novos caladoiros hacia o sur, unha empresa constituida en 1960, PESCANOVA, faille un encargo novedoso. Tratábase do primeiro buque pesqueiro-conxelador do mundo. O 31 de xullo de 1961 Alejandro Barreras, director de ASCÓN, fai entrega a José López, presidente de Pescanova, do buque Lemos de 52 m. de eslora, 523 toneladas de rexistro bruto, con autonomía de dous meses sen tocar porto, capacidade para conxelar 20 Tm./día e que levaría unha dotación de 34 persoas. A construción desde a posta en grada da quilla ata a entrega ao armador fora de sete meses e estaba pensado para pescar en Anxentina, Uruguai e Brasil. Poucos meses máis tarde botaríase o Andrade para a mesma compañía e que pescaría en África. Na primeira viaxe tivo que vir de volta a Vigo antes do previsto porque encheu rapidamente as adegas en Namibia.

En maio de 1963 vai ser entregado outro conxelador, o Villalba, e en setembro o Vimianzo, que eran os dous primeiros pesqueiros de arrastre por popa da frota española. O estaleiro estaba nunha época de plena produción, as pequenas embarcacións non tardaban máis de nove días desde a posta da quilla á botadura e as grandes pasaban unha media de dous meses en grada. As instalacións ocupaban 75.000 metros cadrados e dispoñían de medios técnicos moi avanzados, ademáis de edificos de servizos con clínica sanitaria, vestiarios, salas de reunións, etc. O ritmo de saída dos barcos era rapidísimo e nas gradas sempre había dous barcos en construción, no molle de armamento outros dous e no carro outro.

A plantilla que en 1970 era de 781 operarios, aparte dos traballadores das empresas auxiliares, en 1978 chegou a 1889, dos que aproximadamente a metade eran da zona de Vigo e a outra parte do norte da ría. No 1977 houbo un cambio na propiedade que pasaría a ser de Astilleros del Atlántico e comeza a decadencia que poucos anos despois levaría a desaparición da empresa cunha forte repercusión social na comarca.

Memoria de Moaña

Asociación Cultural Nós

No hay comentarios:

Publicar un comentario