viernes, 13 de noviembre de 2015

A despedida de Domaio do mestre Eleuterio Quinteiro / por Manuel Anxo Méndez



Alumnado masculino do Grupo Escolar de Domaio con don Eleuterio, 1935. Foto LLANOS.


A corporación presidida polo alcalde Manuel Pereira Molanes en sesión plenaria do 7 de xuño de 1927 acorda construír polo municipio co auxilio do Estado un edificio destinado a escolas unitarias de nenos e nenas na parroquia de Domaio por ser absolutamente necesario para o servizo do ensino público pero non ten resposta afirmativa do Estado polo que no ano seguinte, acordan aportar o 25 % do custo das obras, a ver se así teñen máis sorte e aproban a construción (...). E, por fin, no ano 1929 comezan as obras.

Coincidindo coa celebración da chegada da República inaugúrase o Grupo Escolar de Domaio, hoxe Centro Cultural Rosalía de Castro. O 24 de maio de 1931 o pleno da corporación dáse por enterado dun oficio do Inspector de 1ª Ensinanza autorizando o traslado das escolas de Domaio para o novo edificio e acórdase comisionar ao concelleiro Sr. Fernández para que dispoña a reparación do material que teñen ditas escolas.

A fotografía que comentamos hoxe foi realizada na parte baixa do adro da capela de san Bieito en Domaio, onde estaban aínda os restos dos pozos do liño a carón do río, segundo escribe Pepe Ríos un alumno dos que están sentados na parte inferior da foto. Relataba nun folio cunha magnífica caligrafía a historia da fotografía relacionando os nomes de case todos os compañeiros e indicando que o mestre don Eleuterio Quinteiro Malvar celebraba algo especial naquel día: non sei se era o sen cumpreanos ou o seu santo. O que lembro é que nos levou á súa casa e nos deu galletas e algo de beber, fixo unhas rifas e de todo aquelo a min tocáronme dous lápices. Palabras textuais en galego recollidas desa pequena narrativa de Pepe Ríos que recollín grazas á colaboración da súa filla Sesé Ríos que tivo a xentileza de achegarnos o orixinal despois de ver publicada a fotografía no libro A ESCOLA PÚBLICA DE MOAÑA (1786-1970) editado pola Agrupación cultural Nós no ano 2012.

Polas investigacións realizadas sabemos que a celebración á que se refería o alumno foi a súa despedida da escola dado que ese mesmo ano de 1935 foise para Triana, un pobo de Santa Cruz de Tenerife, illa canaria na que xa estivera anos antes e na que aprobara as oposicións de maxisterio no ano 1920.

Memoria de Moaña

Agrupación Cultural Nós

No hay comentarios:

Publicar un comentario