jueves, 1 de febrero de 2018

Diploma do ano 1184 polo que o rei Fernando II fai a doazón dunha herdade de reguengo que tiña en Sabaceda, no Morrazo, a Fernando Arias, quen mandou facer a igrexa de San Martiño de Moaña. Por Xosé B. Rodríguez Parada



Ata a segunda metade do século XII son escasas as fontes epigráficas ou documentais sobre a existencia e datación das igrexas máis antigas do Morrazo, polo que coñecemos pouco das súas orixes. Nun recuncho do tímpano ronánco da igrexa de San Martiño de Moaña, consagrada no ano 1197, pódese ler a inscrición ARIAS FECI, ignorándose ata de agora que fose este persoeiro. O estudio dun diploma do ano 1184 lévanos a situar a Fernando Arias no lugar e data da construción desta igrexa. A partir da análise do documento que logramos transcribir e do contexto histórico, concluímos que este nobre da corte leonesa de Fernando II foi que a mandou reedificar en estilo románico.

No Arquivo Histórico Nacional está depositado un documento medieval, procedente do mosteiro de Armenteira, inventariado co título: Fernando II dona a Fernando Arias varias heredades situadas en Sabaceda y en Morrazo con todos sus derechos [1].

     1. Estado do documento.

Trátase dun pergamiño escrito en latín, pero ao seu pé pódese ler un texto en galego no que o notario de Pontevedra Lariel Peres, no ano 1304, fai constar que é unha copia feita por el dun documento máis antigo, do ano 1184, e que o transcribiu fielmente. Como notario insiste en que el o viu e o trasladou palabra por palabra, <<de ueruo a ueruo fielmente>>, diante de tetemuñas que nomea, e incluso fai un debuxo a súa maneira do signo do rei, sen o león, co lema <<Signum Fernandi Regis hispaneis>>, todo para dar fe da súa veracidade. As garantías que nos ofrece un traslado notarial e o grao de coincidencia que constatamos cos diplomas consultados do reinado de Fernando II [2], lévannos a afirmar que estamos ante unha copia fiel ao orixinal, a excepción dalgunhas imprecisións que anotaremos na transcrición.

O documento está bastante deteriorado, sobre todo ao principio, precisamente onde se determina a herdade de reguengo que o rei lle transmite a Fernando Arias. Unha mancha de humidade, que disolveu a tinta, só nos permite ler <<in loco designato in Sauazeda…>>. Despois de nomear a <<parrochia Sancti…>>, hai indicios gráficos para ler <<Morracium>>.

     2. Transcrición. 

Ao no ter coñecemento de se este diploma fora transcrito e traducido con anterioridade, propuxémonos esta tarefa co resultado que ofrecemos a continuación. Para elo tivemos en conta outros diplomas redactados polo notario de Fernando II, Magister Bernardus Petri, entre os anos 1178-1187 [3]. Poñemos entre corchetes a restitución segura do texto, a maior parte por seren fórmulas protocolarias reiteradas polo antedito notario. Entre frechas van as letras ou palabras que teñen algún fundamento gráfico no pergamiño e sentido no texto. Transcribimos as palabras íntegras aínda que moitas están abreviadas.


Pergamiño, depositado no A.H.N., no que consta que Fernando II, no ano 1184, doa a herdade de reguengo que tiña en Sabaceda, no Morrazo, a Fernando Arias.

<<[In nomine Domini nostri Ihesu Christi] amen. <Plerumque> [obliuionis incommoda] <sentimus> <cu>m ea que facimus scripti memorie non commendam<us>/. [Ic circo ego rex dominus Fernandus, una cum filio meo rege domino Adefonso] per cartam donacionis semper valituram do et/ [concedo vobis Fernando Arie] … … … … … … vilas (sic) … … … … … … …. … … in loco designato in Sauazeda ·L· millia? …/ in parrochia Sancti … … … [ad] <Morracium> … … … … … … [cum directu]ris suis et pertinentiis [4], iure hereditario, et caut<erio>/ regio habenda et possidenda liberum semper sit uobis et uestram posteritatem? … … ista hereditate quam uobis damus et incautamus omne uelle/ uestrum facere sic ut de aliis hereditatibus quas melius habetis et liberius possidetis et ab hac die ab omni voce regis et potestate/ libera semper uobis et uoci uestre permaneat et quieta ut deinceps nemo in eam contra uos audeat intrare seu inde aliquid auferre aut/ alienare, <istam> dacionem ac donacionem facio uobis Fernando Arie qui Alle (sic) uocatur in perpetuum duraturam ad [5] remedium anime mee ac paren/tum meorum et de in<ter>uentu nobilium curie mee pro bono s<eru>icio quod <mihi fecistis>.

[Si quis igitur tam de meo quam de aliorum genere]/ istum factum meum spontaneum infringere temptauerit iram Dei omnipotentis ac regiam indignacionem incurrat et cum Juda <Domini>/ proditore in inferno pereat fusus et pro ausu suo temerario quantum inuaserit reddat in dupplum et regie parti centum <milia>/ solidorum persoluat in penam et ut hoc semper sit firmum et in c<ons>ultum presentem scriptum facimus quod regio robore nostro et nostrorum <suscesorum>/ <confirma>mus.

Facta carta apud Colimbriam pridie kalendas augusti era M·CC·XXII regnante rege domino Fernando Legione, Gallecia/ [Asturiis] et Extremadura.

