lunes, 28 de diciembre de 2015

A Casa do Pescador de Moaña / Xesús Cancelas Franco


Inauguración do Pósito de pescadores en Moaña, 1939. Foto LLANOS

Desde a formación do Pósito marítimo de pescadores de Moaña no ano 1921 o seu presidente José Costa Alonso, así coma o resto de directivos e asociados, tiñan como obxectivo prioritario edificar o que chamaban a Casa do Pescador. Esta non comezaría a tomar corpo ata que en Madrid, no 1929, o enxeñeiro Fernando García-Arenal fixo un proxecto que serviría de base para a solicitude de ocupación dunha parcela marítimo terrestre ubicada na Praia de Moaña.

O alcalde da época recomendou como ubicación posible unha parcela situada diante das casas de Abelardo Currás e dos herdeiros de José Pereira. Non tardaron en opoñerse á obra un grupo de veciños alegando que era un espantallo para as edificacións existentes, ademais de ser zona de varada de barcos e secado de redes. A directiva da sociedade alegaba que era unha parcela de recheo de pedras e materias de construción que non servía nin para usos pesqueiros nin para paseo e que os opositores eran uns egoistas.

O 11 de marzo de 1935 o Ministro de Obras Públicas asina una orde autorizando ao Pósito de Pescadores para o aproveitamento dunha parcela en zona marítimo terrestre para a construción da Casa do Pescador. Comezan as obras o 11 de xuño aínda que días antes unha comisión de veciños, propietarios, patróns e armadores visitaran ao Gobernador Civil para protestar, non contra o Pósito en si, senón pola zona onde estaba previsto construílo e polos perxuicios que causaba e o risco de que se fixeran máis edificacións. Algo desconfiaban os que protestaban dado que estaba prevista a construción da praza de abastos na parcela colindante onde se realizaba o mercado ao aire libre e seis meses despois cando se recibe una subvención para construir o cuartel da garda civil algúns intentaban edificalo na parcela contigua á praza. Por sorte o alcalde Romero desestimou esa posibilidade.

Nesa época o presidente José Costa Alonso e outros directivos realizaron unha ampla campaña de propaganda a favor do Pósito en artículos na prensa local e revistas de Madrid, ademais de entrevistas co Ministro de Traballo e outros cargos públicos no verán de 1935. Con todo o principal problema non era a oposición veciñal senón a falta de financiación, pois somente contaban con axudas do Instituto Social da Mariña e o esforzo dos asociados. No ano 1936, despois de comenzada a guerra, e sen rematar as obras a institución instálase no novo local provisoriamente e non sería ata que recibiron unha axuda de 2.000 pts. da Unión de Fabricantes de Conservas cando remataron as obras.

Por fin, o 13 de novembro de 1939, ao día seguinte das festas patronais e con dúas bandas de música, a Municipal de Mondariz e a Lira de Ribadavia, faise o acto de inauguración con discursos do presidente, autoridades de mariña e locales que serían retratados por Llanos diante do edificio.

No BOP nº 10 de 1968 a Cofraría Sindical de Pescadores San Martín de Moaña (antigo Pósito) pide autorización para a ampliación do edificio e coas posteriores obras quedaría tal como o coñecemos na actualidade.

Memoria de Moaña

Agrupación Cultural Nós

No hay comentarios:

Publicar un comentario