miércoles, 9 de diciembre de 2015

Antecedentes da ponte de Rande / por Manuel Anxo Méndez

Plan comarcal do arquitecto Antonio Palacios. Arquivo do Dto. de cartografía do Concello de Vigo

O concello de Vigo, por acordo do 6 de decembro de 1930, encargou directamente o Proxecto de Ensanche da cidade ao arquitecto Antonio Palacios, fundamentándose nas ideas que o propio arquitecto xa propuxera ao concello no 1919 e 1923. Durante dous anos Palacios traballa na redacción do Plan de Vigo que remata a finais de 1932 facendo entrega ao concello dos dezasete documentos que o compoñían.

O aspecto que me interesa resaltar é o seu enfoque sobre o “hinterland” de influencia da cidade que non sobrepasaba o censo de setenta mil habitantes no ano 1930 pero que el calculaba en 200.000 as persoas que realizaban en Vigo a súa actividade laboral e perto de 500.000 as que dependían de Vigo na súa área de influencia. O Plan Comarcal de Palacios establece a potenciación das 20 poboacións satélites, realizando un estudo dos medios de transporte e comunicacións viarias.

O Plan ten un carácter supramunicipal e contemplaba xa como parte da cidade o término municipal de Lavadores que non se anexionou a Vigo ata o 1941. No esquema xeral deste Plan Comarcal poden observarse o que Palacios denomina “cidades satélites” e as comunicacións terrestres e marítimas. Sinalaba a Abra (Patos-Prado), Panxón (Nigrán), Vincios, Lourido, Gondomar, Sabarís, A Ramallosa, Baiona, Aldán, Liméns, Cangas, O Con, Moaña, Domaio, San Adrián, Ulló, Redondela, Guizán (Peinador), Porriño e Atios (Aeroporto). Na estrutura xeral de enlace distínguense un sistema radial e as liñas cintura. Contémplanse neste sistema radial as comunicacións marítimas coas poboacións do norte da ría: Cangas, Moaña, Domaio, San Adrián, etc. e as denominadas liñas de cintura ou de enlace dos núcleos periféricos están constituídas pola estrada que une Baiona, Redondela, Arcade, San Adrián, Cangas e Aldán, complementando este sistema por medio dunha comunicacióbn marítima como xa dixemos e coa construción do viaducto de Rande para o que Palacios propoñía a disposición dos piares da ponte a catrocentos metros de luz, curiosamente a mesma que a do proxecto realizado moitos anos máis tarde. Noutro apartado do Plan tamén se fala do “transbordador ou viaducto de Rande” para permitir a expansión da zona industrial conserveira e de porto franco pola beira norte da ría.

Aí quedan, pois, os antecedentes desa Ponte de Rande que hoxe é o símbolo da comarca e non só de Vigo e que por certo está situada entre os concellos de Moaña, nos límites tamén con Vilaboa no lado norte e con Rande e Chapela (concello de Redondela) polo lado sur.

O Plan Palacios foi aprobado no ano 1934 e a corporación municipal nomeou a Antonio Palacios “Arquitecto honorario da cidade”. O propio arquitecto é quen divulga o plan pronunciando dúas conferencias nun teatro García Barbón abarrotado e que tamén foron radiadas pola emisora de Radio Vigo.

Aínda que durante a tramitación do plan non se producira ningunha reacción en contra vai ser a partires de setembro de 1934 cando comezan a manifestarse opinións contrarias por parte dalgúns propietarios, da Cámara Oficial da Propiedade Urbana de Vigo e dalgúns técnicos. Logo será a nova corporación que tomou posesión no 1936 a que contribuíu a anular o plan no ano 1939, segundo os datos recollidos no libro de J. L. Pereiro Alonso “Desarrollo y deterioro urbano de la ciudad de Vigo”, 1981 e prologado por José Mª Álvarez Blázquez, Cronista Oficial da cidade de Vigo.

Atopámonos a comezos do s. XXI coa transición do Plan Comarcal á Área Metropolitana que non acaba de arrancar con bo pé desde hai uns poucos anos, por diferencias políticas entre os concellos e a Xunta de Galicia que pretendeu lexislar e lexislou sen o consenso necesario entre todos os concellos afectados en temas como o do transporte metropolitano no que o concello de Vigo non entrou polo de agora.

Memoria de Moaña

Agrupación Cultural Nós

No hay comentarios:

Publicar un comentario