Ego rex dominus Fernandus una cum filio <meo> rege domino Adefonso hoc confirmo [6] quod fieri iussi, proprio robore confirmo./

(1ª columna)

Petrus <ecclesie> compostellane archiepiscopus, testis, confirmat. <Petrus> <ciuitatensis> episcopus, testis, confirmat. <Manricus> <legionensis> episcopus, confirmat. <Fernandus> <astoricensis> episcopus, confirmat. <Adefonsus> auriensis episcopus, confirmat. Bertrandus tudensis episcopus, confirmat. Petrus Uelle domini regis cancellarius confirmat. Prior Hospitalis, testis, confirmat

(SIGNO): Signum Fernandi Regis hispaneis [7]

(2ª columna)

Fernandus Roderici, castellanus, testis, confirmat. Petrus Roderici … <testis, confirmat>. Pelagius Roderici … <testis confirmat>. Rodericus Fernandi … <testis, confirmat>. Petrus Pelagii, sinifer (sic) uocatur, testis, confirmat. Martinus Luppiz, testis, confirmat. Michaele Sesmiri, testis, confirmat. Petrus Saluatoris, regis portugalensis, testis, confirmat. Johannes Gallecus, testis, confirmat.

(Liña inferior)

Ego Bernardus domini regis notarius per manum Petri Uele regis cancellarii scripsi et presens confirmo. >>

     3. Tradución. 

As lagoas que ten o texto, se ben dificultan a ligazón dalgunhas frases, non impiden a comprensión do seu contido, agás a determinación da herdade. Coa finalidade de dar sentido aos parágrafos que quedan illados por faltárenlles as palabras da acción verbal, e tendo en conta a redacción doutros documentos similares, engadimos entre paréntese dous verbos, que poderían ser outros, sinónimos, respectando as normas gramaticais da sintaxe latina.

A tradución que propoñemos é a seguinte [5]:

En nome de noso Señor Xesucristo, amen. Con frecuencia sufrimos as incomodidades do esquencemento cando non encomendamos á memoria do escrito aquelas cousas que facemos. Por isto, eu o rei don Fernando, xunto co meu fillo o rei don Alfonso, mediante unha carta de doazón que ha de ter validez para sempre, dou e concedo a vós, Fernando Arias … … … … … … … … vilas … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … no lugar sinalado en Sabaceda, de cincuenta mil … na parroquia de San … … … … no Morrazo … … … … … … … … (dóuvola para que?) con todos os seus dereitos e pertenzas, con dereito hereditario e acoutamento rexio, deba ser tida e posuída libremente para sempre por vós e para a vosa posteridade… … … (queremos que?), con esta herdade que vos doamos e acoutamos, fagades todo como voso, como aquelas outras herdades vosas que mellor tendes e máis libremente posuídes, e dende este día, libre da lexitimidade e dominio do rei, permaneza sempre exenta para vós e para a vosa lexítima propiedade, de maneira que no futuro ninguén se atreva a entrar nela ou, máis aínda, levarse algo ou allear, e a vós, Fernando Arias, chamado Alle, fágovos esta dación e doazón que permanecerá a perpetuidade para remedio da miña alma e da de meus pais e coa intervención dos nobres da miña curia, polo bo servizo que me fixestes.

Se alguén tanto da miña descendencia como da de outros intentar infrinxir esta miña libre decisión, que incorra na ira de Deus omnipotente e na indignación real, e pereza fundido no inferno con Xudas traidor do Señor e polo seu temerario atrevemento devolva o dobre de canto levase e pague  á parte rexia unha multa de cen mil soldos, e para que isto sexa firme para sempre e para que quede demostrado, facemos o presente escrito que confirmamos coa nosa rúbrica real e dos nosos sucesores.

Feita a carta en Coimbra o 31 de Xullo de 1184, reinando o rei don Fernando en León, Galicia, Asturias e Estremadura.

Eu, o rei don Fernando, xunto co meu fillo o rei don Alfonso, confirmo coa miña propia rúbrica este escrito que ordenei que fose feito.

(1ª columna)

Pedro, arcebispo da Igrexa compostelá, como testemuña, confirma. Pedro, bispo de Cidade Rodrigo, como testemuña, confirma. Manrique, bispo de León, confirma. Fernando, bispo de Astorga, confirma. Alfonso, bispo de Ourense, confirma. Bertrán, bispo de Tui, confirma. Pedro de Vella, chanceler do señor rei, confirma. O Prior da Orde do Hospital, como testemuña, confirma.

(SIGNO): Signo de Fernando rei dos españois.

(2ª columna): Fernando de Rodrigo, castelán, como testemuña, confirma. Pedro de Rodrigo … … como testemuña, confirma. Paio de Rodrigo … … como testemuña, confirma. Rodrigo de Fernando … … … como testemuña, confirma. Pedro de Paio, chamado o portaestandarte, como testemuña, confirma. Martiño Lúppiz, como testemuña, confirma. Miguel de Sesmiro, como testemuña, confirma. Pedro de Salvador, rei portugués, como testemuña, confirma. Xoán Galego … …, como testemuña, confirma.

(Liña inferior)

Eu, Bernardo, notario do señor o rei, por encargo do chanceler do rei, Pedro de Vella, escribín e presente confirmo.

     4. Análise do documento.

4.1. O contido do diploma en síntese é o seguinte:

O 31 de xullo de 1184 en Coimbra, Fernando II, rei de León, Galicia, Asturias e Estremadura, xunto co seu fillo Alfonso, confirma a doazón dunha herdade de reguengo con todos os dereitos, que el posúe no lugar de Sabaceda no Morrazo, a Fernando Arias por un bo servizo que este lle fixera e para remedio da súa alma e da de seus pais. Entre as persoas que confirman o documento figuran seis bispos e nove nobres da súa curia. Presente e á cabeza dos confirmantes está o arcebispo de Compostela Pedro (Suárez de Deza).

