viernes, 2 de octubre de 2015

O marisqueo en Moaña / por Xosé Carlos Villaverde Román



Marisqueo en Moaña nos anos 80. Foto MÉNDEZ

A práctica do marisqueo témola constatada en Moaña dende a Prehistoria pola aparición de cuncheiros nos castros de Os Remedios en Tirán, Montealegre en Domaio ou na Devesa do Mouro na Seara, por exemplo. Moito máis tarde, no s. XVII, o frade Martín Sarmiento dicía que no Morrazo, por poucos cartos, podíanse mercar ameixas, ostras, caramuxos e berberechiños por centos. Non obstante isto contrasta un pouco coa información que nos deu a mariscadora María Pérez (María de Almas) en 1992 cando tiña 79 anos e dicía que antigamente non había croques na praia da Xunqueira, e fora sobre o ano 1928 cando os dorneiros de Rianxo chegaban ata a Praia de Moaña e tocaban o corno para vender o peixe recén pescado e á vez os croques que lle sobraban do cebo para a robaliza. Enseguida foron cultivados nas praias moañesas reproducíndose con moita facilidade. Despois naceu o costume de levalos a vender ás feiras de San Xosé en Abelendo, de gran estima para acompañar os viños do país.

Ata 1963 o marisqueo era libre e cando se abría a veda, de outubro a xaneiro, milleiros de persoas, incluídas familias enteiras, poboaban as praias dende Domaio ata Tirán -tal como se reflicte na foto de Méndez- para apañar toda clase de bivalvos, sobre todo, as diferentes castes de ameixas e croques que mercaban os intermediarios das fábricas ao prezo que eles impoñían. En poucos días as praias eran arrasadas e as ganancias exiguas para paliar as necesidades domésticas. Despois dese ímpetu inicial quedaban unhas poucas mariscadoras que chegaban a traballar incluso noutros areeiros como os de Samil, Alcabre, Bouzas, Cangas, Aldán ou o de Portomaior en Bueu.

En abril de 1963 impúxose o carnet do mariscador, ao que ninguén lle fixo caso, e a partir dos anos 70 apróbase o Plan de Explotación Marisqueira con cursos de extracción. En 1975 fórmase xa a Asociación de Mariscadoras de a pé ligada á Confraría de Pescadores de Moaña e en 1992 a Consellería de Pesca da Xunta regula esta tradición co Plan Xeral de Explotación Marisqueira de Galicia, ampliado co Plan Galicia de 1997, que permitiría a profesionalización do sector dando a oportunidade de mariscar todo o ano. En 1994 utilízase por vez primeira o Permiso de Explotación Marisqueira (Permex) que en principio obtiveron 1200 productoras, despois, en poucos anos, quedaron reducidas a 600. Sobre o ano 2004 eran unhas 300 e na actualidade entre 60 e 70, aproximadamente, que o ano pasado chegaron a superar o medio millón de euros nas vendas para unha extracción de 63 toneladas de bivalvos, segundo a bióloga María Ortega.

Atrás quedaron alternativas de futuro non exentas de batallas e discusións como: De que se a praia é de todos ou para quen a traballa, de estudos biolóxicos, de cultivos en pochóns, de repoboacións con sementes, de espallamento das crías, de porlle fin aos intermediarios, de control nas vendas e prezos, de vixiancia e dun longo etc., tendo como colofón o pasado día 19 de xuño, cando os reis de España Felipe VI e Dª Letizia condecoraron a Alicia Rodríguez Pérez coa Orde do Mérito Civil en recoñecemento ao seu labor no mundo do marisqueo a pé. Alicia representa pois a todo un sector, tanto en Moaña como en Galicia, na loita por evolucionar un sistema tradicional e obsoleto, que convertía a apertura da veda -alá por principios de outubro- nunha salvaxe extracción e esquilmación en tan só catro ou cinco días, por un proceso de autoxestión capaz de estabilizar a profesión de mariscadora durante todo o ano.

Memoria de Moaña

Asociación Nós

No hay comentarios:

Publicar un comentario