4.2. A determinación da herdade é a parte máis deteriorada do documento. Despois da palabra <<Sauazeda>> lense as letras <<·L· millia?…>>, cincuenta mil, que por tratarse dunha dación pode ser unha valoración da propiedade real. A palabra <<vilas>>, que aparece illada na liña máis deteriorada, debe facer referencia aos núcleos de poboación que existían na herdade. É de destacar o nomeamento dunha parroquia coa advocación da súa igrexa (<<Sancti…>>) para determinar a situación da herdade. O termo <<Morracium>>, que gramaticalmente debe ir precedido de ad, ten un valor adxectivante e equivale a dicir a parroquiaa morracense de ..., pois Morrazo inclúe a Sabaceda. A interpretación de que fosen lugares diferentes (en Sabaceda y en Morrazo) debeu levar erroneamente ao autor do inventario a escribir que o monarca doaba varias heredades. No diploma figura unha soa herdade cando se afirma que deba ser tida e posuída –en singular- libremente para sempre por vós, … con esta herdade que vos doamos e acoutamos…

4.3. O redactor do documento utiliza termos legais que corresponden a conceptos do Dereito, como “mera tenza” e “posesión”, “dación” e “doazón”.

A herdade de reguengo que o rei tiña en Sabaceda estaría habitada e traballada polos labregos do lugar. Ao non seren propietarios, exercían unha “mera tenza” sobre unha terra que era propiedade do rei. Co acto xurídico da transmisión, Fernando Arias recibe a “tenza” e “posesión” cando se di que deba ser tida e posuída por vós, da mesma maneira que outras que el tivera ou posuíra con todos os dereitos. Ademais, para que non se confundira con outro tipo de tenza feudal, pola que o rei cedía terras a un señor ou vasalo, que exercía de tenente sobre elas pero sen dereito hereditario, abondan as expresións como con dereito herediario…, para a vosa posteridade, para a vosa lexítima propiedade de maneira que no futuro ninguén se atreva a entrar nela…, que permanecerá a perpetuidade.

Tamén é significativo o emprego das palabras “dación” e “doazón”. En ningún outro diploma de Fernando II atopamos a secuencia <<dacionem ac donacionem>>. A dación é o pago dunha obrigación contraída, pero cun ben de natureza distinta. Fernando Arias fíxolle un bo servizo ao rei, probablemente unha axuda con recursos económicos e/ou militares para a guerra contra os “sarracenos”, e o monarca págalle con terras. A doazón, en cambio, é a entrega dunha propiedade, sen contrapartida dun ben corporal por parte de quen a acepta. A utilización diferenciada das dúas palabras dános a entender que a herdade de Sabaceda tiña un valor superior á dación en pago por un servizo prestado, polo que a parte restante correspondía a unha doazón para outra finalidade que se deixa entrever na expresión para remedio da miña alma e da de meus pais.

4.4. Un número moi importante de diplomas de doazóns de Fernando II teñen como destinataria a Igrexa, sexan mosteiros e abades ou sexan igrexas, catedrais e bispos. Todos eles están confirmados por varios bispos, ademais de nobres da curia, e inclúen como motivo a expresión ob remedium anime mee et parentum meorum. A Igrexa, polo seu poder divino, era a institución que coas súas oracións, no eido do ritual litúrxico, podía acadar os beneficios para o remedio da alma. Parece evidente que Fernando Arias, en canto personaxe laico, no era quen para garantir desta maneira o remedio da alma do rei e da de seus pais, polo que hai que supoñer un compromiso de facer coa doazón real algunha obra relixiosa que puidese cumprir este fin, pero que non queda expresada no documento.

4.5. A ambos os dous lados do signo rodado, figuran as listas dos confirmantes, cunha escritura moi desgastada nas beiras, por ser o lugar por onde se colle o documento para lelo. Na dereita están os personaxes laicos e na esquerda os relixiosos. Dos seis bispos que confirman o diploma, están presentes como testemuñas o arcebispo de Compostela e o bispo de Cidade Rodrigo. Todos os laicos actúan como testemuñas, así como o Prior da Orde Militar Hospitalaria. Na referencia a Pedro de Salvador, rei portugués, hai que darlle a esta expresión o significado de príncipe ou membro da familia real portuguesa, pois os únicos reis coroados que había en Coimbra nesta data eran Alfonso I Enriques e Fernando II.


     5. A data e o lugar. Contexto histórico.

No mes de xuño do ano 1184 o califa almohade Abu Ya´qub Yusuf fai unha expedición contra Santarem, para recuperar dende Portugal os territorios perdidos pola ofensiva dos reinos cristiáns. Fernando II acude espontaneamente coas súas tropas, pois o autoproclamado rei de Portugal, Alfonso I Enriques, non o chamara, e despois de entenderse con el, xuntos rompen o cerco dos almohades logrando unha gran vitoria. O califa, ferido de morte, foxe para finar o 29 de xullo. O día 31 o rei Fernando, na súa retirada, xa estaba en Coimbra onde confirma o documento que estamos a estudar [9]. Nesta cidade tiña a corte o rei Alfonso I Enriques, quen fora seu sogro, pois Fernando estivera casado en primeiras nupcias coa filla Urraca, matrimonio anulado máis tarde polo Papa por segundo grao de parentesco. Tiveran un fillo, o futuro Alfonso IX, quen no diploma figura confirmando a doazón co pai, aínda que tiña trece anos.

No escenario de Coimbra, ademais de Fernando II, hai dous personaxes que queremos destacar pola súa importancia para comprender o documento: Pedro Suárez de Deza e Fernando Arias.

O arcebispo de Compostela, Pedro Suárez de Deza, era unha persoa moi culta, mestre en leis pola Universidade de París. Durante a súa estancia en Roma, cultivou a amizade de Alenxandre III e deste papa logrou a bula Regis aeterni pola que se lle concedía a indulxencia plenaria ou xubileo aos peregrinos que acudían a Compostela, o que lle daba un gran pulo ao Camiño de Santiago. Foi un gran reformador que dividiu a diocese en cinco distritos ou arcediagados, corrixiu as costumes do clero, e logrou coa intervención do Papa que todas as dioceses súbditas pagasen o Voto de Santiago á Igrexa de Compostela.

Pedro Suárez non tivo dúbida en participar nas guerras “cristiás” que Fernando II estaba a librar para defender os seus territorios dos ataques musulmáns. A principios do ano 1184 participou con poderosa hoste no cerco de Cáceres, e en xuño dese mesmo ano acudiu con 20.000 homes á contenda de Santarem. Estas mobilizacións de homes e armas provocaron o quebranto das arcas diocesanas, como recoñeceu o propio Fernando II ao considerarse debedor de Pedro Suárez [10]. Despois da expedición de Cáceres, o 8 e 9 de xuño fai tres doazóns á Igrexa de Compostela, porque o Arcebispo tivera que gravarse a si mesmo e a súa Igrexa con estipendios moi superiores aos que permitían as súas forzas [11]. O 27 de setembro, despois da vitoria de Santarem, dóalle a vila de Yecla, no territorio de Ledesma, polos moitos gastos e débedas que tivera que contraer na expedición a Portugal para rexeitar aos “sarracenos” [12]. Entre estas doazóns á Igrexa de Compostela, sitúase cronoloxicamente a doazón que lle fixo en Coimbra o 31 de xullo a Fernando Arias [13].

Fernando Arias foi un nobre que formou parte da corte leonesa de Fernando II, como se constata en numerosos diplomas do monarca en que aparece como confirmante [14]. Fillo de Arias Calvo, un aristócrata da comarca de Ribadavia, soubo relacionarse coa máis alta nobreza mediante o matrimonio con Teresa Vermúdez, filla de Vermudo Pérez de Traba, irmán do conde Fernando Pérez de Traba, o magnate máis poderoso e influente de Galicia a mediados do século XII. Pola súa esposa, Fernando Arias estivo relacionado familiarmente co rei de Portugal, Alfonso I Enriques, e con Fernando II. Teresa Vermúdez era filla da infanta Urraca Enriques, irmá de Afonso I, e prima carnal da segunda esposa de Fernando II, Teresa Fernández, filla do conde Fernando. Ademais, seu irmán Xoán Arias estaba casado con outra filla de Fernando Pérez de Traba, Urraca Fernández, matrimonio ao que Fernando II lle encomendara o coidado de seu fillo Alfonso cando o Papa lle anulara o primeiro matrimonio [15].

Na Idade Media, nos reinos hispánicos, os monarcas controlaban parte dos seus territorios mediante a institución das tenzas, que perduraron ata finais do século XII. Ao fronte destas entidades administrativas estaba un tenente que en nome do rei desempeñaba as funcións políticas, xudiciais, fiscais e militares. Os tenentes eran membros da nobreza, de probada lealdade ao rei, quen aproveitaba os nomeamentos para entenderse con este estamento. Fernando Arias debeu gozar dunha gran consideración por parte de Fernando II, se temos en conta as numerosas e importantes tenzas que lle encomendou, como Ribadavia, Benavente ou Tui, entre outras. Como os grandes señores da época, tiña abundantes propiedades, todas elas en lugares próximos a Ribadavia, e foi favorecido polo rei con doazóns, como a da herdade de Sabaceda no Morrazo [16].

En resumo, Fernando Arias foi un nobre rico da corte de Fernando II, emparentado coa poderosa familia do conde de Traba e relacionado co círculo familiar do monarca, quen o honrou con importantes tenzas e o favoreceu con algunhas doazóns.

     6. Relación entre a doazón da herdade de Sabaceda e a construción da igrexa románica de San Martiño.

6.1. As igrexas do Morrazo ata o século XII.

O primeiro documento que informa da implantación do cristianismo no Morrazo [17] é o Parrochiale Suevum, redactado polos bispos de Gallaecia despois do sínodo de Lugo do ano 569, no que se menciona a parrochia de Morracio dependente da diocese de Iria Flavia [18]. As parrochiae, no tempo do reino dos suevos, equivalían nunha gran parte a territorios rurais que no seu conxunto constituían o territorio dunha sé episcopal. Nestas parrochiae ou grandes demarcacións, que frecuentemente eran chamadas dioceses na documentación alto-medieval [19], foron creándose igrexas dende o século V, e, en torno a elas, as freguesías, que incluían a varias vilas, configurando un novo marco territorial na sociedade rural [20]. Nos primeiros tempos, cada territorio contaría cunha igrexa principal, con pía bautismal e un abbas á fronte, e diversas igrexas “secundarias” [21].

Como acontece na maior parte das parrochiae mencionadas neste documento, descoñécense as igrexas que existían na parrochia de Morracio, pois ao teren pouca importancia arquitectónica [22] co tempo fóronse reedificando outras sobre elas, desbordando as liñas da base, en función das necesidades das freguesías que acollían. Pero ademais da falta de fontes arqueolóxicas, son moi escasas as documentais, polo que as orixes do cristianismo e das primeiras igrexas quedan nunha gran escuridade. Ata o século IX non atopamos o primeiro documento que nos confirma que nesta época xa son numerosas as igrexas construídas. Trátase do chamado Documento de Tructino, redactado no ano 868, que enumera 65 igrexas dos territorios da parte norte da diocese de Iria Flavia. O outro documento, que debeu existir e que nomearía as igrexas dos territorios da parte meridional, incluída a demarcación do Morrazo, está desaparecido [23]. A pesar de que non hai datos para extrapolar tal número de igrexas á parte meridiomal, incluída a demarcación do Morrazo, non cabe dúbida de que nesta época tamén tiña que existir unha rede de igrexas semellante neste territorio.

Os territorios rurais ou parrochiae do Parroquiale Suevum van a adquirir a condición de arciprestados rurais ao longo do século XI. No século XII promúlganse tres documentos que confirman esta situación no Morrazo. Se ben a bula do papa Pascual II do 21 de abril do ano 1110 confirma as posesións da Igrexa de Compostela, mencionando a Morracium sen máis determinantes [24], a Constitución do ano 1177, pola que o arcebispo Pedro Suárez divide a diocese en arcediagados, considera expresamente a Morracio como un arciprestado que pasa a depender do arcediagado do Salnés, coas posesións que a Igrexa tamén ten neste territorio [25]. O 20 de marzo do ano 1178, unha bula de Alexandre III confirma todos os privilexios e posesións da Igrexa compostelana, nas que se inclúe o arciprestado do Morraço [26]. Neste último documento tamén se menciona o mosteiro de Ermelo.

A presenza do mosteiro fundado na aldea de Ermelo a finais do século X e reformado polo bispo Diego Xelmírez en 1104, como consta na inscrición que se conserva na igrexa [27], constitúe un importante referente relixioso para todas as parroquias do Morrazo. Se ben estaba orientado na súa actividade sobre todo á ladeira norte, actuando sobre a ordenación do territorio mediante aforamentos e doazóns [28], os freires exercían a súa influencia espiritual sobre todas as freguesías da contorna. Ademais, pola súa boa relación cos labregos e coa nobreza, debían ter unha cumprida información da distribución da propiedade que había no territorio, así como da situación e necesidades das parroquias veciñas.

O Morrazo era, pois, no ano 1184, un arciprestado dependente do arcediagado do Salnés, e, como tal, comprendía unha rede de parroquias, cada unha coa súa igrexa e a correspondente advocación. Das primeiras igrexas, construídas e reformadas ao longo dos seis séculos anteriores para atender á poboación de cada época, non temos información arqueolóxica nin documental. Non obstante, tendo en conta que as advocacións das igrexas constitúen un elemento permanente a través dos séculos, máis aínda cás propias construcións que se van renovando, consideramos que as advocacións, moitas delas documentadas deede os séculos XII e XIII [29], poden servirnos de fío condutor para chegar ata unha rede de igrexas primitivas que debía de existir no Morrazo, polo menos dende a segunda metade do século IX. Entre este século e o XIII, as igrexas irían delimitando os seus territorios en función da configuración das freguesías [30]. A maioría delas converteríanse directamente en sé dunha parroquia coa súa demarcación, posiblemente coa reestruturación total ou parcial do pequeno edificio de culto, en estilo románico, pero continuando no mesmo emprazamento [31].

Por todo o antedito, e atendendo a expresión do diploma <<in loco designato in Sauazeda … in parrochia Sancti … … … [ad] Morracium>>, concluímos que no ano 1184 a parroquia, en cuxa demarcación estaba a herdade de reguengo, era unha das que compoñían a rede de parroquias do arciprestado de Morrazo. A constancia notarial de que o lugar de Sabaceda estaba <<in parrochia Sancti...>>, lévanos a afirmar que esta parroquia tiña que ser a de San Martiño [32], como é a que lle corresponde na actualidade, pero cunha igrexa prerrománica xa que a románica ergueríase no ano 1197. A nova igrexa románica mantería a mesma advocación, por ser esta un elemento permanente de referencia para a freguesía, e tamén o mesmo lugar.

6.2. Proposta para interpretar a relación entre a doazón a Fernando Arias e a reedificación, en estilo románico, da igrexa de San Martiño.

Na igrexa románica de San Martiño hai dúas inscricións, unha ao carón da porta meridional que se transcribe: ERA MCCXXXV HEC ECCLESIA FUNDATA EST DIA VII, e se traduce: ESTA IGREXA FOI CONSAGRADA NUN DOMINGO DO ANO 1197, e outra no tímpano da portada principal que se transcribe: SANCTI EMILIANI : SANCTVS MARTINVS EPISCOPVS : SANCTI BRICII EPISCOPI : ARIAS FECI, e se traduce: Á HONRA DE SANTO EMILIANO : SAN MARTIÑO BISPO : Á HONRA DE SAN BRICIO BISPO : EU, ARIAS, MANDEINA FACER [33].

Se temos en conta que tan só transcorreran trece anos entre a data da doazón que figura no diploma de Coimbra e a da construción da igrexa románica, que a parroquia á que pertencía o lugar de Sabaceda é a que conserva no tímpano da súa igrexa a advocación de San Martiño, e que o destinatario da doazón coincide co nome da inscrición ARIAS FECI, consideramos que ten que haber unha relación entre ambos os dous acontecementos.

Pouco despois de que remataran as obras da Basílica de Compostela, a partir de mediados do século XII, reedificáronse a inmensa maioría das igrexas de Galicia, entre as que atopamos a maior parte dos monumentos románicos [34]. Moitas destas igrexas, entre as que está a de San Martiño de Moaña, coinciden pola data de reedificación co longo pontificado de Pedro Suárez de Deza (1173-1206). Consideramos que este arcebispo reformador, que tamén prestou atención ao “edificio material” da Igrexa como deixou demostrado co Pórtico da Gloria da Catedral, non era alleo a este programa construtivo para adaptar as igrexas da súa diocese ás necesidades das novas freguesías. Para esta finalidade contou con numerosas doazóns, sobre todo de Fernando II, quen se consideraba “obrigado ao Apóstol Santiago e ao arzobispo don Pedro” [35].

Como quedou exposto na análise do texto, no diploma de Coimbra atopamos razóns para entender que a doazón a Fernando Arias, á parte da de pagarlle un servizo prestado, tiña outra finalidade que non quedaba expresada. Estes son os motivos que o confirman: a referencia a unha parroquia coa advocación da súa igrexa para determinar a situación da herdade; a secuencia dación e doazón, dando a entender que a herdade ten un valor superior ao servizo prestado; o motivo da doazón para remedio da miña alma e da de meus pais, cando o destinatario é un laico; e o número de seis bispos confirmantes, como se dunha doazón á Igrexa se tratase.

Concluímos, por todo o exposto, que o 31 de xullo de 1184 en Coimbra, poucos días despois da vitoria de Santarem, no intre de recompensar polos servizos prestados aínda que todos fosen beneficiados polo botín, Fernando II, por intervención do arcebispo Pedro Suárez que estaba presente, fixo a doazón da herdade que tiña en Sabaceda a Fernando Arias, un nobre rico da súa corte, relacionado familiarmente con el e honrado con importantes tenzas, co compromiso ou promesa por parte deste de reedificar a igrexa da parroquia á que pertencía a antedita herdade. Á parte do contexto histórico, o fundamento principal desta última afirmación, que non está expresada no diploma, radica na fórmula <<ad remedium anime mee et parentum meorum>>.

De todas maneiras, Fernando Arias en ningún caso podería motu proprio mandar erguer a igrexa, nin gravar no tímpano a inscrición ARIAS FECI, sen a autorización do Arcebispo de Compostela. O 7 de maio de 1179 o papa Alexandre III promulgara unha bula pola que se lle outorgaba o Palio a Pedro Suárez e, nunha das cláusulas, prohibíaselle expresamente a calquera persoa ou comunidade adquirir ou fundar casas ou igrexas nos lugares propios da Igrexa compostelana, sen coñecemento do Arcebispo [36].


Notas e fontes bibliográficas:

1. A.H.N., CLERO-REGULAR_SECULAR, Armenteira, carp. 1750, n. 14; traslado notarial do ano 1304 en pergamiño de 265x320 mm.

2. Julio González, Regesta de Fernando II, C.S.I.C, Madrid, 1943, pp. 238 e ss.

3. Julio González, op. cit., Selección diplomática, pp. 291-341.

4. Julio González en op. cit., Selección diplomática, p. 328, transcribe unha doazón de maio de 1184 en Cáceres, pola que Fernando II concede a Pedro Peláez as vilas de Guillarey e Sareia. Este diploma, pola invocación inicial e a parte dispositiva coa intitulación e disposición, e tamén pola proximidade cronolóxica, pódenos dar unha idea de cal podería ser o texto que falta. Di así: In nomine Domini nostri Ihesu Christi Amen. Plerumque obliuionis incommoda sentimus cum ea que facimus scripti memorie non commendamus. Ic circo ego Rex dominus Fernandus, u[na cum] filio meo rege domino Adfonso, … … per cartam donationis semper duraturam do et concedo uobis Petro Pelagii … … illas villas meas Guillarey et Sareyia, que sunt de regalengo meo et iacent in ripa Minii … … cum omnibus directuris sive et pertinentiis …

5. O notario de Fernando II  reitera a fórmula ob remedium... (Julio González, op. cit., pp. 233-234), polo que consideramos que ad remedium é unha falta de precisión do traslado, aínda que fose unha fórmula frecuente no século XIII.

6. En lugar desta palabra debía de figurar scriptum no documento orixinal, pois nos diplomas redactados por Magister Bernardus Petri (Julio González, op. cit., p. 236) aparece reiterada a fórmula Ego rex dominus Fernandus una cum filio meo Adefonso hoc scriptum quod fieri iussi proprio robore confirmo, que ten máis coherencia gramatical.

7. O lema do signo de Fernando II, segundo consta en todos os diplomas deste período (Julio González, op. cit., p. 214) é SIGNUM FERNANDI REGIS HISPANORUM, polo que consideramos que o texto que traslada o notario Lariel Perez <<Signum Fernandi Regis hispaneis>>, Signo de Fernando Rei para os españois, non corresponde co orixinal.

8. Para a tradución tivemos en conta o dicionario Léxico hispánco primitivo (siglos VIII al XII), Ramón Menéndez Pidal, Rafael Lapesa e Constantino García, Edición de Manuel Seco, Real Academia Española, Espasa Calpe, Madrid, 2003.

9. Julio González, op. cit., pp. 147-150.

10. López Ferreiro, Antonio, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago, t. IV, Santiago, 1901, pp. 312-329.

11. Julio González en op. cit., Registro de documentos reales, p. 496, recolle tres diplomas do 8 e 9 de xuño de 1184, polo que o rei doa á Igrexa de Compostela respectivamente o Castelo de Daravo (Darbo) en Morrazo, a igrexa de Castro Espino, e a parroquia e igrexa de San Xulián de Encoyrados en Marín, como recompensa polos gastos ocasionados con motivo da expedición contra os sarracenos, … pro bono servitio et precipue in expeditione contra sarracenos in qua pro obsequio meo vos et ecclesiam vestram sumptibus et debitis supra vires vestras onerastis.

12. López Ferreiro, Antonio, op. cit., t. IV, apéndice núm. LIX, p. 164. Fernando II xustifica así esta doazón á Igrexa de Compostela: Donationem autem istam facio ob remedium anime mee et parentum meorum et pro multis obsequiis que mihi in multis fideliter exhibuistis, et specialiter in expeditione quam in portugaliam ad expellendos inde sarracenos duximus, in quas vos et vestram ecclesiam pro servitio nostro sumptibus et debitis plurimum onerastis.

13. Julio González, op. cit., p. 149. Este autor atribúe erroneamente a doazón deste día ao mosteiro de Armenteira, cando o destinatario é Fernando Arias.

14. Julio González en op. cit., Registro de documentos reales, pp. 394 e ss., recolle máis de trinta diplomas nos que figura Fernando Arias como confirmante entre os anos 1167-1187.

15. García Álvarez, M. Rubén, Los Arias de Galicia y sus relaciones familiares con Fernando II y Alfonso I de Portugal, Bracara Augusta, Revista cultural de regionalismo e historia, Braga, Câmara Municipal de Braga, 1966, pp. 25-41. Os datos biográficos sobre Fernando Arias están tomados deste autor.

16. García Álvarez, M. Rubén, en op. cit., p. 40, consigna que, entre outras moitas, lle pertencían diferentes herdades situadas en Gomaríz, Sanín e outros lugares próximos a Ribadavia, polo que hai que consideralo oriúndo desta comarca ourensá. Non consta, pois, que tivera propiedades no lugar de Sabaceda, no Morrazo, con anterioridade á doazón de 1184.

17. Gerardo Sacau Rodríguez, Os nomes da Ría de Vigo, III, Instituto de Estudios vigueses, Vigo, 2004, p. 262. Segundo este autor, a base lingüística orixinaria da palabra Morrazo parece ser un radical preindoeuropeo *morr-, rocha sobresaínte, moi frecuente na construción de orónimos.
Este radical forma parte das palabras do castelán morrena (depósito de materiais arrastrados por un glaciar), e do galego morea (na expresión unha morea de pedras). Este significado está lonxe da connotación zoomorfa que na actualidade se lle atribúe á península pola súa configuración xeolóxica.

18. Novo Güisán, José Miguel, Lugo en los tiempos oscuros. Las menciones literarias de la ciudad entre los siglos V y X (III), Boletín do Museo Provincial de Lugo nº 8, 2, 1997-1998, Deputación Provincial de Lugo, pp. 179-183.

19. García Alvarez, M. Rubén y Alberto Balil, El Cronicón iriense, estudio preliminar, edición crítica y notas históricas, Madrid, 1963. É unha breve crónica sobre o bispado de Iria Flavia, redactada entre 1088 e 1094. Recolle a reorganización do Parrochiale Suevum e presenta a fundación da Sé Iriense como unha decisión do rei católico suevo Miro. O texto no que nomea a Morrazo como diocese é o seguinte: Et Mirus sedi sue Hyriensi contulit dioceses, scilicet, Morracium, Salienensem, Moraniam… (p. 106).

20. James D´Emilio, Los documentos medievales como fuentes para el estudio de las parroquias e iglesias gallegas: el distrito de Monte de Meda (Lugo), Cuadernos de Estudios Clásicos, tomo XLIII, fascículo 108, Santiago, 1996, p. 44. No apartado da formación da rede parroquial cita a F. López Alsina, La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media, Santiago, 1988.

21. José Carlos Sánchez Pardo, Las iglesias rurales y su papel en la articulación territorial de la Galicia medieval (ss. VI-XIII), Mélanges de la casa de Velázquez, 40-1 pp. 149-170, 2010, p. 156.

22. Angel del Castillo, Geografía General del Reino de Galicia, Volumen I, La Arquitectura en Galicia, Barcelona, 1932. Segundo este autor, “En la época sueva es indudable que se levantaron numerosísimos templos, de muchos de los cuales no nos queda recuerdo y muchos de ellos carecerían de importancia arquitectónica” (p. 834).

23. López Ferreiro, Antonio y Fidel Fita, Monumentos antiguos de la Iglesia Compostelana, Madrid, 1882, pp. 33-41. López Ferreiro tamén o publica en Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago, t. II, Santiago, 1898, apéndice II, pp. 6-8, facendo constar que está tomado dun Códice do século XIII ao XIV que se garda no Arquivo da Santa Igrexa compostelá. O documento comeza así: In Era DCCCLXVIII venit dns Tructinus per ordinationem dni Adefonsi principis et consignavit dno Adulfo episcopo ecclesias quecumque sunt proprie Hyriensis Sedis, id est…, e a continuación enumera 65 igrexas, a maioría delas coas súas advocacións. Pero ao percorrer o mapa deste documento, advirten os autores que a parte meridional da diocese queda excluída, posiblemente por estar recollida noutro documento que está desaparecido.
Observando e contabilizando as advocacións das igrexas mecionadas no documento, obtemos a seguinte estadística: Santa María (10), Santa Eulalia (10), San Vicente (6), San Martiño (5), San Pedro (5), San Xoán (4) e, entre outras menos reiteradas, Santiago, San Xulián, San Lorenzo, Santo Tomé, Santa Cristina… A maioría destes nomes designan aínda ás igrexas máis antigas do Morrazo, polo que no hai que descartar que conserven as mesmas advocacións desde esta época altomedieval.

24. López Ferreiro, Antonio, op. cit., t. III, apéndice XXVI, p. 77. Esta bula confirma as posesións da Santa Igrexa: …Terra de Superato, Dormiana… Mons sacer… Terra montium usque ad Avium, Morracium, Salniense… sicut in scriptis eiusdem Ecclesie continentur, é dicir, como constan nas escrituras da propia Igrexa.

25. López Ferreiro, Antonio, op. cit., t. IV, apéndice L, p. 122. Neste documento menciónase o arciprestado de Morrazo, pero tamén se afirma que a Igrexa de Compostela tiña posesións neste territorio: Archidiaconatum quoque de Salnes contentum esse volumus. Archipresbiteratibus de montesacro et de taberiolis et de utriusque montibus et de morania et de salnes et de morracio cum possesionibus de ipso morracio.

26. López Ferreiro, Antonio, op. cit. t. IV, apéndice LII, pp. 126-129. O papa Alexandre III confirma así todos os privilexios e posesións da Igrexa de Compostela: … Et cum terminis totius episcopatus, videlicet, cum archipresbyteratibus de Morraço. Noutra parte deste documento aparece citado o mosteiro Sancti Iacobi de Rivelo (correctamente Ermelo).

27. Miguel Romaní Martínez y Pablo S. Otero Pyñeiro Maseda, El antiguo monasterio de Santiago de Ermelo, Estudio, documentos e índices, C.S.I.C. Santiago de Compostela, 2005, pp. 38-51.

28. Miguel Romaní Martínez e Pablo S. Otero Pyñeiro Maseda, O mosteiro de Santiago de Ermelo: a primeira memoria en pedra de Galicia, en Travesía por tres momentos da historia de Bueu, Fructuoso Díaz García et alii, Deputación de Pontevedra, 2017, pp. 75-76.

29. No século XII encontramos referencias a igrexas do Morrazo coas súas advocacións, precisamente en dous diplomas de Fernando II. O 10 de abril de 1160, nun documento de doazón a un tal Varela da herdade de reguengo que tiña en Cangas, no Morrazo, aparece citada Sancta Maria de Daravo como límite da propiedade real (Julio González, op. cit., Selección diplomática, p. 247), e, poucos anos máis tarde, o 9 de xuño de 1184 (ver nota 11), na doazón que lle fai á Igrexa de Compostela da parroquia e igrexa de San Xulián de Encoyrados en Marín, consta que esta herdade confina con Lugriciana (Lourizán) e con Santo Tomé de Pignario (Piñeiro), (López Ferreiro, Antonio, op. cit., t. IV, p. 336. Cita tumbo A, folio 56 ).
Miguel Romaní Martínez e Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, en op. cit. na nota 25, recollen en Colección diplomática, pp. 82- 89, documentos datados no século XIII nos que se constata que as advocacións das igrexas citadas son as mesmas que na actualidade: … in feligresia Santi Salvatoris de Coyro (1224, enero, 2), … in tota filigresia de Sancti Martini de Bueu (1262, marzo, 19), … in feligresia de Sancta Maria de Beluzo (1262, abril, 28)
Nun documento privado do ano 1255, pódese ler que unha herdade que se afora está in filigresia Sancti Iohannis de Tirán (A.H.N., CLERO-REGULAR_SECULAR, Armenteira, carp. 1760, n. 8).

30. Nos diplomas de Fernando II sempre se utiliza o termo parrochia, mentres que nos documentos privados e locais atopamos reiteradamente a palabra feligresia. A primeira fai referencia a unha división administrativa eclesiástica, mentres que feligresia, do latín filii ecclesie (fillos da igrexa), denomina ao conxunto dos cristiáns que posúen o sentimento de pertencer a unha mesma igrexa. Aínda que se refiren ao mesmo ámbito territorial, a palabra freguesía é a que mellor reflicte a linguaxe da época.

31. José Carlos Sánchez Pardo, op. cit., p. 164.

32. Está confirmado documentalmente que tanto a rede de parroquias como as advocacións das súas igrexas estaba consolidada no Morrazo desde polo menos a segunda metade do século XII (ver nota 29). Por elo, consideramos que hai razóns fundadas para afirmar que a advocación da parroquia que falta no diploma de Coimbra de 1184 debe ser Martini, dando lugar á secuencia <<in parrochia Sancti [Martini de Moania ad] Morracium>> que encaixa no espazo baleiro que se observa no diploma. Poucos anos despois xa queda documentada a ecclesia Sancti Martini de Moania por dous pergamiños de 1232 e 1237, depositados no A.H.N., CLERO-SECULAR_REGULAR, Armenteira, carp. 1759, n. 6, e carp. 1786, n. 19, respectivamente.

33. Xosé B. Rodríguez Parada, As inscricións da igrexa de San Martiño de Moaña, Centro documental da Biblioteca Pública de Moaña, 2018, [En liña]. <http/bibliomoana.blogspot.com>

34. Angel del Castillo, op. cit., p. 872.

35. López Ferreiro, Antonio, en op. cit., t. IV, pp. 331-336, enumera quince doazóns que Fernando II lle fixo á Igrexa de Compostela entre os anos 1175-1184.

36 López Ferreiro, Antonio, op. cit., t. IV, pp. 327-328. Cita Tumbo B, folio 268.


No hay comentarios:

Publicar un comentario